DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 20 de marzo do 2017

A profesora de BBAA Mónica Ortuzar expón unha serie de retratos na galería About Art

Autorretratos nun mar de acuarela

A mostra reúne unha serie de obras inéditas, realizadas todas elas en 2016


Image Desde hai preto dunha década, o autorretrato é o motivo que centra en exclusiva a produción artística da profesora da Facultade de Belas Artes Mónica Ortuzar, que nestas semanas amosa boa parte da súa o indagación máis recente neste eido nunha exposición individual na galería pontevedresa About Art. Archipiélagos é o título dunha mostra que reúne unha serie de cadros realizados ao longo do pasado ano 2016 e nos que as facianas desta profesora do Departamento de Escultura transfórmanse “en illas de acuarela nun mar de gouache de cor azul ultramar”, como destaca esta galería.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Desde hai preto dunha década, o autorretrato é o motivo que centra en exclusiva a produción artística da profesora da Facultade de Belas Artes Mónica Ortuzar, que nestas semanas amosa boa parte da súa o indagación máis recente neste eido nunha exposición individual na galería pontevedresa About Art. Archipiélagos é o título dunha mostra que reúne unha serie de cadros realizados ao longo do pasado ano 2016 e nos que as facianas desta profesora do Departamento de Escultura transfórmanse “en illas de acuarela nun mar de gouache de cor azul ultramar”, como destaca esta galería.

Retratarse a si mesma centra o labor artístico desta docente bilbaína desde 2009. Unha temática á que como recoñece, chegou en Coloña, Alemaña, “un pouco por casualidade, ao verme nun espello un día de tanto calor que non me apetecía ir ao taller”.Foi así como comezou unha liña de traballo que lle permite indagar na relación cos outros a través da súa propia imaxe. “Desde que empecei a pintar autorretratos dinme conta de que certa obsesión por fixarme nas caras da xente que coñecía ou vía de camiño ao taller era determinante do que logo, nese taller e a soas, ía pintar cada día”, recoñece a artista, quen admite nese senso que os seus autorretratos “teñen pouco que ver co tratar de conseguir o parecido con min mesma, senón máis ben con dar paso, dar saída as fixacións do que outros son para min”.

Retratos que fanse illas

Esta abordaxe do autorretrato por parte de Ortuzar foi evolucionando co paso dos anos “ata chegar a ter grandes diferenzas entre as distintas etapas”. Deste xeito, os cadros realizados con tinta, acuarela e gouache que, ata este venres 24, se reúnen en Archipiélagos amosan unha característica específica non presente en series previas, a presenza en varias das pinturas de máis dunha cabeza, converténdose así nas illas dese arquipélago. “A maior diferenza cos anteriores é que buscan menos o volume na súas formas e que incorporan a repetición de varias cabezas nunha mesma obra, sendo cada unha delas encerrada en diferentes burbullas. De aí o seu título, como reunión de illas que se separan por un mar de gouache moito máis denso que a acuarela coa que están pintadas”, relata Ortuzar.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós