DUVI. Diario da Universidade de Vigo
MÚrcores, 22 de marzo do 2017

O campus de Ourense uniuse este mÚrcores ß celebraciˇn do dÝa mundial deste recurso natural

Compo˝endo un futuro ao son da auga

Arredor de 300 escolares de centros do sur de Galicia participaron nunha xornada de portas abertas


ImageO día 22 de marzo, declarado polas Nacións Unidas como o Día Mundial da Auga, é unha data que pretende concienciar ás persoas da importancia da auga doce e promover a sustentabilidade da xestión deste recurso. Desde a posta en marcha do seu proceso de especialización como Campus da Auga, esta data é para o campus de Ourense un día de celebración, un día para abrir as súas portas ás futuras xeracións de universitarios e amosar o que se coce nas súas aulas e laboratorios. Arredor de 300 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra participaron este mércores nas actividades organizadas co gallo desta data sinalada para a Universidade de Vigo. A todos eles e elas, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, deulles a benvida recalcándolles o desexo da institución académica de que, con iniciativas coma esta, “naza en vós a paixón polos estudos universitarios”.

Rosa Tedín | Ourense
O día 22 de marzo, declarado polas Nacións Unidas como o Día Mundial da Auga, é unha data que pretende concienciar ás persoas da importancia da auga doce e promover a sustentabilidade da xestión deste recurso. Desde a posta en marcha do seu proceso de especialización como Campus da Auga, esta data é para o campus de Ourense un día de celebración, un día para abrir as súas portas ás futuras xeracións de universitarios e amosar o que se coce nas súas aulas e laboratorios. Arredor de 300 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra participaron este mércores nas actividades organizadas co gallo desta data sinalada para a Universidade de Vigo. A todos eles e elas, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, deulles a benvida recalcándolles o desexo da institución académica de que, con iniciativas coma esta, “naza en vós a paixón polos estudos universitarios”, ademais de tomar conciencia da importancia vital da xestión sustentable dos recursos naturais.

O reitor foi o encargado de dar a benvida aos asistentes ao Edificio Politécnico explicándolles o camiño de especialización iniciado no campus de Ourense coa creación do proxecto Campus da Auga. Trala súa posta en marcha, apuntou Salustiano Mato, o Día Mundial da Auga converteuse “no mellor día” para que o campus abra as súas portas á sociedade. Co programa de actividades previsto, deseñado para que os escolares afondasen nas oportunidades que ofrece tanto o campus como a auga, o reitor salientou o seu desexo de que ao longo da xornada os estudantes se “ilusionasen” coa posibilidade de no futuro volver a entrar neste campus pera xa estudar nalgún dos seus centros.

Pola súa banda, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, detalloulle aos asistentes as características xerais do campus e do seu proxecto de especialización. Do Campus da Auga, o vicerreitor destacou “o seu carácter innovador” e o feito de que marca para este campus o reto de “querer ser líderes no estudo, formación e investigación no eido da auga desde diferentes puntos de vista”, desde a economía e o dereito ata o patrimonio e a educación. Entre o alumnado que se achegou a participar nesta xornada de portas abertas estiveron este mércores as alumnas de Franciscanas Ourense Elena, Iria, Ana e Paula, que antes de comezar a actividade amosaban o seu desexo de aproveitar “esta xornada diferente” para “aprender cousas novas” e para “ser máis conscientes de que debemos coidar a natureza máis do que o facemos en realidade”.

Formación e investigación

A xornada de portas abertas tivo como obxectivo orientar ao alumnado sobre o seu futuro e dar a coñecer a investigación que se está a realizar no marco do Campus da Auga. Neste sentido, responsables dos diferentes centros universitarios ourensáns presentaron aos asistentes as diferentes titulacións que oferta a Universidade de Vigo en Ourense e as súas saídas profesionais. Tamén houbo unha presentación de investigacións desenvolvidas no marco deste proxecto de especialización, como a realizada por Laura Movilla, da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais, sobre Desafíos na gobernanza internacional da auga; a de Herminia Domínguez, do Grupo de Investigación de Enxeñaría Química, sobre Valorización e tratamento de efluentes agroindustriais, e a de Arno Formella, Laboratorio de Informática Aplicada LIA, no eido da enxeñaría informática e os picosatélites.

Asemade, persoal docente e investigador levaron a cabo varios talleres nos laboratorios para dar a coñecer a investigación que están a realizar arredor da auga. Deste xeito, o alumnado puido ver e participar no Laboratorio de Química Analítica e Bromatoloxía do proceso de determinación de amoníaco en augas residuais; no Laboratorio de Microbioloxía puido realizar cultivos microbianos e no Laboratorio de Enxeñaría Química puido ver como se produce a coagulación-floculación de augas residuais. A xornada completouse coa presentación de diferentes servizos cos que conta o campus, como a Biblioteca Rosalía de Castro, os programas e a oferta cultural, as instalacións e actividades deportivas e o Gabinete Psicopedagóxico.

E as gañadoras do concurso de foto-relato son…

No marco desta programación co gallo do Día Mundial da Auga, a Vicerreitoría do Campus de Ourense tamén convocou este ano a terceira edición do Concurso de Foto-Relato Campus da Auga (Edición Scholaris), destinado a estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato da provincia de Ourense e Pontevedra. O lema escollido para esta edición foi Auga, Ciencia e Desenvolvemento Sustentable, co obxectivo de valorizar o recurso da auga e a súa correcta xestión, así como promover o coñecemento e visualizar o patrimonio que a provincia de Ourense ten no eido cultural en relación coa auga.

A celebración do Día Mundial da Auga rematou coa entrega de premios deste certame de mans dos representantes das institucións implicadas nestas celebración alén da Universidade, estando a deputada provincial Ana María Villarino, os concelleiros Belén Iglesias e Jorge Pumar e Julio Masid, director territorial de Viaqua. O primeiro premio foi para Sabela Baena, do IES María Soliño, de Cangas, pola obra Cos dedos engurrados; o segundo premio foi para Carla Cabral, do IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo, pola obra Alma de auga, e o terceiro foi para Alejandra Laso, do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense, polo foto-relato titulado Vida y lucha. Os dous primeiros premios recibiron de agasallo unha tableta e o terceiro un lote de libros sobre cultura e patrimonio de Ourense. Coa selección das obras presentadas poderase realizar unha ou varias exposicións durante este ano.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nˇs