DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 14 de marzo do 2017

Nunha conferencia ofrecida polos emprendedores Daniel Diéguez e Pablo Piñeiro

Ciencias Empresariais e Turismo introduce ao seu alumnado nas vantaxes da cooperación

Os relatores destacaron a importancia de colaborar pensando en solucionar problemas aos demais


ImageÁ hora de falar de cooperación, recoñecen Daniel Diéguez e Pablo Piñeiro, emprendedores e socios cooperativistas, son moitas as persoas ás que lles xorden moitas dúbidas sobre a súa conveniencia ou non. Para explicar ao alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense como cooperar si lles pode axudar a sacar adiante proxectos propios, Diéguez e Piñeiro ofreceron este martes unha conferencia neste centro. “O noso obxectivo con este tipo de accións é facer pensar ás persoas sobre o que realmente precisan para sacar adiante un proxecto entre varios”, destacou Daniel Diéguez.

Rosa Tedín | Ourense
Á hora de falar de cooperación, recoñecen Daniel Diéguez e Pablo Piñeiro, emprendedores e socios cooperativistas, son moitas as persoas ás que lles xorden moitas dúbidas sobre a súa conveniencia ou non. Para explicar ao alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense como cooperar si lles pode axudar a sacar adiante proxectos propios, Diéguez e Piñeiro ofreceron este martes unha conferencia neste centro. “O noso obxectivo con este tipo de accións é facer pensar ás persoas sobre o que realmente precisan para sacar adiante un proxecto entre varios”, destacou Daniel Diéguez.

A conferencia, titulada Cooperar para sacar o teu proxecto adiante e presentada pola docente Marta Rodríguez, permitiu aos asistentes afondar tanto no discurso teórico arredor da cooperación como sobre todo na súa práctica a través da experiencia persoal e profesional dos relatores. “O relevante é ver que problemas ten a xente e axudarlle a quitarse problemas de diante, non xerarlle máis, esa é a clave”, recalcou Diéguez, egresado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Froito da inquedanza por este eido de actuación, apuntou, no ano 2012 Pablo Piñeiro e el crearon en Verín a cooperativa Apoio.coop, que se define como unha “cooperativa de formación innovadora que dinamiza persoas e organizacións para axudarlles a cambiar, desenvolvendo o seu potencial”. Deste xeito, apuntou durante a conferencia, o seu obxectivo é “axudar á xente a crear proxectos entre varios “ e “a tomar decisións”, ademais da formación a medida e o acompañamento no desenvolvemento das iniciativas postas en marcha.

Un exemplo

Entre os exemplos expostos este martes durante a súa intervención estivo o que levou a cabo Pablo Piñeiro, proxecto que se materializou na publicación do libro De tu corazón a mi libro. O emprendedor percorreu Galicia durante ano e medio co lema “escoito historias de amor gratis” e convidando a todas as persoas que tiveran algunha historia de amor que contar a unirse a esta iniciativa contándolla a el para o seu libro. “Foi todo un proxecto cooperativo, que naceu sen diñeiro e que foi posible grazas á xenerosidade da xente”, apuntou Piñeiro.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós