DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 03 de abril do 2017

Salustiano Mato e Beatriz Mato reuníronse para avanzar as liñas de traballo conxunto

Universidade e Consellería de Medio Ambiente sentan as bases para colaborar a prol dunha Galicia máis sostible

Economía circular, cambio climático e mellora do ciclo da auga, entre as áreas de actuación previstas


Image Co obxectivo de facer efectiva a transferencia de coñecemento que se xera na Universidade de Vigo en cuestións relacionadas co medio ambiente, o reitor Salustiano Mato e conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantiveron este luns no campus de Vigo a súa primeira xuntanza institucional que, segundo avanzou a titular de Medio Ambiente do Goberno galego, permitiría asinar un convenio marco de colaboración, que posteriormente se traduciría en acordos específicos en catro temas concretos, como son a economía circular, o cambio climático, o empoderamento dos ríos e a mellora do ciclo integral da auga. “Trátase de sistematizar dun xeito máis intenso e máis ordenado e se cabe máis ambicioso, a colaboración coa Consellería”, sinalou Mato, que agradeceu a visita ao campus de Vigo da conselleira.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Co obxectivo de facer efectiva a transferencia de coñecemento que se xera na Universidade de Vigo en cuestións relacionadas co medio ambiente, o reitor Salustiano Mato e conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantiveron este luns no campus de Vigo a súa primeira xuntanza institucional que, segundo avanzou a titular de Medio Ambiente do Goberno galego, permitiría asinar un convenio marco de colaboración, que posteriormente se traduciría en acordos específicos en catro temas concretos, como son a economía circular, o cambio climático, o empoderamento dos ríos e a mellora do ciclo integral da auga.

“Trátase de sistematizar dun xeito máis intenso e máis ordenado e se cabe máis ambicioso, a colaboración coa Consellería, sobre todo a efectos de transferir o noso coñecemento e capacidades para resolver os problemas que nos plantexen”, sinalou Salustiano Mato, que agradeceu a visita ao campus de Vigo da conselleira. Pola súa banda, Beatriz Mato, asegurou que “non debo desaproveitar todo o coñecemento e traballo que a Universidade e os seus equipos están a desenvolver vencellados ao medio ambiente, patrimonio natural e augas” ao tempo que manifestou a intención do seu departamento de traballar intensamente para facer unha Galicia máis sostible.

Da economía circular ao ciclo da auga pasando polo cambio climático e os ríos

“Queremos que Galicia sexa referente na área da economía circular”, asegurou Beatriz Mato, que destacou a importancia desta estratexia para “facer da nosa unha comunidade máis sostible”, ao tempo que destacou a existencia de departamentos na Universidade que traballan neste ámbito, no que a Consellería tamén colabora co Ministerio. Pola súa banda, o reitor, apuntou á agrupación estratéxica Ecobas, como a referencia no ámbito da economía circular na institución académica viguesa, na que destacou “a multidisciplinariedade dos seus economistas, que poden abordar temas de forma global e coordinada”.

No caso do cambio climático, a conselleira destacou que “non podemos desaproveitar o coñecemento da Universidade, onde grandes investigadores están a traballar neste eido e especialmente vinculado ao mar”. Salustiano Mato lembrou, neste sentido, o labor de Economics for Energy, o centro de investigación especializado na análise económica das cuestións enerxéticas, dirixido polo catedrático da Universidade de Vigo, Xavier Labandeira e o docente da Universidad Pontificia de Comillas Pedro Linares, así como da investigadora Elena Ojea, que acadou unha Starting Grant do Consello de Europa, coa que desenvolve desde hai meses na institución viguesa unha investigación centrada na adaptación ao cambio climático tendo en conta os impactos que se están a producir no medio mariño e na pesca.

A titular de Medio Ambiente do Goberno Galego tamén manifestou o interese do seu departamento no empoderamento dos ríos, “para o que crearemos un observatorio, onde a Universidade xogará un papel fundamental”. En relación coa mellora do ciclo integral da auga, Beatriz Mato lembrou que a Universidade de Vigo é a única que dispón dun Campus da Auga “que pode colaborar en mellorar, en concreto no que ten que ver coa depuración e o abastecemento e sobre todo na mellora da eficiencia enerxética de todas as instalacións”. En relación co Campus da Auga o reitor, Salustiano Mato, incidiu no “avance con paso decido do proceso de especialización do campus de Ourense, que conta coa masa crítica e músculo das titulacións de enxeñaría do campus de Vigo”, explicou o reitor.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós