DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 20 de marzo do 2017

Os de Pablo García obtiveron esta fin de semana a súa sétima vitoria consecutiva, fronte o Xaquedrum

O xadrez universitario segue contando encontros por vitorias

En tenis, o Campionato Galego comeza con vitoria feminina e dúas derrotas masculinas


ImageO Universidade de Vigo-EXP Xadrez: Estratexia pola Paz segue imparable. Esta fin de semana os universitarios volveron sumar unha nova vitoria e van xa sete, tantas como xornadas disputadas na Liga Galega. Os de Pablo García impuxéronse 1.5 a 4.5 ao ELX Xaquedrum e dan un paso máis cara o título autonómico. Por outra banda, o Campionato Galego de tenis arrancou esta fin de semana con diferente sorte para os tres equipos universitarios. Mentres as mulleres, que militan na categoría de prata, conseguiron a vitoria fronte o Salceda de Caselas por 5-0, os dous equipos masculinos caeron no arranque ligueiro.

Duvi | Vigo
O Universidade de Vigo-EXP Xadrez: Estratexia pola Paz segue imparable. Esta fin de semana os universitarios volveron sumar unha nova vitoria e van xa sete, tantas como xornadas disputadas na Liga Galega. Os de Pablo García impuxéronse 1.5 a 4.5 ao ELX Xaquedrum e dan un paso máis cara o título autonómico. A xornada comezou con dúas das partidas practicamente encarriladas dende o comezo do encontro, as de Daniel Rivera e Miguel Senlle. Este último asinou a primeira vitoria do día e Rivera, aínda que tardou máis en subir o seu punto ao marcador, acadou unha clara vantaxe que daba tranquilidade ao equipo. A partida de Jaime García, que debutaba no equipo tras seis anos de inactividade, non foi tan clara e, aínda que fallou na apertura, foi quen de recuperar a posición e forzar unha repetición de xogadas e o reparto do punto. "Para os defensores das pezas negras o camiño non foi tan sinxelo", recoñece García. Con todo, David García logrou o punto nunha posición de máxima igualdade grazas a un fallo do seu rival que supuxo a perda dunha peza e o abandono inmediato. O capitán, Pablo García, disputaba a partida “tola” da xornada, con problemas cos reloxos que rematou en empate. Finalmente, Alberto Portela loitaba por salvar a partida fronte o Gran Mestre Lariño, pero finalmente rematou en empate deixando esta sétima rolda cun marcador de 1.5 a 4.5.

Deste xeito o equipo vigués suma 32.5 puntos e o seu principal perseguidor, o Xadrez Ourense, que rematou a xornada con idéntico resultado ca os Universidade de Vigo, mantense a 3.5 puntos de distancia a só catro roldas para o final da liga. Na próxima xornada os universitarios recibirán na casa ao Liceo Ourense A, noveno clasificado con 19 puntos.

No relativo ás outras categorías do xadrez universitario, o filial, Escola Deportiva Universitaria de Vigo, acadou unha espectacular vitoria na casa por 3-1 ante o Xadrez Tui XG A, líder destacado da Primeira División C. Na vindeira xornada os vigueses visitarán ao Villa de Bouzas A, sétimo clasificado con 12.5 puntos, tres máis ca os universitarios.

O Campionato Galego de tenis comeza con vitoria feminina e derrotas masculinas

O Campionato Galego de tenis arrancou esta fin de semana con diferente sorte para os tres equipos universitarios. Mentres as mulleres, que militan na categoría de prata, conseguiron a vitoria fronte o Salceda de Caselas por 5-0, os dous equipos masculinos perderon no arranque ligueiro.

O equipo feminino comezou gañando os catro encontros individuais con resultados notorios e nos dobres tampouco lles agardaban sorpresas, gañando o partido sen apenas oposición e pechando o marcador dun contundente 5-0. Pola súa banda, o equipo masculino A estreaba nova categoría tras acadar o ascenso á División de Prata. Nesta primeira xornada mediuse ao Tenis Cangas como equipo visitante e tras rematar os partidos de individuais, os universitario situábanse cun encontro abaixo que se reflectía no un 3-2 do marcador. Os vigueses tentaron remontar no partido de dobres, pero como explica o adestrador, Jorge Comesaña “só conseguimos a vitoria no dobres 2, polo que caemos por un total de 4-3”. O outro equipo masculino tamén estreaba categoría tras o ascenso, no seu caso a Primeira División. Pero tampouco houbo sorte no inicio desta nova etapa e caeron fronte o Náutico de Vigo B por 2-5. “Ao remate dos individuais, o equipo visitante vencía por 1-4, o que lles outorgaba a vitoria do encontro, despois de disputar os dobres cada equipo se apoderou dun partido, quedando finalmente cun resultado de 2-5”, resume Comesaña.

Na próxima xornada, o equipo feminino e masculino A disputarán os seus encontros como visitantes, o feminino fronte o Tenis Tui e o masculino A contra o Empresariais de Ourense, en tanto, o masculino B volverá xogar na casa contra o Club Tenis Codesal.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós