DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de abril do 2017

O director de 'Timecode', curta nomeada aos Oscar, participou na Semana da Creatividade e da Innovación

Juanjo Giménez: "Parte da maxia do cine é que non hai fórmulas para que unha película funcione"

Un encontro sobre investigacións multidisciplinares e un relatorio sobre educación oceánica completaron a xornada


ImageAínda que o título da conferencia que na tarde deste xoves ofreceu no Museo de Pontevedra, no marco das actividades da Semana da Creatividade e da Innovación, era Estratexias dun economista para ser nomeado aos Óscar, o primeiro que deixa claro o director e produtor Juanjo Giménez é que “parte da maxia de dedicarse ao mundo do cine é que non hai ningunha fórmula” que garanta o éxito dun determinado traballo. “Cando te dedicas ao cine, o primeiro que aprendes é que non hai regras”, recoñece o cineasta barcelonés, cuxo relatorio viuse precedido pola proxección de Timecode, a curta o pasado mes levábao ata a gala de entrega dos Oscar.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Aínda que o título da conferencia que na tarde deste xoves ofreceu no Museo de Pontevedra, no marco das actividades da Semana da Creatividade e da Innovación, era Estratexias dun economista para ser nomeado aos Óscar, o primeiro que deixa claro o director e produtor Juanjo Giménez é que “parte da maxia de dedicarse ao mundo do cine é que non hai ningunha fórmula” que garanta o éxito dun determinado traballo. “Cando te dedicas ao cine, o primeiro que aprendes é que non hai regras”, recoñece o cineasta barcelonés, cuxo relatorio viuse precedido pola proxección de Timecode, a curta o pasado mes levábao ata a gala de entrega dos Oscar e que en 2016 convertíao no segundo realizador español, despois de Buñuel, en alzarse coa Palma de Ouro no Festival de Cannes.

“Realmente o que pasou coa curta é bastante inexplicable”, recoñece do éxito da produción finalista nos Oscar, “un escaparate mediático que se escapa un pouco do mundo cinematográfico” e que “suponse que vai axudar a que armar un proxecto non sexa tan complicado, que sempre o é”, como recoñeceu nunha conferencia na que Timecode serviulle como “punto de partida para ir cara atrás” e abordar a súa traxectoria profesional, tanto no mundo do cinema, como no desenvolvemento de software ou como economista. Giménez foi presentado polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación e produtor Sergio Frade, quen destacou o labor en múltiples eidos na industria do audiovisual deste “home do renacemento”, mentres que o vicerreitor do campus Juan Manuel Corbacho, puxo de relevo a heteroxeneidade, “como un valor do que presumimos no campus”. Non en van, esta conferencia enmárcase dentro do programa de actos da Semana da Creatividade e da Innovación, “que serve para proxectar o noso proxecto de especialización” CREA S2i, e no que se enmarcaron tamén nesta xornada un encontro de investigadores e investigadoras na Casa das Campás e unha conferencia sobre educación oceánica en Ciencias da Educación e do Deporte

Os camiños que o levaron ao cinema

A curta que na que Giménez narra a historia de dous vixiantes nocturnos que só se cruzan uns minutos cada día tivo como punto de partida "unha experiencia persoal no mundo empresarial”, do propio Giménez cando traballaba nun departamento financeiro. Non en van, a súa traxectoria profesional defínese, como el mesmo recoñece, por “non ter unha soa paixón”. Nese senso, relatar como chegou ao mundo do cinema “por unha serie de camiños un pouco especiais” foi o propósito dun relatorio no que explicou que sempre lle gustou “narrar historias”, motivo polo que os seus inicios no audiovisual foron precisamente como guionista.. “Unha vocación aínda máis tardía que a de director, pero igual de forte ou máis” levaríao tamén a implicarse no mundo da produción, faceta que quixo poñer en valor neste relatorio. “En España, infravalórase a figura do produtor”, salientou este cineasta, quen recoñece asumir estas tarefas “implicándome absolutamente na película desde o principio ata o final”.

Con tres longametraxes e quince curtas dirixidas, Giménez pon tamén de relevo a “marxe moito máis ampla de experimentación” que ofrece este segundo xénero. “O risco financeiro que soe haber nas curtas é moito menor e iso é unha arma de dobre fío”, recoñece dun formato que se ben permite “arriscar” en maior medida que nunha longametraxe, vese marcado na actualidade pola accesibilidade das ferramentas para a súa realización. Nese senso, Giménez contrapón os seus inicios neste eido, no que “as curtas tiñan que facerse en celuloide e a propia barreira estaba xa na produción”, a uns tempos nos “fanse milleiros de curtas” o que implica que “é moito máis difícil ter visibilidade”, recoñece.

Da investigación interdisciplinar á educación oceánica

As actividades da Semana da Creatividade e da Innovación nesta xornada abríronse na Casa das Campás cun almorzo con investigadores e investigadores que, como explica Corbacho, tiña como obxectivo afondar na importancia do “traballo multidisciplinar” e no valor da colaboración entre especialistas de diferentes disciplinas. O encontro abriuse cunha presentación do director da Área Técnica de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Universidade, Anxo Moreira, abriu este encontro, tralo que investigadores e investigadoras dos diferentes campus relatou as súas experiencias de traballo multidisciplinar.

Ese é o caso de LitterDrone, un proxecto seleccionado na convocatoria europea BlueLabs e centrado no uso de vehículos aéreos non tripulados para a detección de lixo mariño, que presentaro o profesor da EE de Telecomunicación e coordinador do mesmo, Fernando Martín, e a investigadora de CCSS e da Comunicación Ana Dopico, mentres que o tamén investigador da EE de Telecomunicación Martín López e a decana da Facultade de Historia Susana Reboreda, afondaron na experiencia de CrossCult, un proxecto europeo dirixido a reutilizar recursos dixitalizados co propósito de ofrecer novas experiencias culturais. O catedrático do Departamento de Física Aplicada Pío González e o profesor de CCSS e da Comunicación Paulino Pérez, pola súa banda, achegaron ao encontro a experiencia de Iberos, o proxecto para a creación do Instituto de Bioxenxeñaría para o Envellecemento Saudable que agrupa no seu consorcio promotor a máis de 270 científicos; mentres que a investigadora da EE Forestal Xana Álvarez e o profesor de CCSS e da Comunicación Oswaldo García abordaron a súa colaboración no estudo dos episodios de eutrofización nos encoros.

Xunto cun obradoiro sobre creación de empresas, o programa desta xornada completouse coa conferencia que, coa colaboración do Campus do Mar, impartiu no campus a investigadora da Universidade de Gothemburg Geraldine Fauville. Como levar a ciencia oceánica ás aulas? era o título dun relatorio no que puxo de relevo que a “crecente modificación, destrución e contaminación” do medio mariño supón unha ameaza para a especie humana. “O medio mariño achega preto do 50% do osíxeno que respiramos”, lembrou Fauville, quen lembrou que pese a súa importancia, “os océanos están amosando significativos signos de cambio como resultado das actividades humanas”, como o aumento das súas temperaturas derivado do quencementos global. De aí que salientase a necesidade de que a cidadanía “entenda a influencia do océano” nas súas vidas, un eido no que as escolas poden xogar un “papel esencial”, motivo polo que o eixo do seu foi precisamente amosar unha serie de exemplos de recursos educativos que contribúan a “alfabetización” neste campo.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós