DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 15 de marzo do 2017

O 20 de marzo proxectarase o documental coa presenza de Pedro Pablo Alonso e Santiago Formoso

'Alén do Cosmos' e os seus protagonistas farán parada no campus

O audiovisual conta a historia dun emigrante galego que rematou xogando no equipo de fútbol de Nova York


ImageAlén do Cosmos “é un documental sobre o periplo vital de Santiago Formoso, un galego que a finais dos 60 emigrou a Nova York, onde empezou a estudar grazas a unha bolsa deportiva universitaria e acabou gañando a vida como futbolista no lexendario New York Cosmos, xunto a estrelas como Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Johan Cruyff”. Con estas palabras preséntase o documental sobre “un galego-americano máis dos moitos que viven en Queens ou Newark” pero que ten detrás de si “unha interesante experiencia que contar sobre o deporte, o negocio e a vida concibida como espectáculo”. O audiovisual e o seus protagonistas farán parada o 20 de marzo no campus.

Duvi | Ourense
Alén do Cosmos “é un documental sobre o periplo vital de Santiago Formoso, un galego que a finais dos 60 emigrou a Nova York, onde empezou a estudar grazas a unha bolsa deportiva universitaria e acabou gañando a vida como futbolista no lexendario New York Cosmos, xunto a estrelas como Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Johan Cruyff”. Con estas palabras preséntase o documental sobre “un galego-americano máis dos moitos que viven en Queens ou Newark” pero que ten detrás de si “unha interesante experiencia que contar sobre o deporte, o negocio e a vida concibida como espectáculo”. O audiovisual e o seus protagonistas, tanto o seu director como Formoso, farán parada o vindeiro luns 20 de marzo no campus de Ourense.

A proxección do documental producido por Quadra Producións e dirixido polo xornalista Pedro Pablo Alonso terá lugar ás 20.00 h na Sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, sendo o acto de balde e aberto a todas as persoas interesadas. O acto está organizado pola Asociación de Maiores Aulas de Formación Aberta do Campus de Ourense. “Como aínda non se estreara na cidade de Ourense pareceunos interesante proxectar este documental no campus para que o público ourensán tamén tivera a oportunidade de ver unha historia persoal extraordinaria e sobre todo unha historia da emigración”, comenta Xan Losada, presidente da asociación. A previsión é, apunta, que ao acto asistan tanto o director da peza como o seu protagonista.

Segundo explican os responsables do audiovisual, “Alén do Cosmos quere ser máis que a simple crónica dun emigrante galego en Estados Unidos, e moito máis que a descrición dun episodio peculiar na historia do fútbol”. A experiencia vital e profesional de Santiago Formoso, así como as súas opinións sobre a sociedade que o acolleu, “artellan un relato esclarecedor sobre o actual proceso de globalización cultural e económica”. O potencial da historia, recalcan, funciona a varios niveis. “A nivel local, reflicte o periplo dun emigrante (que vai do arquetípico ao excepcional), así como unha historia universal na que Vigo e Galicia son protagonistas. A nivel internacional, a película trata ante todo de transmitir unha experiencia de auténtico cosmopolitismo (lembremos, por exemplo, que no equipo do Cosmos Formoso chegou a convivir con xogadores de 17 nacionalidades diferentes). Ademais, como precedente do actual modelo futbolístico, a andaina do noso protagonista constitúe unha metáfora excelente sobre a espectacularización da sociedade contemporánea, así como un vehículo idóneo para achegarse aos contrastes entre Estados Unidos e Europa”, salientan desde Quadra Producións.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós