DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 31 de marzo do 2017

A través do convenio coa Universidade que vén de aprobar a Xunta de Goberno da institución provincial

A Deputación destina 100.000 euros a impulsar a mobilidade internacional do alumnado

O vindeiro curso, outorgará 100 bolsas de 1000 euros a participantes nos programas Erasmus+


ImageImpulsar a mobilidade internacional do alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra é o obxectivo principal do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo polo que a institución provincial destinará o vindeiro curso 100.000 euros a axudas complementarias para o alumnado seleccionado en programas de mobilidade internacional. Concretamente, o convenio prevé a concesión de 100 bolsas de 1000 euros ao estudantado que participe no curso 2017/2018 nos programas Erasmus+ Estudos e Erasmus+ Prácticas, así como a beneficiarios e beneficiarias das bolsas propias da institución académica.

Duvi | Pontevedra
Impulsar a mobilidade internacional do alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra é o obxectivo principal do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo polo que a institución provincial destinará o vindeiro curso académico 100.000 euros a axudas complementarias para o alumnado seleccionado en programas de mobilidade internacional. Concretamente, o convenio que vén de aprobar este venres a Xunta de Goberno da Deputación prevé a concesión de 100 bolsas de 1000 euros ao estudantado que participe no curso 2017/2018 nos programas Erasmus+ Estudos e Erasmus+ Prácticas, así como a beneficiarios e beneficiarias das bolsas propias da institución académica.

En concreto, 80 destas axudas complementarias corresponderanse co programa Erasmus+ Estudos, outras once co Erasmus+ Prácticas e as nove restantes serán destinadas aos bolseiros e bolseiras da convocatoria propia da Universidade, segundo se recolle neste convenio de promoción da mobilidade do estudantado, que dá continuidade ao asinado en decembro de 2015 por estas dúas institucións. Un acordo a través do cal o ente provincial destinou, nos cursos 2015/2016 e 2016/2017, un total de 150.000 euros a estas axudas complementarias.

Mellorar a formación e a inserción laboral

Trala aprobación do convenio, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, remarcou a importancia dunha iniciativa “que permitirá que o alumnado universitario con menos recursos económicos” que sexa seleccionado nestas convocatorias “poida completar a súa formación en universidades europeas ou ben realizar as súas primeiras prácticas formativas en empresas e institucións doutros países durante o curso 2017/2018”, segundo informa o ente provincial nun comunicado.

Nese mesmo senso, Silva salientou que o obxectivo principal desta actuación é facilitar a inserción laboral e mellorar a empregabilidade e a formación dos futuros titulados e tituladas dos campus de Pontevedra e Vigo. De aí que manifestase a súa satisfacción por un convenio que “permite unha maior e mellor formación, adecuada ao mundo global e ao mercado laboral, mellorando as competencias das nosas e nosos estudantes para facer fronte a un mundo máis complexo”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós