DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 21 de abril do 2017

Ambos reitores asinaron este venres o acordo

A sinatura dun convenio permite a posta en marcha de accións conxuntas coa Universidade saharauí de Tifariti

Contempla cuestións como mobilidade de alumnado e persoal docente e a organización de cursos, seminarios…


ImageO reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato e o seu homólogo da Universidade de Tifariti de Sáhara Occidental Jatari Hamudi asinaron este venres un protocolo de colaboración que permitirá a posta en marcha de diferentes accións conxuntas entre ambas institucións que se irán concretando en posteriores acordos. “Trátase de estreitar lazos e poder aumentar a colaboración que esta universidade ten cos centros de ensino superior españois e, en concreto, coa nosa”, explicou Mato, que ofreceu ao reitor de Tifariti a axuda dos diferentes campus de especialización da Universidade de Vigo.

D. Besadío | Vigo
O reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato e o seu homólogo da Universidade de Tifariti de Sáhara Occidental Jatari Hamudi asinaron este venres un protocolo de colaboración que permitirá a posta en marcha de diferentes accións conxuntas entre ambas institucións que se irán concretando en posteriores acordos. “Trátase de estreitar lazos e poder aumentar a colaboración que esta universidade ten cos centros de ensino superior españois e, en concreto, coa nosa”, explicou Mato, que ofreceu ao reitor de Tifariti a axuda dos diferentes campus de especialización da Universidade de Vigo en “todos aqueles aspectos nos que poidamos ser de utilidade”, pondo como exemplo, “o satélite que desenvolvemos en colaboración coa ONU e a Axencia Espacial Europea e que inclúe entre a súas utilidades a localización de auga en zonas desérticas”.

A Universidade de Tifariti, con sede nos Campamentos de Refuxiados Saharauís en Tinduf, fundouse en decembro de 2012 e conta con aproximadamente medio millar de estudantes repartidos en catro centros: Educación, Enfermaría, Informática e Xornalismo.“Pese á difícil situación que atravesa o pobo saharauí desde a década dos 70 sempre lle demos moita importancia á educación, conscientes de que é sinónimo de paz e de que un pobo culto xamais será colonizado”, subliñou o reitor de Tifariti Jatari Hamudi, que agradeceu todo o apoio que están a recibir das universidades españolas na posta en marcha desta institución. “Sabemos ben que crear unha universidade é difícil e creala nunha situación como a nosa é aínda máis complicado”, recalcou.

Tifariti suma xa a colaboración de 25 universidades españolas

Con esta sinatura establécese un marco de cooperación educativa, cultural e de investigación que permitirá a organización e realización de todo tipo de actividades académicas, tales como cursos, conferencias e seminarios; mobilidade de estudantes e de persoal docente; promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como intercambio de publicacións, traballos de investigación e calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese.

Coa incorporación de Vigo Tifariti suma xa a colaboración de 25 universidades españolas, ás que se engaden outras universidades do resto de Europa, América Latina e Estados Unidos. “En total son máis de corenta as universidades coas que xa temos relación, ás que agora se suma a Universidade de Vigo, que agardamos nos acompañe neste camiño duro e difícil”, explicou, ao tempo que convidou ao seu homólogo vigués a visitar ‘in situ’ os campamentos de refuxiados e a iniciar conversas cos reitores das universidades da Coruña e Santiago de Compostela de cara a estudar a viabilidade de pór en marcha unha rede solidaria co pobo saharaui entre as tres universidades do SUG, algo que xa se levou a cabo en comunidades como Madrid ou Murcia.

Xunto aos reitores, asistiron tamén á sinatura do acordo o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias; o representante da Fronte Polisario en Galicia Habibulah El Cori e a presidenta da Asociación Galega de Amigos do Sahara, Maite Isla.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós