DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de abril do 2017

A Aula Rosaura foi a encargada de abrir a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

Unha nova edición da Miteu que arranca con 'natureza propia'

O seu espectáculo tivo como temática a igualdade e a muller


ImageComo xa vén sendo tradición, a Aula Universitaria de Ourense Rosaura arrancou este xoves unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, a Miteu, que este ano celebrada a súa 22 edición. Os actores e actrices do primeiro nivel das aulas teatrais do campus saíron a escena por primeira vez ante o público para amosar a súa Natureza propia, unha peza na que sacaron a escena mulleres inspiradoras de diferentes épocas, xeografías e perfís.

Duvi | Ourense
Como xa vén sendo tradición, a Aula Universitaria de Ourense Rosaura arrancou este xoves unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, a Miteu, que este ano celebrada a súa 22 edición. Os actores e actrices do primeiro nivel das aulas teatrais do campus saíron a escena por primeira vez ante o público para amosar a súa Natureza propia, unha peza na que sacaron a escena mulleres inspiradoras de diferentes épocas, xeografías e perfís.

Debut para uns e para outros

Nesta ocasión, o espectáculo de rúa que percorría o centro da cidade en anos anteriores foi substituído por unha representación na Praza de San Martiño, ao pé da Catedral de Ourense, que se encheu de público para a ocasión. Entre os presentes estaban Fernando Dacosta, director da Miteu e das aulas de teatro do campus de Ourense, e Sabela Gago, directora da Aula Rosaura. Tal e como explicou esta última, Rosaura é a primeira das aulas, a de iniciación, das tres que se crean cada curso académico no campus de Ourense. Os seus membros comezaron a súa formación en outubro e en xaneiro comezaron a preparar a peza presentada este xoves. “Do que se trata en Rosaura é de ensamblar un grupo humano que poida logo continuar o proceso formativo”, comentou Gago. Deste xeito, a obra estreada este xoves, explicou, “é unha creación propia e colectiva, que xorde dos exercicios e improvisacións realizados nas clases”. Concretamente, Natureza propia, salientou a directora de Rosaura, aborda a cuestión da igualdade, sacando a escena mulleres importantes elixidas por cada intérprete da obra, como é o caso de Frida Khalo.

Co aplauso do público asistente a este debut, arrancou unha Miteu que na súa presentación foi definida polo seu director como “equilibrada, poética, divertida e con moitos pratos fortes”. Do 20 de abril ao 6 de maio, 30 grupos, dez deles profesionais, e os restantes aulas universitarias de Galicia, Estremadura, Madrid, Castela e León, Navarra, Andalucía, A Rioxa e Portugal, subirán aos escenarios da cidade de Ourense para amosar ao público as súas últimas producións. Seguindo a liña de anos anteriores, o certame mesturará a súa aposta por divertir e entreter aos espectadores, con pratos fortes como Pablo Carbonell e Albert Pla, co seu compromiso social. Deste xeito, alén de manter a liña de achegamento a Portugal, na mostra darase espazo “ás voces acaladas”, achegándose aos conflitos de Iraq e Costa de Marfil e ao proceso de paz en Colombia.

Desde ou no campus de Ourense

Un ano máis os grupos de teatro da Universidade de Vigo volverán aos escenarios da Miteu. Trala actuación de Rosaura, este venres será a quenda da Aula Cordelia, que representará no Teatro Principal a súa obra Sucesos desafortunados. Geppetto, a Aula de Teatro Infantil do campus de Ourense, volverá ao Auditorio de Galicia para representar o día 23 a súa última produción, O traxe novo da emperatriz. Por último, a Aula Universitaria de Ourense Maricastaña actuará na clausura desta 22ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense representando no Teatro Principal A última cornixa do mundo. Ademais destas aulas, nesta Miteu tamén actuará a Aula de Teatro da Universidade de Vigo, que presentará o día 29 de abril no Teatro Principal a súa obra Éxodos, e a Aula de Danza do Campus de Ourense Dou-tras, que participará no 7º Encontro de Danza Interuniversitaria que se celebrará tamén o día 29 no Auditorio Municipal.

Polo que respecta ás actuacións que terán lugar no campus de Ourense, a Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro acollerá nesta edición dúas representacións. A primeira será o día 22, a cargo de Tecu Teatro, que presentará ao público Todos es farsa en este mundo, e a segunda o día 23, cando o grupo da Universidade da Coruña Corifeo Teatro represente A cantante calva.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós