DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de abril do 2017

Trátase dunha acción enmarcada na implantación do plan de autoprotección do centro

Belas Artes pon a proba a súa capacidade de reacción ante emerxencias cun simulacro de incendio

Bombeiros, Policía Nacional e 061 colaboraron nunha evacuación con dous supostos feridos


ImageÁs 12.26 horas deste xoves, a alarma da Facultade de Belas Artes comezou a soar de forma continua trala detección de fume nunha das súas aulas. Apenas cinco minutos despois, o seu alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos reuníase no xardín situado ás portas do centro completando así un simulacro organizado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade como parte da implantación do plan de autoprotección da facultade. Simulacro que contou coa participación da Policía Nacional e dos Bombeiros, así como do 061, para asistir a dous supostos feridos.

Duvi | Pontevedra
Ás 12.26 horas deste xoves, a alarma da Facultade de Belas Artes comezou a soar de forma continua trala detección de fume nunha das súas aulas. Apenas cinco minutos despois, o seu alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos reuníase no xardín situado ás portas do centro completando así un simulacro organizado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade como parte da implantación do plan de autoprotección desta facultade do campus pontevedrés. Simulacro que contou coa participación da Policía Nacional e dos Bombeiros de Pontevedra, encargados de acordoar a zona e acudir a sufocar o suposto lume, así como do 061, que achegou ao centro unha ambulancia co propósito de asistir a dous supostos feridos.

“Saíu todo moi ben e trala evacuación, os bombeiros encargáronse de comunicar aos equipos responsables algúns detalles a mellorar”, salienta María José Montero, técnica do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, dun simulacro no que unha máquina de vapor foi a responsable de provocar o fume que motivou que a alarma saltase por primeira vez como sinal de alerta. A partires de aí, o equipo de emerxencia, comandado pola decana, Silvia García, e o xefe de intervención, en conserxería, encargáronse “de ver cal é a incidencia”, e, unha vez constatado, que o suposto lume non se podía apagar cos medios propios, explica Montero, faise saltar de novo a alarma para que, xa coa participación tamén dos equipos de alarma e evacuación do centro, proceder coa evacuación do centro.

“Funcionou todo moi ben, tivemos un problema diante da entrada” no que foi preciso trasladar ás persoas desaloxadas do centro cara o xardín situado uns metros máis atrás e que debía servir como “punto de encontro”, explica García do que foi o primeiro simulacro de incendio levado a cabo en Belas Artes, e que define como unha “acción positiva que nos serve para detectar posibles erros ante unha emerxencia”. De feito, unha vez os bombeiros constataron a desaparición do fume e tras seren atendidos os dous supostos feridos, un que foi preciso inmobilizar previamente no interior e outro afectado pola inhalación de fume, persoal dos bombeiros de Pontevedra encargouse de trasladar aos e ás integrantes dos diferentes equipos unha serie de cuestións a ter en conta ante situacións de emerxencia.

Un “exercicio práctico” que completa a formación

Este simulacro explica Montero constitúe un “exercicio práctico” que permite poñer en práctica o plan de autoprotección do centro e viuse precedido pola formación que, ao longo das últimas semanas, recibiron os integrantes dos diferentes equipos. Por unha banda, apunta, “dánselle unhas charlas sobre como hai que actuar en caso de emerxencia”, e, por outra, esta vese completada por sesións específicas para os equipos de emerxencia, intervención; “que é persoal formado para apagar os lumes”; alarma e evacuación e primeiros auxilios, “que sería o encargado dunha primeira atención no caso de que houbera feridos”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós