DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de marzo do 2017

A través dunhas xornadas interdisciplinares que arrincan o vindeiro martes

Ciencias da Educación e do Deporte sitúa ao alumnado ante os múltiples camiños do seu futuro

O seu obxectivo é achegarlles ás experiencias de diferentes profesionais e complementar a súa formación


ImageSituar ao alumnado que se atopa próximo a rematar os seus estudos na Facultade Ciencias da Educación e do Deporte aos múltiples camiños que poden percorrer na súa traxectoria profesional é o obxectivo central das Xornadas Interdisciplinares de Educación e Deporte, que entre os días 21, 27 e 28 de marzo e o 4 de abril tratarán de achegar ao estudantado unha serie de experiencias de profesionais de diferentes eidos."Queremos tocar diferentes campos nesa conexión co mundo laboral”, salienta a vicedecana Esther Martínez, desta iniciativa promovida coa colaboración co Consello Social da Universidade.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Situar ao alumnado que se atopa próximo a rematar os seus estudos de grao na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte aos múltiples camiños que poden percorrer na súa traxectoria profesional é o obxectivo central das Xornadas Interdisciplinares de Educación e Deporte, que entre os días 21, 27 e 28 de marzo e o 4 de abril tratarán de achegar ao estudantado unha serie de experiencias de profesionais de diferentes eidos, ao tempo que complementar a súa formación en aspectos como os primeiros auxilios ou as novas tecnoloxías. “Son interdisciplinares porque queremos tocar diferentes campos nesa conexión co mundo laboral”, salienta a vicedecana Esther Martínez, organizadora xunto ao tamén vicedecano José María Pazos, dun programa de actividades promovido coa colaboración do Consello Social da Universidade e da delegación de alumnado.

Con inscrición gratuíta, estas xornadas están abertas a todo o alumnado interesado, pero dirixidas fundamentalmente ao estudantado de último curso dos tres graos do centro, co propósito de que poidan coñecer “experiencias reais de profesionais en activo" que permitan amosarlles as múltiples saídas profesionais dos seus estudos. “No caso de Ciencias da Educación”, explica Martínez, “normalmente só ven dúas saídas, a oposición e o colexio privado, pero hai moitos outros nichos de emprego que moitas veces lles pasan desapercibidos, como as cooperativas ou as escolas alternativas”. Nesa mesma liña pronúnciase tamén Pazos, que incide en que “se ben cando chegan á facultade o primeiro que se fai é falarlles diso, unha cousa é o que poidamos contarlles nós e outra que veñan profesionais con experiencias contrastadas a fallarlles do seu día a día”.

Con ese obxectivo, estas xornadas programadas para ás 16.00 horas nas súas catro sesións, acollen o luns 27 dúas mesas redondas, sobre educación e deporte. A primeira contará coa participación de Rosa Montero, da EEI Municipal de A Estrada; Vanesa Salgueiro, de Frades-Sociedade Cooperativa Galega; Bibiana Marful, da escola alternativa Nerea; María Blanco, do CEIP Figueroa; e Beatriz Páramo, do CPI Virxe da Cela. Xusto a continuación, na mesa As profesións do deporte no novo milenio Antonio Novo e Alberto Fugieiras e José Eugenio Rodríguez, abordarán papeis como o do profesor de Educación Física, a xestión deportiva no ámbito privado e o traballo dos técnicos deportivos municipais. Xunto a eles esta estará tamén coa presenza do adestrador do triatleta Javier Gómez Noya nas Olimpíadas de Londres 2012, Omar González, e de Javier Loureiro, que abordará o papel dos graduados e graduadas no ámbito da saúde.

Dos primeiros auxilios ás novas tecnoloxías

O relato dunha serie de experiencias de aprendizaxe e servizo á comunidade, por parte da profesora da USC María Fiuza, e un relatorio sobre cambio climático, a cargo de Patricia Iglesias, da ONG Amigos da Terra, abrirán, na tarde do vindeiro martes 21 unhas xornadas que completarán a súa primeira xornada achegando ao alumnado á técnica do fotovoz como ferramenta didáctica e de investigación e trasladándolles unha serie de claves para o acceso á función pública docente, da man de Rubén Annichiarico.

O luns 27, as xornadas continuarán coas mesas redondas e con dous obradoiros dirixidos “completar a formación do alumnado naqueles aspectos que eles mesmos nos din que poden ter certas lagoas,” como explica Martínez. Nese senso, o achegamento ás transicións educativas que se viven ao longo da vida formativa e aos primeiros auxilios, “un taller que foi moi demandado”, centrarán as actividades que impartirán os investigadores da facultade Silvia Sierra e Roberto Barcala. Ao día seguinte, o martes 28, este percorrido continuará cunha mesa sobre as perspectivas de futuro das profesións vinculadas ao deporte e abordando o papel que neste eido xoga a nutrición coaas conferencias de Nahuel Picchi Figueira e Francisco Álvarez Ron.

Xa por último, o luns 4, tocará abordar “o papel que as novas tecnoloxías poden xogar no seu futuro laboral como mestres”, da man dun taller sobre encerado dixital, que impartirá a profesora da UTAD portuguesa Natália Lopes, e cunha conferencia da docente Manuela Raposo sobre os MOOC, “ outra opción de formación continúa” que pode resultarlles de moito valor nunha profesión que esixe “estar formándose permanentemente”, como engade Martínez. Un obradoiro sobre ferramentas de valoración integral do deportista, a cargo de Erik Penedo, e un coloquio no que achegar ao alumnado unha serie de orientacións básicas para evitar prácticas de plaxio completan o programa desta cuarta xornada.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós