DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 19 de abril do 2017

O certame convidaba ao alumnado de bacharelato a deseñar accións de mellora da súa contorna

Preto de 50 estudantes achegaron os seus proxectos ao Concurso Intercentros da EE Forestal

As e os participantes visitarán o centro este venres para participar na entrega de premios


ImageA construción dun miradoiro de aves, a rehabilitación dun lavadoiro, a recuperación dun monte afectado polos lumes forestais ou a fabricación dun manual con trampas para a avespa velutina son algúns dos doce proxectos, ideados por 48 estudantes de bacharelato de diferentes puntos de Galicia, que este venres optan ao primeiro premio do Concurso Intercentros da Escola de Enxeñaría Forestal. Convidar ao alumnado a deseñar propostas de mellora da súa contorna natural máis próxima é o propósito central dun certame no que o equipo gañador obterá un premio de 1000 euros.

Duvi | Pontevedra
A construción dun miradoiro de aves, a rehabilitación dun lavadoiro, a recuperación dun monte afectado polos lumes forestais ou a fabricación dun manual con trampas para a avespa velutina son algúns dos doce proxectos, ideados por 48 estudantes de bacharelato de diferentes puntos de Galicia, que este venres optan ao primeiro premio do Concurso Intercentros da Escola de Enxeñaría Forestal. Convidar ao alumnado a deseñar propostas de mellora da súa contorna natural máis próxima é o propósito central dun certame no que o equipo gañador obterá un premio de 1000 euros.

Na súa segunda edición, este certame recibiu un total de seis proxectos do IES O Ribeiro de Ridadavia, ao que pertencía tamén o equipo gañador en 2015, e dous do IES Félix Muriel de Rianxo e do IES Xelmirez I de Santiago, así como proxectos de estudantes dos institutos de Brión e Los Sauces de Pontevedra. Os seus impulsores e impulsoras foron convidados na tarde deste venres a un acto de entrega de premios que se verá precedido, ás 17.00 horas, por unha visita guiada ás instalacións da EE Forestal, e que se completará cunha actuación musical.

Promocionar a titulación dunha forma didáctica

O obxectivo fundamental desta iniciativa, como salienta o secretario da escola, Juan Picos, “é dar a coñecer todo o espectro de posibilidades que ofrece o grao en Enxeñaría Forestal dunha maneira proactiva”, indo máis aló da organización de charlas ou a difusión de folletos informativos para convidar ao alumnado “a tentar poñerse na pel de alguén que quere levar adiante o proxecto no eido natural”. Deste xeito, ademais da divulgación da propia titulación, este concurso adquire tamén un valor “desde o punto de vista formativo, que o profesorado de distintas áreas pode empregar como un recurso didáctico”.

Non en van, o propósito desta iniciativa, que a súa responsable de dinamización, Rocío Gómez-Juncal, presentou nunha vintena de centros das provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, era convidar ao alumnado a traballar, coa colaboración dos seus profesorado, na definición duns proxectos que na xornada do venres serán exhibidos na EE Forestal en formato de póster. Un xurado integrado polo vicerreitor de campus, Juan Manuel Corbacho, a subdirectora da escola, Ángeles Cancela, Juan Picos, e representantes do sector empresarial, educativo e das comunidades de montes, encargarase nesa mesma xornada de avaliar as diferentes propostas, tendo en conta criterios como que as accións manteñan un diálogo coa contorna, a súa novidade e creatividade ou a viabilidade da idea proposta.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós