DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 14 de marzo do 2017

Premiados na última edición dos Goya e dos Mestre Mateo figuran entre os participantes na súa sexta edición

Augal reúne os éxitos máis recentes do audiovisual galego

‘Sicixia’ abre este mércores un programa integrado por catro longametraxes e unha sesión de curtas


ImageO gañador de dous premios Goya Alberto Vázquez, a directora e o produtor do Mestre Mateo á mellor película, María y los demás, ou o filme que Uruguai presentou como candidata ao Oscar. Estes son algúns dos traballos que forman parte da programación da sexta edición da Máster Class Audiovisual Galego, Augal, que este mércores bota a andar en Ciencias Sociais e da Comunicación coa proxección de Sicixia, de Ignacio Vilar. Catro longametraxes e unha xornada dedicada ás curtas integran o programa deste ciclo con inscrición gratuíta, que un ano máis repite un formato no que as proxeccións complétanse cun coloquio cos e coas responsables dos filmes.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
O gañador de dous premios Goya Alberto Vázquez, a directora e o produtor do Mestre Mateo á mellor longametraxe, María y los demás, ou o filme que Uruguai presentou como candidata ao Oscar a mellor película estranxeira. Estes son algúns dos traballos que forman parte da programación da sexta edición da Máster Class Audiovisual Galego, Augal, que este Catro bota a andar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa proxección de Sicixia, de Ignacio Vilar. Cinco longametraxes e unha xornada dedicada ás curtas integran o programa deste ciclo con inscrición gratuíta e aberto a toda a cidadanía, que coordinan os profesores Miguel Anxo Fernández, Fortunato Rodríguez e Paulino Pérez, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e que un ano máis repite un formato no que as proxeccións complétanse cun coloquio cos e coas responsables dos filmes.

“Este 2016 foi un ano bastante brillante para o audiviosual galego, no que os nosos profesionais conseguiron bastantes éxitos”, salientou o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación dun ciclo que se desenvolverá entre o 15 de marzo e o 3 de maio e que mantén aberta a súa matrícula. Como exemplos deste éxito, Sutil lembrou o premio da crítica do Festival de Cannes que obtiña Mimosas, de Oliver Laxe, quen en abril impartirá un obradoiro no campus dentro do programa do Festival Novos Cinemas, pero tamén algúns dos filmes que integran esta programación como Pisconautas, de Alberto Vázquez, Goya á mellor película de animación; ou María y los demás, nomeada a dous Goya e gañadora de cinco Mestre Mateo.

“Trátase dun evento xa consolidado como referente no sector audiovisual galego, que permite ao alumnado un contacto directo cos profesionais”, engadiu o decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Baamonde, nunha presentación na que o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, destacou que Augal contou nas súas diferentes edicións, polas que pasaron preto de 50 profesionais, “con ex-alumnos do campus”, como é o caso de Alberto Vázquez ou o produtor de María y los demás e profesor da facultade Sergio Frade, “o que dá bo reflexo do que se está traballando aquí e da relación que temos co sector”.

Cinco sesións nas tardes dos mércores

O profesor Paulino Pérez foi o encargado de debullar un programa do que destacou a oportunidade que supón de ter un contacto directo cos realizadores e realizadoras, “e que che conten os seus medos e inquedanzas, o difícil que é facer cine”. Con entrada libre ata completar un aforo de preto de 100 persoas, Augal arrinca este mércores ás 16.00 horas coa proxección de Sicixia, o novo filme do director de A Esmorga, Ignacio Vilar. Á semana seguinte chegará a quenda de María y los demás, o premiado filme de Nely Regueira, nunha sesión protagonizada polos seus produtores Luisa Romero e Sergio Frade.

Xa o mércores 29, chegará o momento de conversar con “tres mulleres a seguir”, as autoras de tres das curtas incluídas no catálogo Shorts from Galicia, que impulsou a Agadic. Trátase de Einstein-Rosen, de Olga Osorio, gañadora do Mestre Mateo á mellor curtametraxe; Men, de Diana Toucedo; e Volver allí, da ex-alumna de Comunicación Audiovisual Lucía Estévez.

Tras esta sesión, Augal retornará o 26 de abril con Migas de Pan, unha coprodución hispano-uruguaia, seleccionada como candidata aos Óscar neste país, que presentarán no campus a súa director Manane Rodríguez e o seu coguionista, Xabier Bermúdez. Xa por último, a máster class que se completa coas fotografías que os profesores Jorge Lens e Carlos Soutelo realizan dos diferentes convidados e convidadas co propósito de dar forma a un catálogo, pechará a súa sexta edición o 3 de maio, coa proxección de Psiconautas e un coloquio co seu director.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós