DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 14 de marzo do 2017

Coa novidade da participación do alumnado e de grupos de investigación de referencia

A Crusoe traballará para ampliar o programa de mobilidade Iacobus á macrorrexión de Rexións do Sudoeste de Europa

En paralelo á reunión celebrada en Vigo, a comunidade autónoma de Cantabria adheriuse á Resoe


Image O programa de mobilidade macrorrexional de Galicia e o norte de Portugal, Iacobus, verá ampliado o seu ámbito xeográfico, así como os colectivos que del se están a beneficiar, tralo acordo adoptado hoxe pola Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa, Crusoe, reunida en Vigo, nunha xuntanza previa ao acto de celebración e ratificación da adhesión da comunidade autónoma de Cantabria á macrorrexión de Rexións do Sudoeste de Europa, Resoe, no que participaron os presidentes e responsables políticos de Galicia, Asturias, Castela e León, as rexións norte e centro de Portugal e Cantabria. Así mesmo, na xuntanza, a Resoe realizou unha encomenda formal á Conferencia de Reitores para elaborar un mapa de capacidades por sectores e actividades económicas que permita posicionar politicamente determinados tipos de proxectos tractores para o seu financiamento estrutural.

Duvi | Vigo
O programa de mobilidade macrorrexional de Galicia e norte de Portugal, Iacobus, verá ampliado o seu ámbito xeográfico, así como os colectivos que del se están a beneficiar, tralo acordo adoptado hoxe pola Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa, Crusoe, reunida en Vigo, nunha xuntanza previa ao acto de celebración e ratificación da adhesión da comunidade autónoma de Cantabria á macrorrexión de Rexións do Sudoeste de Europa, Resoe, no que participaron os presidentes e responsables políticos de Galicia, Asturias, Castela e León, as rexións norte e centro de Portugal e Cantabria.

As e os representantes das 22 universidades e politécnicos de Galicia, Asturias, Castela e León e as zonas norte e centro de Portugal que integran a Crusoe celebraron unha xuntanza na Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi, na que o presidente da Conferencia e reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, solicitou á Resoe a execución dun programa de mobilidade macrorrexional similar ao Iacobus, que ata o de agora estaba operativo na eurorrexion Galicia-norte de Portugal, pero ampliado ao ámbito xeográfico da Resoe e do que ademais do PAS e do PDI, tamén se beneficiarían o alumnado e os grupos de investigación de referencia das institucións académicas que integran a Crusoe. Así mesmo, na xuntanza a Resoe realizou unha encomenda formal á Conferencia de Reitores para elaborar un mapa de capacidades por sectores e actividades económicas que permita posicionar politicamente determinados tipos de proxectos tractores para o seu financiamento estrutural.

Na súa intervención ao inicio da reunión, o reitor da Universidade de Vigo congratulouse da celebración hoxe en Vigo da xuntanza da Crusoe ao tempo que destacou a importancia de que a comunidade autónoma de Cantabria se adhira á Resoe. Pola súa banda o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avogou pola cooperación entre as institucións académicas que integran a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa, poñendo en valor as súas potencialidades para competir nun mundo globalizado. “Se nos especializamos e buscamos en que podemos competir, captaremos máis recursos e seremos quen de posicionarnos nun mundo máis aberto e se non, quedaremos atrás”, sinalou o titular de Educación, que destacou a grande oportunidade que considera constitúe a Crusoe para consolidar o traballo das universidades, que deben actuar como elemento tractor nunha sociedade do coñecemento. Nesta idea tamén incidiu na celebración do acto de adhesión de Cantabria á Resoe o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que apuntou a importancia de apoiar á Crusoe e ás súas iniciativas, ao tempo de gabou o papel que está a desenvolver o reitor da Universidade de Vigo, ao que cualificou de “alma mater” deste proxecto.

Un Iacobus reconvertido e un mapa de capacidades para posicionar proxectos

Inspirándose no modelo que os últimos catro anos alentou o programa de mobilidade Iacobus da macrorrexión Galicia-norte de Portugal, a Crusoe traballará nunha proposta que trasladará en maio aos presidentes da Resoe co obxectivo de ampliar o seu ámbito xeográfico ás rexións do sudoeste de Europa, así como os seus beneficiarios, de xeito que ao PAS e ao PDI se sumaría o alumnado e tamén os grupos de investigación de referencia en cuestións de especial interese para a Resoe como son a demografía, o avellentamento activo, a empregabilidade na mocidade, infraestruturas, transporte e enerxía limpas.
Con esta reconversión, Iacobus, que estaría xestionado directamente pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial, contaría ademais con dous tipos de aplicación orzamentaria para xestionar, por unha banda, os gastos con cargo a fondos Feder, que financiaría a parte de Galicia e norte de Portugal, e doutra banda, o gasto procedente de achegas locais do socios que non reciben financiamento estrutural directo. Un procedemento, este último, que podería levarse a cabo por unha vía de solidariedade, de xeito que cada socio achegue unha cantidade e logo se reparta o total en función dos proxectos validados, seguindo a mesma arquitectura do programa Iacobus actual.

Na sesión celebrada hoxe tamén se realizou a encomenda formal por parte da Resoe á Crusoe para cruzar as Ris3 de cada unha das rexións que a integran co obxectivo de que a macrorrexión teña, ao igual que xa existe en Galicia, un mapa de capacidades por sectores e actividades económicas, que permita posicionar politicamente determinado tipo de proxectos tractores para o seu financiamento estrutural. A finalidade desta acción é que estes proxectos centrados nas áreas que neste intre son prioritarias para a Resoe como son demografía, avellentamento activo, empregabilidade na mocidade, infraestruturas, transporte e enerxía limpas, acaden o maior financiamento posible.

A Resoe gaña peso coa incorporación de Cantabria

Creada en setembro de 2010, a denominada Macrorrexión do Suroeste de Europa, Resoe, territorio que compoñen Galicia, Asturias, Castela e León e a zona norte e centro de Portugal, segue a medrar e a gañar masa crítica e faino coa incorporación de Cantabria, que hoxe se sumou a este proxecto “con todo o noso ánimo de traballar xuntos na defensa común das múltiples cuestións que a todos nos afectan”, tal e como como subliñou tras o acto de adhesión o seu presidente, Miguel Ángel Revilla, que compadeceu ante os medios de comunicación acompañado do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; os seus homólogos de Asturias e Castela León, Javier Fernández e Juan Vicente Herrera, e os responsables das dúas rexións portuguesas, Fernando Freire de Sousa e Ana Abrunhosa.

“Esta incorporación creo que pon de manifesto o grande interese e a gran proxección deste proxecto”, explicou o presidente de Castela León, Juan Vicente Herrera, que lembrou a posta en marcha dunha iniciativa que, “sen xerar novas infraestruturas nin costes administrativos”, parte dunha realidade que é un territorio de case 190.000 quilómetros cadrados no que viven preto de 13 millóns de cidadáns, “unha parte moi importante da península ibérica e tamén unha parte nada menosprezable do conxunto da Unión Europea”.

Tras o acto de sinatura da incorporación de Cantabria, os respectivos presidentes autonómicos fixeron fincapé na existencia activa duns intereses e duns retos que son comúns a todos os integrantes desta macrorrexión, e tamén dunha vontade firme de colaboración para buscar solucións e aproveitar oportunidades en beneficio de todos os cidadáns, facendo referencia explícita aos beneficios de compartir recursos e de funcionar como un único organismo á hora de solicitar financiamento europeo.

Ademais de formalizar a incorporación de Cantabria, na xuntanza de hoxe en Vigo, definíronse uns eixes prioritarios de actuación dirixidos, entre outras cuestións, a superar os diferentes retos aos que se enfrontan,” de xeito común”, todos os territorios deste macrorrexión, e que inclúen, segundo explicaron, dende o reto demográfico, a todos aqueles relacionados coa competitividade industrial, o emprego, o turismo, o transporte e a loxística e tamén a consecución da investigación de excelencia na educación superior. “Non hai que esquecer que neste territorio reunimos 22 entidades de ensinanza superior, universidades nas que estudan case medio millón de universitarios”, explicou o presidente de Castela León, ao que o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo engadiu que “é necesario seguir apostando por atraer e reter o talento, talento mozo que, ademais de favorecer o crecemento da nosa economía, resulta fundamental para afrontar o grande reto para os próximos anos: o declive demográfico”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós