DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 06 de abril do 2017

Emilab está impulsado pola Vicerreitoría de Estudantes e o Centro de Linguas

Un repositorio virtual ofrece ao profesorado recursos e materiais de apoio para a docencia en inglés

Inclúe manuais, dicionarios, cursos de pronunciación, exercicios e un servizo de consulta


ImageNeste curso 2016-2017 a Universidade de Vigo oferta 127 materias de grao e 90 de mestrado que se poden cursar en inglés nas diferentes titulacións, así como a posibilidade de completar un cuadrimestre enteiro en inglés en varios centros. Esta aposta pola internacionalización e polo plurilingüismo da institución precisa da implicación do persoal docente e, para facilitarlles a tarefa de impartir as clases nunha lingua estranxeira, a Vicerreitoría de Estudantes en colaboración co Centro de Linguas acaba de poñer en marcha Emilab, unha plataforma web de apoio á docencia e redacción de artigos en inglés.

M. Del Río | Vigo
Neste curso 2016-2017 a Universidade de Vigo oferta 127 materias de grao e 90 de mestrado que se poden cursar en inglés nas diferentes titulacións, así como a posibilidade de completar un cuadrimestre enteiro en inglés en varios centros. Esta aposta pola internacionalización e polo plurilingüismo da institución precisa da implicación do persoal docente e, para facilitarlles a tarefa de impartir as clases nunha lingua estranxeira, a Vicerreitoría de Estudantes en colaboración co Centro de Linguas acaba de poñer en marcha Emilab, unha plataforma web de apoio á docencia e redacción de artigos en inglés. Trátase dun repositorio en liña para o profesorado que comprende recursos como bancos de léxico e frases académicas, linguaxe de aula, exercicios, dicionarios, titoriais de pronunciación, cursos monográficos, etc. que serán actualizados permanentemente.

O repositorio tamén dispón dun servizo para facer consultas e solucionar dúbidas tanto relacionadas coa linguaxe de xestión da aula como do material necesario para a docencia en inglés, é dicir, presentacións, correo electrónico, redacción de exercicios e exames, etc. A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, explica que estas ferramentas “servirán tamén para a redacción de artigos científicos e textos institucionais en inglés e para a interacción eficaz en contornas académicas e científicas”.

Recursos de apoio para a elaboración de contidos, clases e presentación de proxectos

A web comprende varios apartados, que van dende a organización dun texto ata a elección dos temas. Deste xeito, os docentes teñen ao seu dispor e de xeito organizado e estruturado documentación e ferramentas para aprender a organizar un texto en inglés, para coñecer as expresións máis empregadas, para citar as fontes, para describir o método de traballo e mesmo para definir un novo termo técnico que se precisa acuñar. Por outra banda, o repositorio inclúe tamén información e recursos para presentación orais dos traballos académicos e científicos, con consellos para mellorar os pósters ou os abstracts.

Outro dos bloques temáticos que comprende esta plataforma refírese á docencia na aula e axuda ao profesorado a estruturar a clase, a preparar os contidos e a afacerse a situacións concretas dende o punto de vista de expresións e vocabulario, como exames, actividades na aula ou en laboratorio ou situacións imprevistas así como símbolos matemáticos e científicos. No referente a textos institucionais, ofrece modelos de documentos como cartas, acordos, convenios, resolución, solicitudes, etc. Outro apartado ofrece ferramentas prácticas como dicionarios, guías de pronuncia e de concordancias e unidades fraseolóxicas.

Os documentos e titoriais que se recollen neste repositorio proceden de recoñecidas institucións académicas internacionais como as Universidades de Oxford ou Manchester, Cambridge English ou a BBC. Porén, tamén se recollen contidos propios como titoriais de pronunciacións, unha serie de vídeos elaborados pola profesora do Centro de Linguas Úrsula Kirsten Torrado con teoría e exemplos prácticos sobre a pronuncia dos diferentes tipos de vogais e as consonantes, das terminacións –ed, as –s finais, os grupos consonánticos ou na pronuncia o xeito de unir unha palabra coa que segue.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós