DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de abril do 2017

CC. Xurídicas acollerá o 25 de abril o 'I Seminario-Taller Literatura e Dereito Cervantes e o Dereito'

Cervantes muda a pluma pola toga

A sesión está organizada polo grupo Innova Dereito e será impartida por José Francisco Alenza


Image A constatación de que a relación entre literatura e dereito é máis estreita do que nun principio se pode pensar, levou ao Grupo de Innovación Docente da Universidade de Vigo Innova Dereito a poñer en marcha un seminario no que evidenciar a abundancia na literatura de claves xurídicas sobre as que reflexionar e debater, o que a confirma ademais como unha valiosa ferramenta no ensino do Dereito e na formación das e dos xuristas. O I Seminario- Taller Literatura e Dereito que se celebrará o 25 de abril na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, renderá homenaxe a Miguel de Cervantes, cuxa obra contén numerosas referencias de carácter xurídico.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
A constatación de que a relación entre literatura e dereito é máis estreita do que nun principio se pode pensar, levou ao Grupo de Innovación Docente da Universidade de Vigo Innova Dereito a poñer en marcha un seminario no que evidenciar a abundancia na literatura de claves xurídicas sobre as que reflexionar e debater, o que a confirma ademais como unha valiosa ferramenta no ensino do Dereito e na formación das e dos xuristas. “Por unha banda, é sabido que o Dereito é unha ‘linguaxe de rigor’, cuxo aprendizaxe, ademais de esixir estudos xurídicos, precisa de múltiples lecturas doutros tipos de literatura. Por outra banda, aínda que nunha primeira aproximación, puidera parecer o contrario, a relación entre literatura e Dereito sempre foi moi intensa”, explica o docente e investigador da Facultade Ciencias Xurídicas e do Traballo Rafael Fernández Acevedo, que destaca que a aproximación ao Dereito, e máis concretamente ao Dereito administrativo, desde a literatura pretende mellorar a formación xurídica das e dos asistentes ao seminario, dun xeito o máis lúdico posible.

Dirixido, ademais de por Fernández, pola tamén docente e investigadora Patricia Valcárcel Fernández, o I Seminario- Taller Literatura e Dereito, que se celebrará o vindeiro 25 de abril, renderá homenaxe a Miguel de Cervantes, cuxa obra contén numerosas referencias de carácter xurídico, como, por exemplo, a supostamente novidosa directriz do bo goberno á que apela a Lei de Transparencia de 2013 e que xa aparece en El Quijote. “Comezar pola obra cumio da literatura universal e facelo en datas próximas ao aniversario de Cervantes, pareceunos o máis axeitado”, sinala Rafael Fernández, que destaca que neste intre na Universidade de Vigo non existe unha iniciativa deste tipo, que neste caso concreto se dirixe a estudantado, tanto de grao, como de posgrao, de calquera universidade, así como calquera xurista ou estudoso de Cervantes.

Detalles do seminario impartido por José Francisco Alenza

O seminario, que se desenvolverá a partir das 16.00 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, será inaugurado polos directores e pola decana do centro, Almudena Bergareche. O profesor de Dereito Administrativo da Universidad Pública de Navarra e director do programa Lyder, Literatura e Dereito, José Francisco Alenza será o encargado de impartir a sesión, primeiro, cun relatorio titulado O bo goberno e a boa administración (segundo a teoría de Don Quixote e a práctica de Sancho Panza) e posteriormente co obradoiro práctico Cervantes e o Dereito. Alenza é director da obra, recentemente publicada, Cervantes y el Derecho. Ideas cervantinas para el aprendizaje del Derecho, na que a través dunha vintena de capítulos, especialistas en dez áreas do coñecemento, estudan todas as cuestións xurídicas presentes, tanto en El Quijote, como en as Novelas ejemplares e nos entremeses escritos por Miguel de Cervantes.

A inscrición e a asistencia ao seminario é gratuíta ata completar a capacidade do salón de graos e pode realizarse enviando un correo ao enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver As e os participantes recibirán un certificado de aproveitamento.
Tras este seminario, “temos a intención, sempre que academos financiamento suficiente, de continuar con esta iniciativa que nos atrevemos a cualificar de feliz”, apunta o director do seminario, coa vista posta na celebración de futuras edicións.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós