DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 16 de marzo do 2017

BBAA acolle nas vitrinas situadas no seu acceso á exposición ‘Hall de entrada’

Arte en pequeno formato

A mostra reúne os traballos realizados por 21 estudantes do máster en Arte Contemporánea


ImageNo marco da conmemoración do seu 25 aniversario, en novembro de 2015, a Facultade de Belas Artes inaugurou o Proxecto Vitrinas, uns pequenos espazos acristalados situados no propio acceso ao centro que buscaban servir como primeiro escaparate do talento que emerxe no seu interior. Vitrinas que desde este xoves ocupan as propostas deseñadas para elas por 21 alumnas e alumnos do Máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, no marco do proxecto expositivo Hall de entrada, que lles levou a afondar na súa “capacidade de adaptación” a un espazo “máis reducido do que estamos acostumados”.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
No marco da conmemoración do seu 25 aniversario, en novembro de 2015, a Facultade de Belas Artes inaugurou o Proxecto Vitrinas, uns pequenos espazos acristalados situados no propio acceso ao centro que buscaban servir como primeiro escaparate do talento que emerxe no seu interior. Vitrinas que desde este xoves ocupan as propostas deseñadas para elas por 21 alumnas e alumnos do Máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, no marco do proxecto expositivo Hall de entrada, que lles levou a afondar na súa “capacidade de adaptación” a un espazo “máis reducido do que estamos acostumados”, nunha mostra que “se compón de interrelacións especialmente concibidas para estas vitrinas”, como sinala Aitana Tubío, coordinadora deste “micro-proxecto” inaugurado no mediodía deste xoves.

Como explica Tubío, aínda que a idea inicial fose amosar os seus traballos “o carácter e medidas específicas das vitrinas” levaron a que á creación de pezas e intervencións específicas para estes espazos, “pero sen perder temáticas nin materiais que xorden día a día nos procesos de creación do máster”. En cada unha das nove vitrinas concéntranse as creacións dun máximo de tres persoas, “coa finalidade de fusionar tanto preocupacións formais como temáticas”, nalgúns casos a través de creacións grupais. “Esa relación era o que máis me interesaba, xa que a diario nos espazos de traballo xorden preocupacións comúns que aínda non se levaran a unha formalización conxunta”, sinala Tubío. Ese é o caso, por exemplo dos traballos de Marta Quinteiro e Iago Fernández Díaz, que veñen ambos traballando sobre a “temática familiar, mediante conceptos como a ausencia, o paso do tempo e o fogar” e que propoñen unha “formulación conxunta” nesta exposición, que, como apunta Quinteiro, “visibiliza relacións que xa existían pero que non foran formuladas nun proxecto expositivo”.

O reto de traballar a pequena escala

Dimitri Pino, Montse Martínez, Olivia Oltmanss, Ricardo Campos, Mariña Pérez, María Pose, Macarena Montesinos, Vanesa Soares, Merce González-Anleo, Yatir Fernández, Erik Balbuena, Patricia Coucheiro, María Xosé Domínguez, Gabrielle Mendieta, Alejandra Lago, Irene Romero, Blanca Nieves Lourés e Ana Pérez Valdés, xunto con Quinteiro, Fernández e a propia Tubío, conforman o grupo de alumnas e alumnos que afrontou este reto de crear a pequena escala. “De primeiras, era xa un reto”, recoñece a coordinadora desta exposición, que destaca tamén as calidades en materia de iluminación ou emprazamento deste Proxecto Vitrinas. “O único que xogaba na nosa contra, en principio, era o tamaño, pero os proxectos adaptáronse moi ben e inclúen o abano de propostas e materiais que poderías ver en maior medida nos nosos espazos de máster”, engade Tubío dunha mostra na que intentaron que estivesen representadas as diferentes disciplinas nas que traballan. Así, aínda que “hai unha gran parte escultórica”, a exposición alberga tamén propostas pictóricas ou fotográficas, e viuse complementada nesta xornada inaugural por unha “décima vitrina”, unha intervención audiovisual para a que reuniron diferentes videocreacións dos e as participantes.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós