DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 16 de marzo do 2017

O Teatro Principal acolleu a gala de entrega duns premios que recoñecen os traballos do alumnado

O talento do campus vístese de gala da man de We Are Ads

A curta 'Kaleidoscopic' obtivo o galardón do xurado e a cuña 'Ultramarinos Carmiña', o do público


ImageUn festival feito por e para o alumnado. Con esta filosofía naceu hai tres anos, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, We Are Ads, o primeiro festival universitario de publicidade e comunicación de Galicia, que ten como obxectivo dar visibilidade aos traballos nacidos nas aulas. Co propósito de achegar este talento á cidade de Pontevedra, o certame organizado por un grupo de 20 estudantes trasladou este xoves ao Teatro Principal a súa Gala WAA, na que a curta Kaleidoscopic, de Paula Vázquez e Flavia Rodríguez, foi distinguida co premio do xurado, mentres que Nuria Grandío, Lara Fandiño e Lucía López obtiveron o premio do público.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Un festival feito por e para o alumnado. Con esta filosofía naceu hai tres anos, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, We Are Ads, o primeiro festival universitario de publicidade e comunicación de Galicia, que ten como obxectivo dar visibilidade aos traballos nacidos nas aulas. Co propósito de achegar este talento á cidade de Pontevedra, o certame organizado por un grupo de 20 estudantes trasladou este xoves ao Teatro Principal a súa Gala WAA, na que a curta Kaleidoscopic, de Paula Vázquez e Flavia Rodríguez, foi distinguida co premio do xurado, mentres que Nuria Grandío, Lara Fandiño e Lucía López obtiveron o premio do público pola súa cuña Ultramarinos Carmiña.

Preto dun cento de traballos concorreron á terceira edición deste festival, aberto á participación de todo o alumnado da Universidade e que contou neste 2017 coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e de diferentes establecementos da cidade como patrocinadores e encargados de entregar os diferentes premios nunha gala que conduciron Tania Veiras e Manuel Liste e que se completou coa actuación musical de Lorena Osorio.

“É importante visualizar estes traballos, esta gran cantidade de talento”, salientou o decano, Xosé Baamonde, nunha gala na que salientou que “é un orgullo unha cidade con moitas cousas das que presumir, elixa a esta facultade como un activo”, ao tempo que animou ao alumnado a confiar nas súas posibilidades. “Máis importante que o rango e que é antigüidade é o talento, e vós diso tedes a moreas”, trasladoulles Baamonde, antes de lembrarlles que “nunca se fixo nada novo con ideas vellas”. Nesa mesma liña, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, aproveitou a súa intervención para lembrar os diferentes premios e recoñecementos acadados polo alumnado do campus nos últimos tempos ou a selección por parte do Concello dun dos traballos premiados na anterior edición do festival, unha curta de Daniel Alonso, como imaxe promocional da cidade. “Agradecemento, orgullo e talento”, foron as tres verbas que Corbacho quixo pór de relevo na súa intervención, que pechou lembrando “o orgullo que sentimos pola pegada que nos deixades e polo camiño que vos queda por percorrer”.

E os premios son para...

Un xurado integrado por Paula Salgueiro e Iria Viñas, da empresa Elefantes de Cacharrería; a profesora e deseñadora Ana Seoane, a deseñadora gráfica Jessica Cidrás e os profesores de CCSS e da Comunicación Miguel Anxo Fernández e Fortunato Rodríguez foi o responsable de decidir o nome dos gañadores e gañadoras nas 11 categorías deste certame. As primeiras en subir ao escenario foron Nuria Grandío, Lara Fandiño e Lucía López, gañadoras do premio á mellor cuña e tamén do premio do público, outorgado a partires das votacións que entre martes e mércores se realizaron na Casa das Campás, onde permaneceron expostos os traballos finalistas.

Tamén subiron dúas veces ao escenario Paula Vázquez e Flavia Rodríguez, que viron como Kaleidoscopic sumaba á distinción á mellor curta o gran premio do xurado dunha edición que incorporou por primeira vez á súa nómina de gañadores a dúas alumnas de Belas Artes. Celia Rey foi recoñecida na categoría de identidade corporativa gráfica e Carolina Brea, por Música, na de relato curto, unha das novas modalidades que se incorporaron nesta terceira edición do festival.

Serie fotográfica, na que o premio foi para Manuel Chapela, por Sauletekius; e ilustración vinculada á figura da muller e do feminismo, na que foi seleccionado o traballo Broken Heart de Andrea Ramil, constitúan as outras dúas novidades nesta relación de premios. Xunto a eles, tamén recolleron as súas distincións Gabriel Pardo, na categoría de fotografía publicitaria, por Vicios; Javi Rodríguez, na de gráfica; e Xes Diéguez, na de trailer/teaser polo seu traballo Galáns. Por último, Patricia Domínguez, Patricia Doce, Juan Gras, Sara Enjo e Raquel García constitúen o equipo resposable de Proyecto X, premio ao mellor spot; mentres que Sara López, Yolanda Sampere, Miguel Álvarez, Marta García e Xes Diéguez son os autores de Samsa, mellor animación stop-motion.

Colofón a unha semana de actividades

A gala que encheu as butacas do Teatro Principal serviu tamén para poñer peche a unha semana de actividades, a WAA Week, que no marco deste festival se desenvolveron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e na Casa das Campás. A presentación do libro O derradeiro bafo, un traballo realizado polo Manuel Chapela e a egresada Cristina Ferreiro coas fotografías que realizaron nun percorrido por aldeas galegas de menos de dez habitantes, no marco do programa Iniciativa Xove, da Xunta de Galicia; e un coloquio sobre organización de eventos a cargo da egresada Micaela Campanini, abriron a programación desta derradeira xornada, que se completou pola tarde coa proxección dunha serie de curtas realizadas por estudantes e egresados do centro, da man do colectivo Subterráneos Cinema.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós