DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de marzo do 2017

O campus acollerá a finais de mes un curso dedicado a esta temática

Unha inmersión empresarial no mundo dos deportes acuáticos

Durante a celebración visitarase o Club Náutico de Castrelo de Miño


ImageDo 31 de marzo ao 1 abril, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense volverá a acoller unha nova edición, a quinta, do curso complementario sobre Organización e Desenvolvemento de Eventos Deportivos: as Claves do Éxito. Tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e co obxectivo de un ano máis renovar os seus contidos, este ano o curso dedicará unha especial atención aos deportes relacionados coa auga, visitando durante o seu desenvolvemento o Club Náutico de Castrelo de Miño.

Duvi | Ourense
Do 31 de marzo ao 1 abril, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense volverá a acoller unha nova edición, a quinta, do curso complementario sobre Organización e Desenvolvemento de Eventos Deportivos: as Claves do Éxito. Tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e co obxectivo de un ano máis renovar os seus contidos, este ano o curso dedicará unha especial atención aos deportes relacionados coa auga, visitando durante o seu desenvolvemento o Club Náutico de Castrelo de Miño.

“Nesta ocasión centrámonos nos deportes acuáticos, os deportes realizados con ou en auga, que están ultimamente moi en voga”, destaca Patricio Sánchez, director do curso, que entronca co Máster Universitario en Xestión Empresarial del Deporte da Universidade de Vigo. Tendo en conta as posibilidades que ofrece o Miño-Sil na provincia para a práctica de modalidades de auga e dada a especialización do Campus da Auga, apunta o docente, o tratamento desta cuestión resulta moi acaída para a edición este ano do curso.

Unha visión práctica

Seguindo a dinámica de edicións anteriores, explican desde a organización, o curso achegarase aos eventos deportivos dende un punto de vista práctico. Serán os responsables da organización de eventos os encargados de relatar o traballo que supón (antes, durante e despois) a súa organización e desenvolvemento. Nesta ocasión, dado o especial interese que se lle dedicará aos deportes relacionados coa auga, terán un protagonismo destacado eventos como o Descenso Internacional de Navia, o Desafío Cíes, a Lanza Race, La Heroíca, Miño Radikal, o Descenso Intenacional de Remo do Ribeiro Open das Nacións, o Campeonato de España de Remo. Para completar a visión dos participantes neste eido, realizarase unha visita ás instalacións do Club Náutico de Castrelo de Miño onde os participantes comprobarán in situ as principais características e necesidades de adaptación dunha instalación náutica de referencia en Galicia. Fóra desta temática, o curso tamén se achegará ao traballo que realiza a empresa Champion Chip Norte.

O curso está dirixido especialmente ao alumnado do campus de Ourense, así como ao resto de membros da comunidade universitaria. Asemade tamén esta aberto a todas aquelas persoas interesadas en temas vencellados ao deporte e á actividade física (especialmente no que ten que ver cos deportes desenvolvidos en medios acuáticos) que acrediten as condicións de acceso. O número máximo de participantes é de 25.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós