DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 16 de marzo do 2017

O encontro entre seleccións disputarase o sábado no campus de Ourense

Contra atrás para un Galicia-Francia que aspira a marcar un fito no fútbol gaélico galego

A entrada é gratuíta e aberta a todas persoas interesadas


ImageO fútbol gaélico galego conta con ilusión os días que restan para a celebración este sábado, 18 de marzo, dunha cita que está chamada a marcar un fito histórico para este deporte e non só en Galicia. As instalacións deportivas do campus de Ourense acollerán a celebración dun encontro amigable entre as seleccións femininas e masculinas de Galicia e Francia. Desde a organización destacan o recoñecemento que supón este evento para o traballo feito polos equipos galegos e o pulo que lle dará a este deporte o encontro, que será o primeiro partido televisado da historia do fútbol gaélico en Europa segundo recalcou Brian Sheehy, presidente de Gaelic Games Europe.

Duvi | Ourense
O fútbol gaélico galego conta con ilusión os días que restan para a celebración este sábado, 18 de marzo, dunha cita que está chamada a marcar un fito histórico para este deporte e non só en Galicia. As instalacións deportivas do campus de Ourense acollerán a celebración dun encontro amigable entre as seleccións femininas e masculinas de Galicia e Francia. Desde a organización destacan o recoñecemento que supón este evento ao traballo feito polos equipos galegos e o pulo que lle dará a este deporte. Será o primeiro partido televisado da historia do fútbol gaélico en Europa segundo recalcou recentemente Brian Sheehy, presidente de Gaelic Games Europe.

Categoría masculina e feminina

As portas do campo de fútbol-rugby ourensán estarán abertas para todas as persoas interesadas en acudir a este evento dende as 16.30 h, sendo a entrada gratuíta e libre. Ás 17.00 h celebrarase o partido feminino mentres que o masculino terá lugar ás 18.30 h. As persoas que non poidan achegarse poderán seguir o encontro en directo na segunda canle da Televisión de Galicia.

Os xogadores e xogadoras que representarán a Galicia veñen adestrando nas últimas semanas entre o crecente interese e apoio que suscita a súa cita no eido deportivo. No caso do equipo masculino, que ten como seleccionador a Alexandre Sanmartín ‘Jano’, están convocados Jacobo Dorribo, David de la Torre ‘Cebo’, Pablo Bermejo, Alberto Méndez, Álex Seijas, Julio Brandido, David Fuentes ‘Kanario’, Iago Couso, Juan Mejuto, Gonzalo Cerviño, Mario Iglesias, Diego Diéguez, Manu Suárez, Daniel Santalla, Marcos Gañete ‘Corba’, Adriano Quiroga, Rubén Leborán e Juan Fariñas. No caso da categoría feminina, que ten como seleccionadores a Pablo da Silva e Santiago Rodríguez, están convocadas Carmen Fernández ‘Kamy’, Inés Carballo, Lorena Pereiro, Nuria Tilve, Lucía Mella, Patricia García, Ánxela Estévez, Cristina Magariños, Andrea Campos, Laura Paz, Carme Reboreda, María Crespo, Vanesa Calviño, Alba Rodríguez, Eva Lago, María Rodríguez ‘R2’, María García ‘Mery’ e Laura Nercellas.

Un deporte emerxente

A acollida desta cita, destacan desde o Auriense FG, o equipo creado no campus de Ourense pola Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE e anfitrión deste encontro entre seleccións, supón un pulo importante á aposta que se está facendo nos últimos anos na cidade de Ourense por potenciar este deporte. “Recordar que nesta tempada, o club conta con participación masculina e feminina, así como representación na liga mixta. Ademais, este ano púxose en marcha a primeira escola universitaria de fútbol gaélico e, a finais da tempada anterior, organizou a Copa Galega en Xinzo, coa presenza de case a totalidade dos clubs galegos e máis de 300 participantes. Un excelente traballo que ten como recompensa o primeiro encontro internacional na cidade de Ourense”, destacan desde o Auriense.

Pola súa banda, desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, salienta como “o crecemento do número de equipos que practican o deporte rei irlandés en conxunto co alto nivel dos seus xogadores e xogadoras, fixo posible a creación da Selección Galega de Fútbol Gaélico, a cal representa á nosa comunidade fóra dela”. En agosto de 2016, lembran, desprazáronse ata Dublín para disputar os segundos Xogos Mundiais dos deportes gaélicos, competindo contra seleccións cuxas ligas teñen máis de 50 anos de historia. Dando un paso máis nesta puxante traxectoria, este sábado o fútbol gaélico galego agarda con moita ilusión o dobre enfrontamento amigable coa selección francesa.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós