DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de marzo do 2017

A Escola de Enxeñería Industrial acollerá o concurso o vindeiro 28 de abril

Máis de 800 creadores noveis medirán as súas forzas na 3ª edición da Competición de Robots da EEI

Preto de 170 equipos de estudantes das catro provincias galegas inscribíronse na proba


Image Co obxectivo de achegar ao alumnado do ensino secundario, bacharelato e titulacións superiores á universidade, ademais de promover as titulacións do centro e fomentar o interese do estudantado polos estudos de enxeñaría, a Escola de Enxeñería Industrial celebrará o vindeiro 28 de abril unha nova edición da Competición de Robots. Máis de 800 estudantes de preto de 170 equipos, procedentes das catro provincias galegas, tomarán parte na terceira edición do certame, que, como en anteriores ocasións, se desenvolverá en dúas categorías: Wall-E, dirixida ao alumnado de ESO e Bacharelato e R2D2 para o estudantado de titulacións superiores e outros interesados.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Co obxectivo de achegar ao alumnado do ensino secundario, bacharelato e titulacións superiores á universidade, ademais de promover as titulacións do centro e fomentar o interese do estudantado polos estudos de enxeñaría, a Escola de Enxeñería Industrial celebrará o vindeiro 28 de abril unha nova edición da Competición de Robots. Máis de 800 estudantes de preto de 170 equipos, procedentes das catro provincias galegas, tomarán parte na terceira edición do certame, que, como en anteriores ocasións, se desenvolverá en dúas categorías: Wall-E, dirixida ao alumnado de ESO e Bacharelato e R2D2 para o estudantado de titulacións superiores e outros interesados. Na primeira das categorías tomarán parte máis de 150 equipos, dos que a maior parte corresponden a 1º de Bacharelato, concretamente 65, seguidos dos 25 de 4º da ESO e os 24 de 2º da ESO. No caso da categoría R2D2 presentáronse máis dunha ducia de equipos. Por provincias, o 60% das e dos participantes pertencen a centros da provincia de Pontevedra, o 36% á de A Coruña, o 3% a Lugo e o 0,7% a Ourense.

“É un gran desafío. O dato de participación é realmente formidable tendo en conta o axustado dos prazos da convocatoria, o que confirma que esta proba está sendo esperada polos centros educativos para participar”, explica Juan Pou, director da Escola de Enxeñería Industrial, que asegura advirte que o futuro ao que se enfrontan as novas xeracións vai estar acompañado das novas tecnoloxías, a robótica, a realidade aumentada, a automatización en xeral, “polo que esta proba vailles axudar a tomar contacto con ese futuro de xeito progresivo e divertido. Ademais o marco da competición ofrécelles o aliciente de ser gañadores e lograr un recoñecemento”.

Detalles da competición

A competición organizada pola Escola da Enxeñería Industrial e colaboración coa Rama de Estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers da Universidade de Vigo, contempla que os equipos participantes na categoría Wall-E terán un mínimo de tres e un máximo de seis compoñentes que deberán montar e programar un robot móbil partindo do kit básico, mBot Robot Educativo (2.4G), proporcionado pola organización. Os androides que participen nesta categoría deberán desenvolver dúas probas, unha de rastrexo, na que terán que seguir un camiño marcado no chan en cor branca, sobre un fondo escuro, duns dous centímetros de ancho e outra denominada varredor, dentro dun circuíto circular de aproximadamente dun metro de diámetro marcado no chan, no que se disporán dúas latas de refresco que o robot debe sacar do recinto no menor tempo posible.

Pola súa banda, os equipos da categoría R2D2 terán como máximo tres compoñentes e deberán crear un ou máis robots cun tamaño máximo da envolvente dun cubo de 20 centímetros de lado e un peso máximo de 1500 gramos, mentres que a sensorización, a forma e cor a configuración de tracción son libres. Estes robots deberán participar catro probas, tres individuais: rastrexo, labirinto e varredor e unha colectiva: sumo.

En ambas as dúas categorías a puntuación final será a media dos puntos acadados en cada unha das probas. Será un xurado formado por persoas designadas pola dirección da Escola as que realizarán a valoración dos robots que serán premiados, tanto por acadar a maior puntuacións nas probas das súas respectivas categorías, como pola súa orixinalidade.

Balance positivo logo de dúas edicións

Tras dúas edicións, o director da Escola de Enxeñería Industrial realiza un balance moi positivo, “de feito pola enquisa realizada despois da última sabemos que os centros están moi satisfeitos co desenvolvemento da proba, o que se reflicte na inscrición deste ano, xa que un elevado número de centros repite un ano máis e estes serven de referencia a outros novos que se animan a participar por primeira vez”, explica Pou.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós