DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 15 de marzo do 2017

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, imparte este mércores unha conferencia na Casa das Campás

Cando a literatura galega vivía aos pés da lareira

O seu relatorio céntrase nas cantigas populares de tradición oral e nas múltiples temáticas que abordan


ImageDurante os séculos XV, XVI ou XVII nos que “practicamente non se escribía en galego”, aquilo que se contaba e que se cantaba nas casas arredor das lareiras constituía “o alimento literario” do idioma, “a única literatura galega que había”, como sostén o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Afondar na importancia e na beleza do cancioneiro popular galego, daquelas pezas xurdidas do imaxinario popular que se ían transmitindo de xeración en xeración é o propósito da conferencia que o catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela imparte esta tarde na Casa das Campás.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Durante os séculos XV, XVI ou XVII nos que “practicamente non se escribía en galego”, aquilo que se contaba e que se cantaba nas casas arredor das lareiras constituía “o alimento literario” do idioma, “a única literatura galega que había”, como sostén o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Afondar na importancia e na beleza do cancioneiro popular galego, daquelas pezas xurdidas do imaxinario popular que se ían transmitindo de xeración en xeración é o propósito da conferencia que o catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela imparte esta tarde na Casa das Campás. “Hai cántigas de catro versos que son pequenas mostras de literatura, como noutro sentido sono tamén os romances”, salienta este filólogo e sociolingüista, que ten nestas mostras da literatura popular un dos seus obxectos de estudo e preocupación desde hai moitos anos.

De feito, Alonso Montero publicou en 1967 o primeiro cancioneiro popular de temática social, no que recollía unha serie de pezas que amosaban, como apunta, “que a canción protesta non a inventou en Galicia Voces Ceibes, senón que no cancioneiro popular hai moitas cántigas críticas cos caciques, contra os malos administradores, contra os abusos...”. Do amor, da problemática social e doutros temas no cancioneiro popular da tradición oral é de feito o título dun relatorio que se enmarca nos Encontros nas Campás, que a Vicerreitoría do campus promove xunto co Programa para Maiores e ao que este ensaísta achega varios exemplos daquelas cántigas que lle impactaron na súa infancia na aldea de Ventosela, en Ribadavia. “A cántigas populares de catro ou tres versos son a miña primeira universidade literaria”, recoñece este estudoso da tradición oral, que nesta actividade que o reúne co alumnado do Programa para Maiores, “que de seguro saben tantas cántigas coma min, aínda que non as valorasen moito”, trata de incidir como, ao igual que acontece na poesía culta, “a musa popular non só serve para falar de amor, senón que hai tamén unha musa de protesta”.

“Fistor é unha palabra galega curiosísima que significa poeta popular, e en Galicia houbo moitos fistores e fistoras”, engade Alonso Montero, quen pon de relevo a existencia de “cántigas extraordinarias” na tradición popular, que nos séculos XIX e XX espertaron o interese de diferentes eruditos. “O padre Sarmiento, por exemplo, quedou impresionado pola súa riqueza lingüística e a súa beleza”, apunta o presidente da RAG, que lembra tamén que en 1876 José Pérez Ballesteros publicou en tres tomos un cancioneiro popular galego no que recollía milleiros de mostras destas pezas xurdidas deses “poetas populares”.

Mostras doutro mundo que preservar neste

“As cántigas consérvanse na memoria dos máis vellos do mundo rural”, recoñece Alonso Montero, quen lembra que nos tempos previos á chegada ás casas da radio ou a televisión, aquilo que se contaba e se cantaba “ao pé do lume nas lareiras ou nas tabernas” era unha parte fundamental do “ocio cultural” da xente. Mais, hoxe “nun mundo totalmente distinto” este tipo de prácticas “xa non están vixentes na vida, pero si teñen que estalo na literatura, como o están as cantigas de amigo dos séculos XIII e XIV”. Nese senso, o presidente da Academia pon de relevo que diferentes estudos teñen amosado como o cancioneiro popular galego permitiu aos e ás lingüistas atopar “formas e voces que non aparecen noutro tipo de texto”, así como o papel inspirador que xogou na poesía culta. “O propio libro fundacional da literatura galega chámase Cantares gallegos porque o que fai Rosalía nese libro é recoller un cantar que ela oíu e glosalo”, engade.


Da tradición galega ao país do sol nacente

Trala conferencia de Alonso Montero, as actividades abertas a toda a cidadanía na sede da Vicerreitoría continúan este xoves ás 20.00 horas coa conferencia na que o profesor Javier Villalba proporá un achegamento á importancia que o budismo Zen tivo na arte e na cultura do Xapón. Trátase da primeira sesión do ciclo dedicado ao país do sol nacente que a Vicerreitoría promove xunto coa Fundación Xapón en España, que se completa o vindeiro martes 21 coa conferencia Amor e intimidade na época Heian, a cargo do profesor da Universidad Complutense de Madrid Carlos Rubio.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós