DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 15 de marzo do 2017

A activista congoleña foi galardoada polo seu labor de promoción da igualdade

Antoniette Kankindi, Premio Harambee 2017, reivindica no campus o papel da muller como motor de África

Compartiu as súas ideas e proxectos coa comunidade universitaria nunha conferencia en CC Xurídicas e do Traballo


ImageA filósofa e activista congoleña Antoniette Kankindi, profesora da Universidade de Strathmore, en Nairobi (Kenia), visita estes días España para recibir o Premio Harambee 2017 á Promoción e Igualdade da Muller Africana, un galardón dirixido a recoñecer o labor das africanas que co seu traballo diario se converten en motor da sociedade na que viven. Onte participou en Madrid nun acto de presentación co que a ONG Harambee, que concede o premio, busca amosar “os rostros protagonistas do cambio no continente africano” e hoxe compartiu as súas ideas e proxectos coa comunidade universitaria viguesa.

D. Besadío | Vigo
A filósofa e activista congoleña Antoniette Kankindi, profesora da Universidade de Strathmore, en Nairobi (Kenia), visita estes días España para recibir o Premio Harambee 2017 á Promoción e Igualdade da Muller Africana, un galardón dirixido a recoñecer o labor das africanas que co seu traballo diario se converten en motor da sociedade na que viven. Onte participou en Madrid nun acto de presentación co que a ONG Harambee, que concede o premio, busca amosar “os rostros protagonistas do cambio no continente africano” e hoxe compartiu as súas ideas e proxectos coa comunidade universitaria viguesa nunha conferencia que tivo lugar na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e na que insistiu en que é imposible mellorar a vida en África se non se traballa por mellorar a situación da muller e por darlle á xuventude razóns para ter esperanza.

“A nivel persoal o máis interesante deste premio é que é o recoñecemento a un esforzo que levo tempo facendo e que non tiña claro que alguén o notase, por iso para min saber que si, que é visible, é toda unha estimulación para seguir”, subliñou Antoniette Kandindi ante os numerosos alumnos e alumnas que asistiron á súa charla no campus.

“A muller africana ten xa certos tipo de liderado, só hai que sacalos á luz”

No 2013 Kankindi foi convidada ao Seminario Internacional de Liderado da Muller celebrado en Lilongwe, capital de Malawi, e alí tivo a oportunidade de impartir unha conferencia sobre liderado das mulleres de África, con tanto éxito que o UAF-A (Fondo de Acción Urxente-África) financioulle un programa que se desenvolveu ao longo dos últimos anos e no que participaron mulleres empresarias, políticas, xornalistas e científicas de países como Camerún, Congo, Costa de Marfil ou Kenia, o que a fixo merecedora do premio que agora está a recibir, “e que me pillou totalmente por sorpresa”, tal e como admitiu a activista, ao tempo que explicou que este proxecto naceu para dotar de habilidades de liderado e integridade a mulleres novas, así como para proporcionarlles coñecementos dos seus dereitos e responsabilidades e así poder axudarlles a mellorar os medios de vida sostibles, para elas e para outras mulleres.

Nun perfecto español, “fixen o doutoramento na Universidade de Navarra dende o 2005 ata o 2008 e aí tiven a oportunidade de perfeccionar o idioma, pero a miña paixón por esta lingua e pola súa literatura chegoume da man dun profesor da escola que estaba namorado do Século de Ouro español”, KanKindi tentou explicar que, se ben se fala a miúdo de empoderamento e liderado da muller, “a min o que me gustaría é que a xente entenda que a muller africana ten xa un certo tipo de liderado que, polos desafíos da cultura moderna, só hai que sacalos á luz para que ela poida facer máis cousas que faciliten o desenvolvemento da súa sociedade”.

‘Todos xuntos’

Na súa visita a Vigo Kankindi estivo acompañada pola profesora de Dereito Financieiro e Tributario Carmen Ruíz Hidalgo e o delegado en Vigo da ONG Harambee, Fernando García Bermejo, quen explicou que Harambee –que en swahili significa ‘todos xuntos’- é un proxecto internacional de solidariedade coa África subsahariana que colabora con proxectos educativos, sanitarios ou asistenciais, impulsados e realizados por africanos nos seus países. “A min o que me gustaría e que vós, que sodes o futuro desta sociedade, vexades este acto como unha oportunidade e que vos deades conta de que son moitas as cousas que podedes facer polos demais”, explicoulles ás persoas que asistiron á conferencia.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós