DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 16 de marzo do 2017

Recibíronse 38 propostas, cunha presenza feminina de máis do 42%

O mundo dixital e as novas tecnoloxías triunfan na sexta edición dos premios Incuvi-Emprende

Brigantia e .beLeader, premiados na convocatoria Incuvi-Avanza de consolidación empresarial


ImageA sexta edición da convocatoria Incuvi-Emprende xa ten os seus gañadores. Este xoves desveláronse os proxectos que pasarán o vindeiro ano nas instalacións de incubación dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. 12 iniciativas emprendedoras escollidas entre 23 finalistas, das cales seis son do campus de Vigo, catro de Ourense e dúas de Pontevedra, ademais de dous accésits, un en Vigo e outro en Pontevedra. As novas tecnoloxías e a contorna dixital consolidan ano tras ano a súa presenza entre os proxectos gañadores, ben sexa a través de aplicacións móbiles ou de plataformas de networking ou economía colaborativa. Con todo, esta convocatoria foi a primeira de Incuvi á que se presentaron proxectos de todos os eidos do coñecemento e “cun fortísimo aumento da participación de estudantes do noso campus da creatividade”, como explicaba na súa intervención a vicerreitor da Estudantes, Dolores González.

M. Del Río / D. Besadío | Vigo
A sexta edición da convocatoria Incuvi-Emprende xa ten os seus gañadores. Este xoves desveláronse os proxectos que pasarán o vindeiro ano nas instalacións de incubación dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. 12 iniciativas emprendedoras escollidas entre 23 finalistas, das cales seis son do campus de Vigo, catro de Ourense e dúas de Pontevedra, ademais de dous accésits, un en Vigo e outro en Pontevedra. As novas tecnoloxías e a contorna dixital consolidan ano tras ano a súa presenza entre os proxectos gañadores, ben sexa a través de aplicacións móbiles ou de plataformas de networking ou economía colaborativa. Con todo, esta convocatoria foi a primeira de Incuvi á que se presentaron proxectos de todos os eidos do coñecemento “cun fortísimo aumento da participación de estudantes do noso campus da creatividade, o de Pontevedra”, como explicaba na súa intervención a vicerreitora da Estudantes, Dolores González. Tamén se incrementou de xeito importante a participación feminina, xa que dos 38 proxectos que se presentaron en total, o 42,5% das persoas impulsoras son mulleres. De feito, entre os gañadores tamén se mantén unha situación case de equidade, con 12 homes e 11 mulleres.

No acto de entrega de diplomas e das chaves que abrirán as que serán as súas oficinas durante os vindeiros doce meses, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, agradeceu ás entidades colaboradoras o seu “apoio fundamental e a súa aposta polo talento que xurde da nosa Universidade, que é o maior tesouro que temos”. Mato, que estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Ana Mª Ortiz e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, destacou que “como institución temos que facer posible que o noso alumnado poida ter ferramentas para canalizar o seu talento e que este se poida converter en prosperidade, progreso, crecemento económico e emprego para a nosa sociedade”. Engadiu que este tipo de propostas de empredemento son “unha vía máis para que o alumnado se mergulle no mercado laboral e teña a oportunidade de botar raíces no país”.

Neste sentido, a vicerreitora Dolores González explicaba que neste 2017 se pecha un ciclo, o primeiro lustro de Incuvi, con 46 equipos e máis dun cento de mozos e mozas, estudantes ou egresados, pertencentes aos tres campus e a todos os eidos do coñecemento: “Incuvi é xa unha realidade como fábrica de emprendedores e con el estamos asistindo ao cumprimento dunha materia pendente da universidade española".

Seis novos emprendedores para Vigo

Nas instalacións da pre-incubadora do campus de Vigo, situada na Cidade Universitaria, os seis proxectos gañadores disporán durante un ano dun ecosistema de crecemento e maduración das súas ideas. Entre os seleccionados hai propostas de moi diferentes eidos, dende as redes sociais e a economía colaborativa a propostas máis tanxibles relacionadas coa construción ou o sector alimentario. Bursay-Language & Digital Services é unha das ideas seleccionadas, unha axencia dixital de expertos lingüísticos para tarefas de tradución, corrección e redacción de textos en galego. Os seus promotores, Yasmina Figueroa e Rubén Pérez, egresados de Filoloxía e Tradución, explican que Bursay combina servizos lingüísticos e dixitais e “como expertos nesta rama somos conscientes da urxente necesidade de mellorar o estatus do galego, tanto traballando con el como ofrecendo servizos de mellora de calidade e prestixio”.

No contexto tecnolóxico está DIBLEO - Networking Community, unha rede social de emprendemento universitario que crea relacións de networking entre profesionais que actúan como mentores e mozos e mozas emprendedores. Neste mesmo campo encaixa WCube, un espazo virtual para exhibir arte contemporánea impulsado por un estudante da EE Industrial e unha egresada de Belas Artes, coa finalidade de crear “unha galería virtual” para achegar á mocidade mediante unha contorna dixital a arte contemporánea. Sapere Vedere é a proposta de José Martínez para a transformación de produtos cárnicos con orixe no porco celta, mentres que Unidade Tintométrica Móbil, idea de Andrés Valga, aposta polo uso dun vehículo para trasladar os medios necesarios para a comparación de tonalidades e elaboración da pintura á porta do taller. A finalidade é “dar solución ao problema de igualación de cor co que se atopan os clientes nos talleres de coches” e destaca que a idea xorde da súa experiencia laboral previa no sector da venda de pintura.

Completa o grupo de gañadores vigueses o proxecto Tiny House, centrado na fabricación e venda de casas construídas sobre remolques, cubrindo así un baleiro no mercado español para “persoas novas cun nivel salarial medio que buscan unha primeira vivenda”, explica Abraham Martínez. Tamén se entregou un accésit en Vigo a Slick. Cambiemos el Fitness.

Catro novas ideas empresariais destino Ourense

Dependencia e diversidade funcional, marketing dixital, nutrición e turismo deportivo. Os niños da incubadora na Tecnópole en Ourense xa teñen tamén novos inquilinos, catro novas iniciativas empresariais dispostas a dar o salto das ideas ao mercado empresarial real. Impulsada por Melanie Sol, Nutrición Integral en Tu Empresa é unha das catro ideas gañadoras. “O meu proxecto consiste nun programa de benestar global para as empresas, a través do que se detectan necesidades puntuais dos empregados da organización e se ofrecen solucións estratéxicas para que melloren a súa calidade de vida”, explicou Sol, ex-alumna do Máster en Nutrición, ao que engadiu que, a día de hoxe, o mercado só ofrece alternativas para mellorar a alimentación mediante consultas privadas con nutricionistas, o que supón un importante gasto para o usuario, tanto en diñeiro como en tempo, mentres que cando é a empresa a que promove a harmonía entre traballo e saúde física “increméntanse moito as posibilidades de adherencia e, con iso, prevense factores de risco como obesidade, hipertensión, diabetes...”.

Impulsada neste caso por Eva Robledo, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, outra das iniciativas gañadoras é Ridesport, unha plataforma en liña de economía colaborativa que ten como finalidade o turismo deportivo, poñendo en contacto viaxeiros con residentes para que poidan practicar a modalidade deportiva que comparten. “O público obxectivo ao que está dirixida a idea serían todo tipo de turistas e residentes que practiquen un deporte e desexen compartilo con descoñecidos de distinta procedencias”, explicou Robledo.

Estas dúas iniciativas terán como veciños na preincubadora ourensá a Kuatro Marketing Digital, un proxecto de asesoramento e deseño de solucións estratéxicas e operativas de marketing dixital que optimicen a presenza en liña de calquera modelo de negocio, e OuVIr, que se centra en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo, dende cognitiva a intelectual e persoas en situación de dependencia, ofrecendo asistencia persoal.

Dous proxectos sobre novas tecnoloxías gañan en Pontevedra

E de Ourense a Pontevedra, Needin e Mediación Móvil son os dous proxectos gañadores con destino ás instalacións de AJE Pontevedra, e xunto a eles houbo un accésit para Galewood. Needin busca crear unha plataforma virtual para facilitar o contacto entre especialistas autónomos do eido sociosanitaorio, por exemplo, profesionais da enfermaría, psicoloxía, avogacía, traballadores sociais, etc. con persoas que poidan precisar dos seus servizos. “Somos tres amigas de instituto que optamos por distintos tipos de estudos universitarios e xuntando ideas ocorréusenos que podería existir un nicho de mercado no terceiro sector”, explicaron as tres alumnas que impulsan este proxecto.

No caso de Mediación Móvil, os dous promotores buscan crear unha aplicación para dispositivos móbiles e unha web para ofrecer un servizo de mediación para empresas, organizacións e particulares que precisen resolver conflitos. “O abano de potenciais clientes sería moi amplo, calquera persoa que sexa parte dun conflito civil ou mercantil susceptible de solucionarse pola vía da mediación”, recalcaron.

Incuvi Avanza para Brigantia e .beLeader

Neste acto déronse a coñecer tamén as dúas iniciativas gañadoras dos premios Incuvi-Avanza, unha convocatoria que trata de consolidar os dous mellores proxectos gañadores da pasada edición de Incuvi-Emprende, que seguirán desenvolvéndose no CITI de Ourense e no Parque Empresarial de Porto do Molle. Nesta ocasión os seleccionados foron Brigantia e .beLeader, outorgándose tamén un accésit para MycoGalicia. Lucía González e Rita Carreira, graduadas en Educación Social, propoñen en Brigantia un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudable fóra do consumismo, e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galega. .beLeader é unha solución web orientada ao turismo de baixo custe. Os seus representantes foron os encargados este xoves de dar os primeiros consellos aos impulsores dos doce proxectos, que ocuparán o seu lugar nos espazos de incubación de Incuvi-Emprende.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós