DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de marzo do 2017

A versión en liña da feira de emprego universitario celebrarase do 21 ao 24 de marzo

A II edición da Finde.U Virtual contará coa participación de máis de cen empresas de toda Europa

En 2016 ofertáronse 1324 postos de emprego e recibíronse máis de 4400 currículos


ImageMáis de cen empresas procedentes de toda Europa participarán a vindeira semana na II edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.Eu, unha cita organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro, que este ano se celebrará do 21 ao 24 de marzo e na que a expectativa é superar os bos resultados que xa se acadaron na anterior edición, na que participaran 78 empresas que ofertaron 1324 postos de emprego para os que se recibiron máis de 4400 currículos. A matrícula para o alumnado, totalmente gratuíta, manterase aberta ata o xoves.

D. Besadío | Vigo
Máis de cen empresas procedentes de toda Europa participarán a vindeira semana na II edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.Eu, unha cita organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro, que este ano se celebrará do 21 ao 24 de marzo e na que a expectativa é superar os bos resultados que xa se acadaron na anterior edición, na que participaran 78 empresas que ofertaron 1324 postos de emprego para os que se recibiron máis de 4400 currículos.

A matrícula para o alumnado, totalmente gratuíta, manterase aberta ata o xoves, se ben as inscricións “van xa a moi bo ritmo”, explica Alejandro Martínez, responsable da Área de Emprego, que fixo fincapé en que durante os catro días que dura a feira expositores de toda Europa terán a oportunidade de entrar en contacto virtual con máis de 60.000 estudantes e 110.000 titulados e tituladas das tres universidades organizadoras, aos que hai que engadir os egresados doutras institucións de educación superior de toda Europa que estean a buscar un emprego, unha práctica ou mesmo unha oportunidade de investigación.

TIC e enfermaría, os perfís máis demandados na anterior edición

Na anterior edición desta feira participaron 114 expositores virtuais: 78 empresas con necesidades de contratación de persoal, 23 servizos ou puntos de información relacionados con emprego e mobilidade e 13 entidades relacionadas co ámbito da rede Eures. Aínda que houbo ofertas relacionadas con todo tipo de perfís, desde a Área de Emprego explican que o sector con máis demanda foi o das TIC (32% do total), seguido de enfermaría (25%). Son a punta do iceberg dunha listaxe na que tamén aparecen o sector comercial, a enxeñaría, o apoio ao cliente ou a educación. “No caso das TIC a demanda é moi alta tanto en España en Portugal coma no resto de países, mentres que no caso de enfermaría a demanda vén sobre todo do estranxeiro”, explica Martínez.

Por países, os máis representativos no que a oferta de postos de traballo se refire, foron Alemaña, Reino Unido, España e Portugal, seguidos de Malta, Suecia, Noruega, Dinamarca, Holanda, Bélxica e Eslovaquia.

A versión presencial da feira será en outubro en Vigo e Oporto

Ao igual ca o ano pasado, esta feira virtual completarase a finais de ano con dúas feiras presencias, unha en Oporto, que se celebrará do 17 ao 18 de outubro, e outra en Vigo, do 24 ao 25 do mesmo mes. Coa organización deste evento presencial conxunto, as universidades darán unha nova oportunidade a estudantes e persoas tituladas de manter contacto directo con organizacións e empresas que demandan talento universitario. Serán catro xornadas nas que, tanto alumnado como egresados poderán acceder a ofertas de emprego e de prácticas preprofesionais, bolsas, sesións informativas e talleres e, aqueles e aquelas que sexan seleccionados, á realización de entrevistas.

Na primeira edición da feira, celebrada o pasado mes de novembro, ao longo das catro xornadas nas que se prolongou este actividade, preto de 5000 estudantes das universidades de Vigo, Porto e Tras- Os- Montes e Alto Douro visitaron os stands das máis de 120 empresas e institucións que participaron.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós