DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 16 de marzo do 2017

A Casa das Campás acolle o luns un concerto da soprano Bonnie Cooper e o pianista Samuel Serrano

Un percorrido en feminino pola historia da música

O programa deste recital con entrada libre está composto por pezas de compositoras de diferentes séculos


ImageA abadesa, física e compositora alemá Hildegar von Bingen, a cantante e poeta italiana Francesca Caccini, primeira muller en compoñer unha ópera; a pianista Fanny Mendelssohn, irmá de Felix Mendelssohn; ou a tamén pianista Clara Schumann. Todas elas estarán presentes no percorrido en feminino pola historia da música que o vindeiro luns 20 realizarán na Casa das Campás a soprano Bonnie Cooper e o pianista Samuel Serrano, co propósito de recuperar “un mundo de musicas que están case que esquecidas, soamente pola razón de ter sido escritas por mulleres”, como salienta esta cantante formada na Universidade de Ottawa.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
A abadesa, física e compositora alemá Hildegar von Bingen, a cantante e poeta italiana Francesca Caccini, primeira muller en compoñer unha ópera; a pianista Fanny Mendelssohn, irmá de Felix Mendelssohn; ou a tamén pianista Clara Schumann. Todas elas estarán presentes no percorrido en feminino pola historia da música que o vindeiro luns 20 realizarán na Casa das Campás a soprano Bonnie Cooper e o pianista Samuel Serrano, co propósito de recuperar “un mundo de musicas que están case que esquecidas, soamente pola razón de ter sido escritas por mulleres”, como salienta esta cantante formada na Universidade de Ottawa (Canadá).

Con entrada libre ata completar aforo, o repertorio do concerto programado para as 20.30 horas está composto por “pezas que van do século XII ao XX”, como lembra o responsable da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho. A muller na música é o título do primeiro recital que Cooper e Serrano centran exclusivamente en pezas escritas por mulleres, “que na maioría dos casos son pouco coñecidas”, a pesares de que “son obras que técnica e artisticamente están a altura das que habitualmente se inclúen nos repertorios”, engade a cantante.

Oito séculos en oito pezas

"O recital abarca varias épocas para demostrar que sempre houbo compositoras de calidade", salienta Cooper dun concerto que se abrirá coa interpretación do Ignee Spiritus, de von Binguen, compositora do século XII, para logo deterse na música barroca da man de Ch´amor sio nudo, de Francesca Caccini e Arieta (Amore è bandito amanti), de Barbara Strozzi. Logo chegará a quenda de Erwin!, peza pertencente á ópera Erwin und Elmire, de Anna Amalia von Braun Braunschweig-Wolfenbüttel; In Herbste, de Fanny Mendelssohn; e Lorelei de Clara Schumann. Por último, o recital pecharase coas pezas que achegan este percorrido aos séculos XIX e XX, Ah, Love but a day!, composta por Amy Beach a partires dun poema de Robet Browning; e Chansom, na que Nadia Boulganger pon sons a un poema de Georges Delaquys.

De poñer voz ás composicións encargarase Cooper, unha soprano canadiana que reside actualmente en Pontevedra e tras participar en óperas en Inglaterra, Canadá ou Alemaña e actuar na National Art Gallery ou no National Arts Centre británico, exerce actualmente como cantante solista para o Collegium Laudeatum e a City of Cambridge Symphony Orchestra, así como para formacións corais de Galicia e Portugal. En 2016, Cooper realizou o seu primeiro concerto xunto co pianista pontevedrés Samuel Serrano, graduado polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, profesor de piano e integrante do quintento Arume.

A música continuará soando na Casa das Campás

Trala actuación deste luns, a música continuará soando na Casa das Campás no mes de abril, con dous novos concertos. O primeiro, o xoves 6, xornada na que a formación de música popular Xeitura presentará o seu novo disco, nunha actuación programada para ás 20.30, mentres que o xoves 20 a Cada das Campás acollerá unha actuación dun trío de oboe, flauta e clarinete, que defenderá na sede da Vicerreitoría “un repertorio clásico e actual, conformado por composicións inéditas na súa gran maioría, como explica Morquecho.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós