DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de marzo do 2017

Traballaron na Base Gabriel de Castilla dende o 12 de febreiro e aterrarán en Vigo este sábado

A expedición antártica regresa á casa cos obxectivos cumpridos

Estudaron o efecto da actividade xeotérmica e o cambio climático sobre os procesos de descomposición das algas


ImageCase un mes e medio despois de que saíran de Vigo cara a base militar española da Illa Decepción, o equipo de científicos da Universidade de Vigo que participa na Campaña Antártica regresa á casa esta fin de semana. En total permaneceron no continente xeado un mes desenvolvendo o proxecto Procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas en intermareais sedimentarios, coordinado polo profesor Mariano Lastra cun orzamento de 50.000 euros e tres anos de duración. Esta é a segunda expedición á Antártida dentro deste mesmo proxecto, e nesta ocasión os traballos de campo e de laboratorio centráronse no estudo da actividade xeotérmica sobre os procesos de descomposición da materia orgánica almacenada na liña de costa.

M. Del Río | Vigo
Case un mes e medio despois de que saíran de Vigo cara a base militar española da Illa Decepción, o equipo de científicos da Universidade de Vigo que participa na Campaña Antártica regresa á casa esta fin de semana. En total permaneceron no continente xeado un mes desenvolvendo o proxecto Procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas en intermareais sedimentarios, coordinado polo profesor Mariano Lastra cun orzamento de 50.000 euros e tres anos de duración. Esta é a segunda expedición á Antártida dentro deste mesmo proxecto, e nesta ocasión os traballos de campo e de laboratorio centráronse no impacto da actividade xeotérmica e do futuro incremento da temperatura polo quentamento global sobre os procesos de descomposición da materia orgánica almacenada na liña de costa.

Os profesores da Universidade de Vigo Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, xunto con Luis Sampedro, do CSIC, valoran moi positivamente esta campaña e confirman que puideron acabar todos os experimentos e mostraxes. “O traballo de campo consistiu simular o quentamento previsto para as próximas décadas para a península Antártica, empregando campás de metacrilato para simular o efecto invernadoiro” e así levar a cabo un seguimento da descomposición das macroalgas en áreas tratadas e en controis. Mariano Lastra explica que tamén traballaron para avaliar en que medida o quentamento xeotérmico da illa acelera os procesos de descomposición da materia orgánica no sedimento.

Todos estes estudos transcorreron segundo o previsto e a climatoloxía foi moi boa, lembran os investigadores, “o que nos permitiu navegar na zodiac case todos os días que o necesitábamos e movernos por toda a illa”. O único problema, engade Lastra, “foi que o último día do experimento de manipulación de temperatura na enseada Teléfono tivo que cancelarse porque o temporal estragouno.” Paralelamente o equipo científico vigués desenvolveu tamén traballos de laboratorio, ligados aos efectos do quecemento na Antártida, pero esta vez con respecto á taxa de consumo de algas por especies antárticas, concretamente anfípodos herbívoros.

A pesares de que quedan por diante meses de traballo en laboratorio coas mostras recollidas, os investigadores xa teñen algunhas conclusións provisionais. A principal confirma que “un pequeno quecemento de entre o 2% e o 3% da temperatura, “provoca aumentos na actividade bioxeoquímica asociada á descomposición da materia orgánica, con incrementos nos fluxos de carbono, nitróxeno e fósforo entre un 10% e un 20%”.

Un ano por diante para traballar coas mostras recollidas

Mariano Lastra explica que no marco deste proxecto, de tres anos de duración, esta é a segunda e última campaña antártica. Durante o vindeiro ano os científicos centraranse no procesado das mostras que xa están a bordo do buque Hespérides conxeladas a -20 °C. Chegarán a Cartaxena a mediados de maio e parte delas serán procesadas no Cacti, outras nos laboratorio da Facultade de Ciencias do Mar e outras a Ecimat. “O procesado levaranos seis ou sete meses e a partir dese momento comezaremos a traballar para publicar os resultados”, pero adiantan que o seu propósito é concorrer a novas convocatorias estatais do Mineco para poder darlle continuidade a estes estudos.

Un mes de vida antártica

Os investigadores galegos partiron de Vigo o día 3 de febreiro e desembarcaron na Base Gabriel de Castilla na illa Decepción o día 12, tras cruzar o estreito de Drake e facer unha parada na Base Juan Carlos I, en Illa Livingston. Un mes despois, a finais da semana pasada, embarcaban no Hespérides para emprender a viaxe de regreso. Hoxe venres collen dende Bos Aires o voo a Madrid pare aterrar en Vigo mañá sábado.

Durante este tempo, a vida na base foi “a esperada, é dicir, cómoda e ben organizada”, recoñece Lastra, para o foi a sétima estadía na Antártida. Explica que este ano a base acollía máis habitantes do normal “pero creo que ao final todo resultou ben e adaptámonos perfectamente, o ambiente foi excelente e o apoio por parte do persoal do Exército de Terra foi impecable". Ademais, o traballo de campo permitiulles compartir a experiencia coa fauna propia da illa, como pingüíns barbixos (Pygoscelis antarctica) que teñen en Decepción unha das maiores colonias do mundo, así comocon focas e leóns mariño
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós