DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 13 de marzo do 2017

O Universidade de Vigo-EXP Xadrez Estratexia pola Paz conta os seus encontros por vitorias

Cara para o xadrez, cruz para o rugby

O Kaleido Universidade caeu ante o Burgos, líder invicto, por 5-45


ImageFin de semana de sorte dispar para os equipos deportivos do campus de Vigo nas diferentes especialidades. Mentres o Universidade de Vigo-EXP Xadrez Estratexia pola Paz sumaba unha nova vitoria, e van seis consecutivas, que o consolidan como líder da Liga Galega, o Kaleido Universidade de Vigo Rugby Club caía ante o líder invicto, o Burgos, por 5-45, e continúa na oitava praza da División de Honra B do rugby nacional pero coa permanencia na categoría xa asegurada matematicamente.

Duvi | Vigo
Fin de semana de sorte dispar para os equipos do campus de Vigo. Mentres o Universidade de Vigo-EXP Xadrez Estratexia pola Paz sumaba unha nova vitoria, e van seis consecutivas, o Kaleido Universidade de Vigo Rugby Club caía ante o líder invicto, o Burgos, por 5-45.

O equipo de rugby, coa permanencia xa asegurada matematicamente, recibía na casa ao líder, os burgaleses do UBU Colina-Clinic, que conta os partidos por vitorias. Os vigueses saíron ao campo con forza e contundencia e aguantaron na primeira parte, conseguindo que os rivais non lograran ensaios na primeira metade. Porén cometeron numerosas indisciplinas, das que os burgaleses souberon sacar partido, chegando ao final da primeira parte cun marcador de 0-12. Tras o descanso, o Kaleido Universidade de Vigo non foi quen de aguantar o poder do UBU, e pagaron o esforzo físico e defensivo previo, encaixando catro ensaios en 10 minutos, que deixaba un marcador en contra de 0-45. Finalmente, e grazas a un ensaio no minuto final de Adolfo Rodríguez, o encontro rematou co 5-45 final. Con este resultado, o vigueses quedan oitavos na táboa clasificatoria da División de Honra B, a dúas xornada do final da temporada, nas que se desprazarán a Durango e pecharán a liga cun derbi na casa fronte ao CRAT Coruña.

O xadrez conta os partidos por vitorias

Igual que lle sucede ao rival do Kaleido Universidade desta fin de semana, o Universidade de Vigo-EXP Xadrez Estratexia pola Paz tamén conta os seus encontros por vitorias, seis de seis, consolidándose como líder da División de Honra da Liga Galega. A vitoria desta fin de semana sobre o Padrón Golfiño A por 5-1 dá máis folgos aos universitarios que nesta ocasión, e a pesar do que reflicte o marcador, non estiveron tan atinados como en roldas precedentes. Como explica o seu capitán, Pablo García, “a resistencia presentada polos padroneses e o leve letargo que parecíamos sufrir, levaron o encontro á cuarta hora de xogo cun só resultado definido, o empate no primeiro taboleiro de Alberto Portela fronte ao Mestre Internacional Diego Espiñeira”. Non obstante, no tramo final das partidas, estas caeron de parte dos universitarios. Deste xeito o Universidade de Vigo-EXP lidera a clasificación con 28 puntos, seguido polo Xadrez Ourense con 24.5 e o CXF InterRías con 21. Na próxima xornada, os viguses viaxarán a Lugo para medirse so Xaquedrum, sexto clasificado, que conta nas súas filas con David Lariño, campión de España en todas as categorías ao longo da súa carreira.

Na Primeira División C, o Escola Deportiva Universitaria de Vigo conseguiu unha importante vitoria tras cinco derrotas consecutivas e fíxoo por 1-3 fronte aos compañeiros do EXP UVigo do campus de Pontevedra. Con todo, e a pesar deste resultado, os vigueses continúan como pechacancelas pero a 2.5 puntos dos postos que lle permitirían manter a categoría. A vindeira fin de semana recibirán ao líder, o Xadrez Tui.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós