DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 19 de abril do 2017

O equipo da Universidade de Vigo regresa da súa participación nesta proba

Unha aventura inesquecible chamada Marathon des Sables

En seis etapas os participantes percorreron 240 quilómetros polo deserto do Sahara


ImageCo orgullo de ter participado na carreira máis duras do mundo na súa categoría e coa emoción de ter vivido unha experiencia vital inesquecible. O equipo da Universidade de Vigo que do 7 ao 17 de abril participou en Marrocos na 32 edición do Marathon des Sables xa está de volta na casa coa satisfacción de ter feito os deberes. José García Calvo, Willy, Daniel Diz e Ana Guede foron tres dos 1200 participantes que durante a cita afrontaron o reto de percorrer 240 quilómetros en etapas diarias dunha media de 40 quilómetros polo deserto do Sáhara.

Rosa Tedín | Ourense
Co orgullo de ter participado na carreira máis duras do mundo na súa categoría e coa emoción de ter vivido unha experiencia vital inesquecible. O equipo da Universidade de Vigo que do 7 ao 17 de abril participou en Marrocos na 32 edición do Marathon des Sables xa está de volta na casa coa satisfacción de ter feito os deberes. José García Calvo, Willy, Daniel Diz e Ana Guede foron tres dos 1200 participantes que durante a cita afrontaron o reto de percorrer 240 quilómetros en etapas diarias dunha media de 40 quilómetros polo deserto do Sáhara.

“Que dureza de proba. Xa me esquecera do que era!”, destaca José García Calvo ao se regreso. El foi o encargado de capitanear ao equipo que representou á Universidade de Vigo na cita por cuarta vez consecutiva na súa historia. O Marathon des Sables é una carreira a pé, por etapas, en autosuficiencia alimenticia e con liberdade de ritmo, realizándose aproximadamente 240 quilómetros, coa obriga cada participante de cargar coa súa equipaxe, formada por comida e material obrigatorio. Sobre a dureza do maratón, ás condicións climáticas típicas do deserto, de máximas de calor moi altas e oscilacións moi grandes entre o día e a noite, súmanse as dificultades do terreo, sendo arredor do 20% do percorrido por dunas, outro 20% por terreo requebraxado e o 60% restante por terreo duro, de pedras soltas e desniveis.

Os resultados

O equipo da Universidade de Vigo, que contou co patrocinio da Área de Benestar, Saúde e Deporte e a colaboración de Redonet e Intersport Piñeiro, rematou no posto 14 de 23 equipos participantes. Individualmente, o mellor resultado foi o acadado polo fisioterapeuta de 45 anos Daniel Diz, que rematou no posto 308 na clasificación xeral (sendo 1183 os participantes que finalizaron a proba) e no posto 115 da súa categoría, cuns tempos medios finais superiores a 6 quilómetros á hora. Pola súa banda, José García- Calvo, de 70 anos, coordinador das rutas culturais da Universidade de Vigo e promotor das andainas en Galicia, quedou no posto 591 na xeral e segundo na súa categoría, con tempos medios de 5,2 quilómetros á hora. Por último, Ana Guede, médica de 55 anos, tivo que abandonar na cuarta etapa, a penúltima de competición, por molestias físicas.

Sobre a participación de Daniel Diz, o capitán do equipo salienta que superou as expectativas previstas. “A pesar de ser novato solventou a papeleta cun dez”, destaca García-Calvo. Entre as claves do seu éxito, detalla, están ter realizado un moi bo adestramento nos meses previos, a súa experiencia en carreiras de ultrafondo e o feito de atopar neste maratón un compañeiro con similar ritmo e condicións físicas que lle permitiu ter un apoio constante durante o desenvolvemento das etapas. Sobre a participación de Ana Guede, sinala que a súa retirada foi na etapa máis dura do maratón, a de 86 quilómetros de percorrido. Con ampolas e malestar físico, comenta o capitán, cando a médica levaba arredor de 30 quilómetros percorridos “non puido soportar pensar que lle quedaban aínda 56 quilómetros por facer e retirouse”. Esta retirada, recalca, “non mingua o valor da súa participación”, sendo unha das só catro mulleres españolas que participaron nesta edición. Por último, sobre o seu propio resultado, García-Calvo salienta o seu orgullo. “Animicamente non tiven ningún conflito. É o meu oficio, levo facendo estas cousas desde os 18 anos”, recalca. Sobre a espiña de ter quedado de segundo na súa categoría apunta con humor que “case me alegro de ver que hai máis xente coma min, máis Willys, polo mundo”.

Abnegación e sacrificio

Desta 32 edición e coas experiencias anteriores ás costa, García-Calvo chama a atención sobre os cambios vividos na proba desde a súa anterior participación. “Evolucionou tanto en cinco anos o sistema de alimentación, de hidratación, de equipamento, de roupa, etc. que fai que haxa menos ampolas, menos deshidratación, menos rozaduras, menos cansazo físico, menos feridas”, indica. Pola contra, chama a atención sobre o feito de como as redes sociais e o continuo acceso dos participantes no maratón a elas na súa opinión “minguou o romanticismo da aventura, de sentirte perdido no mundo, concentrado na carreira”.

Recuperándose os tres do esforzo feito, o capitán do equipo da Universidade de Vigo salienta como a gran lección persoal que extrae desta experiencia é que “o ser humano é capaz de conseguir os retos que se propón con dúas cousas fundamentais: abnegación e sacrificio”. Así, lembra a intensa preparación realizada durante os seus meses previos, que lles obrigou a correr de luns a venres dúas horas diarias, o sábado descanso e o domingo cinco horas, portando unha mochila de tres quilos ao principio e unha de oito nos últimos tres meses. A pesar deste esforzo, sobre a posibilidade de volver, a resposta é contundente, “se a saúde mo permite como non vou volver”.

Homenaxe a Arturo Rúa

Durante a carreira tamén houbo tempo de render homenaxe a Arturo Rúa, auxiliar técnico de servizos xerais da Universidade de Vigo finado o pasado mes de febreiro aos 55 anos de idade. Na última etapa do maratón, de carácter solidario e non competitivo, José García-Calvo, amigo de Arturo, cumpriu o encargo feito por Cati, compañeira de Arturo na conserxaría do Edificio Xurídico-Empresarial, de depositar nunha duna unha pedra que pertenceu a Arturo, namorado de Marrocos. A pedra foi depositada nas dunas de Merzouga na súa memoria.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós