DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de abril do 2017

Entrega dos Premios á Excelencia Académica ao estudantado de novo ingreso

Máis da metade do novo alumnado “excelente” escolle unha enxeñaría

A simultaneidade ADE-Dereito e Tradución e Interpretación, outras das titulacións máis demandadas


ImageSon os 45 mellores expedientes do alumnado de novo ingreso e hoxe recolleron o agasallo co que a Universidade de Vigo quere recoñecer o seu esforzo durante os estudos secundarios e tamén o ter escollido esta institución para realizar a súa carreira universitaria. 22 mulleres e 23 homes que acadaron os Premios á Excelencia Académica deste curso ao obter un mínimo de 8.5 de nota media do Bacharelato ou ben de 9 nun ciclo superior de Formación Profesional. Este xoves recibiron como regalo unha tableta de mans do reitor, Salustiano Mato, que explicou que “con este acto queremos recoñecer a importancia que ten o mérito, a capacidade e o esforzo que se plasman nos resultados académicos que tivestes no ensino secundario”. Destes 45 expedientes excelentes, 25 optaron por algunha enxeñaría, sendo a máis demandada Telecomunicación (6). A simultaneidade ADE-Dereito e o grao en Tradución e Interpretación son outra das titulacións máis demandadas entre este grupo.

M. Del Río / D. Besadío | Vigo
Son os 45 mellores expedientes do alumnado de novo ingreso e hoxe recolleron o agasallo co que a Universidade de Vigo quere recoñecer o seu esforzo durante os estudos secundarios e tamén o ter escollido esta institución para realizar a súa carreira universitaria. 22 mulleres e 23 homes que acadaron os Premios á Excelencia Académica deste curso ao obter un mínimo de 8.5 de nota media do Bacharelato ou ben de 9 nun ciclo superior de Formación Profesional. Este xoves recibiron como regalo unha tableta de mans do reitor, Salustiano Mato, que explicou que “con este acto queremos recoñecer a importancia que ten o mérito, a capacidade e o esforzo que se plasman nos resultados académicos que tivestes no ensino secundario”.

O reitor fixo fincapé na necesidade de prestixiar a educación e o coñecemento, sobre todo en tempos nos que “a formación como ascensor social está en perigo, con referentes nos que parece que o futuro se pode labrar sen coñecemento”. Neste contexto remarcou que “as universidades temos que facer un esforzo para recoñecer o mérito e a capacidade, porque só co coñecemento podemos ter posibilidades reais dun futuro prometedor individualmente e como sociedade; porque con simplezas virais, famoseo e historias que non din nada non imos construír un mundo mellor para o planeta”.

“É un privilexio que nos escollerades para a vosa formación”

A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, aproveito este acto para agradecerlles o ter escollido a Universidade viguesa para cursar os seus estudos. Destes 45 expedientes excelentes, 25 optaron por algunha enxeñaría, a máis demandada Telecomunicación (6) seguida de Tecnoloxías Industriais (5). Pero ademais das enxeñarías a simultaneidade Administración e Dirección de Empresas-Dereito é outra das titulacións máis demandadas entre este grupo, grao que escolleron seis alumnos e alumnas. Mentres, outros cinco optaron por Tradución e Interpretación e houbo quen se decantou por Química, Fisioterapia ou Educación Infantil.

A todos eles González transmitiulles o agradecemento institucional , “é un pracer tervos na nosa universidade, sobre todo, é un privilexio que nos escollerades para a vosa formación” e animounos a “ser exemplo e estímulo para todos nós, para os vosos compañeiros e para os vosos profesores, porque os bos estudantes fan mellores docentes” e engadiu que o segredo do éxito reside “no traballo, dedicación, motivación, esforzo, gañas e vocación”. Tamén lles lembrou que teñen por diante unha etapa que pode ser unhas das mellores da súa vida e animounos a aproveitar todo o que ofrece a Universidade, dentro e fóra da aula, dende a docencia ás prácticas en empresas, experiencias de mobilidade, deportes, cultura, linguas, voluntariado “para que estes se convertan nos mellores anos da vosas vidas”. Neste sentido, como puntualizada o reitor, se en todos estes eidos “o facemos ben, en vós teremos os mellores embaixadores e embaixadoras da Universidade de Vigo no mundo”.

Moito esforzo, constancia e obxectivos claros

Satisfeitas e satisfeitos porque se lles recoñeza o seu labor, un a un as alumnas e alumnos premiados foron recollendo os seus regalos. “A todos nos gusta que se valore o esforzo que hai que facer para acadar estes resultados”, explicou tras o acto Yolanda Fernández, unha das alumnas que se decantou por estudar unha enxeñaría, neste caso Enxeñaría Mecánica. Ao seu carón, outra compañeira, Andrea Busto, do Grao de Enxeñaría de Telecomunicación, que non dubidou en admitir que no seu caso esta era “o que se chama unha opción familiar, pois miña irmá está tamén estudando esta titulación, contábame as cousas que facía e como me gustaban decidín matricularme eu tamén”. Con notas medias de bacharelato superiores en todos os casos ao 9, as dúas tiveron a liberdade de poder elixir o que máis lle gustaba, “algo que non é un tema menor, de feito a min custoume bastante”, comentou Yolanda, que explicou que barallou a opción de facer Ciencias da Educación pero, finalmente, optou pola Mecánica, “un mundo que sempre vivín moi de preto porque meu pai ten un taller de coches e penso que acertei, xa que, aínda que o principio me custou adaptarme, agora estou moi contenta coa opción que collín”.

Xunto ás enxeñarías, outra das titulacións favoritas á hora de elixir a que dedicarse no futuro é o programa de simultaneidade de Dereito e Administración e Dirección de Empresas, opción pola que se decantaron seis das persoas premiadas. Chegaron todos xuntos ao acto, “en realidade somos como unha gran familia, ao ser só 42 todos nos coñecemos e temos moi bo ambiente na clase”, admitía Nerea Rúa, unha das alumnas premiadas. Con respecto ao secreto do éxito todos coincidiron en sinalar que non hai tal segredo, o importante é o esforzo, a constancia e ter un obxectivo claro. “No meu caso, por exemplo, sabía que quería facer este dobre grao e que, por tanto, precisaba unha cualificación alta, así que había que loitar por conseguilo e así foi”, explicou a alumna.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós