DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 20 de marzo do 2017

A nova titulación comezaría a impartirse na Escola de Enxeñería Industrial no curso 2018-2019

O Consello de Goberno aproba á declaración de interese do grao de Enxeñería Biomédica

Considerarase a futura implantación en 2019/20 dun Grao en Deseño e Creación en Pontevedra


Image A Universidade de Vigo comeza a dar pasos cara ao novo mapa de titulacións e faino coa aprobación por parte do Consello de Goberno da declaración dunha nova titulación de grao e sete de máster, que se implantarían no curso 2018-2019, mentres que cara ao curso 2019-2020 o órgano de goberno manifestou o seu interese cara á considerar unha aprobación formal doutras declaracións de interese para implantar neste caso outro grao e dous novos mestrados. En relación coas declaracións de interese aprobadas hoxe, o Consello deu luz verde á presentada pola Escola Enxeñería Industrial para a implantación no curso 2018-2019 dun Grao en Enxeñería Biomédica. Cara ao curso 2019-2020, o Consello de Goberno manifestouse favorable a considerar unha oferta futura cara á aprobación formal dunha declaración de interese para que se poida impartir na Facultade de Belas Artes un Grao en Deseño e Creación.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
A Universidade de Vigo comeza a dar pasos cara ao novo mapa de titulacións e faino coa aprobación este mediodía por parte do Consello de Goberno da declaración dunha nova titulación de grao e sete de máster, que se implantarían no curso 2018-2019, mentres que cara ao curso 2019-2020 o órgano de goberno da Universidade manifestou o seu interese cara á considerar unha aprobación formal doutras declaracións de interese para implantar neste caso outro grao e dous novos mestrados. En relación coas declaracións de interese aprobadas hoxe, o Consello de Goberno deu luz verde á presentada pola Escola Enxeñería Industrial para a implantación no curso 2018-2019 dun Grao en Enxeñería Biomédica. No caso dos mestrados, as declaracións de interese corresponden a dúas propostas da Facultade de Bioloxía para impartir cadanseu máster interuniversitario en Biodiversidade Terrestre e Xestión do Medio Natural e en Metodoloxías Xenómicas e Xenéticas, ás que se engaden as declaracións de interese, tamén aprobadas, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que presentou o Máster en Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados; a da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dun Máster en Ciberseguridade; a da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que solicitaba o Máster Interuniversitario en Especialización, Investigación e Innovación en Educación Infantil e Primaria; a da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación sobre a implantación do Máster en Social Media Management e Creación de Contidos Dixitais e a da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais sobre un Máster en Economía.

Cara ao seguinte curso, o 2019-2020, o Consello de Goberno manifestouse favorable a considerar unha oferta futura cara á aprobación formal dunha declaración de interese para que se poida impartir na Facultade de Belas Artes un Grao en Deseño e Creación, así como dous novos mestrados na Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo: o Máster en Ciencia e Tecnoloxía do Espazo e outro en Enxeñaría Aeronáutica.

Outro dos acordos adoptados hoxe polo Consello de Goberno permitirá a entrada en vigor para o vindeiro curso 2017-2018 do programa conxunto de estudos oficiais do Grao en Turismo e o Grao en Xeografía e Historia no campus de Ourense. Así mesmo, o vindeiro curso tamén comezará a impartirse no campus de Pontevedra o Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que substituirá curso ao titulo propio Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda, cuxo calendario de extinción tamén foi aprobado na sesión deste luns.

O límite de prazas e o calendario académico para o vindeiro curso, que comprenderá do luns 4 de setembro do 2017 ao martes 31 de xullo de 2018; a programación docente anual; as normas básicas de POD e a convocatoria de axudas á investigación para este ano, son outras cuestións ás que os membros do Consello de Goberno deron hoxe o seu visto e prace, nunha sesión na que o reitor, Salustiano Mato, confirmou que a docente e investigadora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Edita de Lorenzo, substituirá a Jose Antonio Vilán como comisionada do Vigo Tecnolóxico. Precisamente, en relación co Vigo Tecnolóxico o Consello de Goberno aprobou a constitución da agrupación estratéxica de investigación INEX, Industria e Enerxía, que o reitor definiu como unha peza fundamental na estratexia de especialización do campus de Vigo.

Declaracións e manifestacións de interese para un novo mapa de titulacións

Como “unha proposta interesante”, definiu a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña, a declaración de interese da Escola de Enxeñería Industrial para a implantación dun Grao en Enxeñería Biomédica no curso 2018-2019, co obxectivo de formar profesionais da enxeñaría biomédica e aplicar os principios e coñecementos da enxeñaría industrial, da de telecomunicación e informática ao campo médico e de tecnoloxía de produtos sanitarios. A nova titulación, que o vindeiro mes de xullo deberá ter as súas memorias redactadas, e a cuxa declaración de interese deu hoxe luz verde o Consello de Goberno, impartiríase, unha vez superados todos os trámites requeridos, na Escola de Enxeñería Industrial coa colaboración da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e as facultades de Bioloxía e Química.

Pola súa banda, para o curso 2019-2020 a Facultade de Belas Artes amosou o seu interese en implantar un Grao en Deseño e Creación, co obxectivo de recuperar unha parte dos estudos de Belas Artes, cando no centro se impartía unha especialidade de deseño e audiovisuais. Así mesmo, arguméntase que o novo grao significaría o despegue da especialización do campus de Pontevedra como Campus Crea s2i, unha cuestión na que tamén incidiu a vicerreitora Ana Graña nas súas explicacións previas á votación do Consello de Goberno, que tamén deu luz verde ás declaracións de interese de sete mestrados para os cursos 2018-2019. O órgano de goberno non se pronunciou sobre a proposta da Facultade de Filoloxía e Tradución para implantar cinco novos másters por, segundo argumentou o reitor, non terse realizado por parte da dirección do centro un filtro previo na selección das propostas, que se sumarían aos seis mestrados actuais. Neste sentido, Salustiano Mato, lembrou que cara ao novo mapa de titulacións trabállase “cunha axenda aberta” á que se poderán ir sumando outras propostas.

Novo programa conxunto de estudos do Grao en Turismo e en Xeografía e Historia

Trala súa aprobación hoxe na reunión do Consello de Goberno, o campus de Ourense sumará o vindeiro curso á súa oferta académica o programa conxunto de estudos oficiais do Grao en Turismo e o Grao en Xeografía e Historia, elaborado polas facultades de Historia e de Ciencias Empresariais e Turismo sobre os plans de estudos oficiais. O alumnado que curse o programa conxunto, cunha duración de 11 cuadrimestres e que deberá superar 390 créditos ECTS, obterá dous títulos oficiais: graduada/o en Turismo e graduada/o en Xeografía e Historia.
Para o vindeiro curso ofertaranse 10 prazas, das que o 50% detráense da oferta do Grao Xeografía e Historia e o 50% restante da Grao en Turismo, cuxa facultade será o centro responsable do programa, mentres que os cursos impartiranse en ambas das súas facultades. As decanas Susana Reboreda e Elena Rivo amosaron no Consello de Goberno a súa satisfacción pola aprobación deste programa conxunto, que atende unha demandado alumnado para formar un perfil de xestor de patrimonio cultural, que neste intre non existe no sistema universitario galego.

Calendario e límite de prazas para o vindeiro curso e axudas á investigación

O calendario do curso 2017-2018 comprenderá do luns 4 de setembro do 2017 ao martes 31 de xullo de 2018, cun primeiro cuadrimestre que abarcará do 4 de setembro ao 19 de xaneiro e un segundo que irá do 22 de xaneiro ao 1 de xuño. A docencia interromperase entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro; o 12 e o 13 de febreiro e dende o 26 de marzo ao 31 de marzo.

En relación co límite de prazas para o vindeiro curso, mantéñense os mesmos do curso pasado agás no caso do campus de Ourense no que Grao en Xeografía e Historia pasa de 45 a 40 prazas e o Grao en Turismo que pasa de 60 a 55, pola implantación do programa conxunto de estudos. Pola súa banda no campus de Pontevedra mantéñense en todos os graos o mesmo límite de prazas que o curso pasado e no campus de Vigo o Grao en Comercio pasa de 110 a 104.

A sesión de Consello de Goberno correspondente ao mes de marzo tamén aprobou a programación docente anual, PDA, de grao e mestrado para o vindeiro curso, na que, entre outras cuestións deuse luz verde á adscrición da materia Mecánica de Fluídos do Grao de Enxeñaría Aeroespacial á área de Mecánica de Fluídos, en contra do criterio da xunta de centro que defendía a súa adscrición a Física Aplicada. Fronte a argumentación defendida polo docente Claudio Cerdeiriña nun escrito ao que deu lectura o representante sindical Federico Fernández, o reitor e a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, defenderon a adscrición a Mecánica de Fluídos por “un criterio académico co obxectivo de ofrecer ao alumnado a mellor formación”, ao tempo que Salustiano Mato asegurou que “a titulación absorberá toda a capacidade docente dos físicos do campus de Ourense”. A PDA foi aprobada, ao igual que os normas básicas de POD, aínda que neste caso foi precisa unha votación que rematou con 35 votos a favor, un en contra e unha abstención.

A convocatoria de axudas á investigación do ano 2017 tamén recibiu o apoio dos membros do Consello de Goberno. As axudas están destinadas a grupos de investigación; subvencións para a organización de congresos e realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas; axudas á mobilidade do persoal investigador e bolsas e axudas á formación. A contía destinada a financiar esta convocatoria supera o 1,5 millóns de euros, sendo con 1,2 millóns a partida a destina a axudas á investigación e á transferencia, a máis importante.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós