DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 21 de abril do 2017

Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu unha xornada sobre os procesos de unión destas sociedades

A integración entre cooperativas, unha vía para sobrevivir e facer fronte ás grandes multinacionais

Expertos avogan por unir forzas para mellorar a eficacia e a eficiencia e gañar peso estratéxico no mercado


ImageEn sectores como a agroalimentario, que conta con máis de 3000 cooperativas produtoras, son as grandes distribuidoras, principalmente multinacionais, as que teñen todo o poder negociador e mercantil. Deste xeito, son esas grandes empresas, que representan o último elo da cadea, as que acaban fixando os prezos, deixando ás cooperativas sen apenas marxe negociador. O único xeito de facerlle fronte a esta realidade é apostando por incrementar a dimensión das cooperativas, é dicir, realizando procesos de integración. Neste punto concordaron as e os expertos que participaron este venres na xornada A integración no sector cooperativo que se celebrou na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, baixo a coordinación do catedrático Julio Costas e o profesor Francisco Torres.

M. Del Río | Vigo
En sectores como a agroalimentario, que conta con máis de 3000 cooperativas produtoras, son as grandes distribuidoras, principalmente multinacionais, as que teñen todo o poder negociador e mercantil. Deste xeito, son esas grandes empresas, que representan o último elo da cadea, as que acaban fixando os prezos, deixando ás cooperativas sen apenas marxe negociador. O único xeito de facerlle fronte a esta realidade é apostando por incrementar a dimensión das cooperativas, é dicir, realizando procesos de integración. Neste punto concordaron as e os expertos que participaron este venres na xornada A integración no sector cooperativo que se celebrou na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, baixo a coordinación do catedrático Julio Costas e o profesor Francisco Torres.

A decana do centro, Almudena Bergareche, foi a encargada de dar a benvida ás xornadas, nunha presentación na que o profesor Julio Costas lembrou que un gran número das empresas que operan nos distintos mercados son “de base ou estrutura cooperativa”. Destacou que dentro dos distintos mercados de produción agroalimentaria as cooperativas son maioría e, ao igual que sucede coa maior parte das sociedades mercantís, “as cooperativas tamén son pequenas e medianas empresas”. Esta característica non é en si mesma unha desvantaxe, remarca o profesor, “sempre que ao outro lado do mercado, a estrutura empresarial sexa equivalente”. Sen embargo, en moitos casos non é así, sobre todo no sector agroalimentario, no que a cadea de transformación, distribución e comercialización está “altamente concentrada, sendo moitos dos operadores empresas multinacionais”. Para Costas, esta realidade, “presente con gran crueza no sector lácteo, particularmente no galego”, xera situacións de gran desequilibrio contractual, “xa que a parte forte desa relación comercial aproveita para impor condicións que moitas veces se poden cualificar de abusivas dende o punto de vista de contratos, competencia desleal ou anticompetitivas”. Unha das vías para facer fronte a esa realidade estrutural de desequilibrio contractual dos mercados agroalimentarios é incrementar o tamaño do produtor de base cooperativa e, polo tanto, xerar eficacia e un maior tamaño que permitan reequilibrar o poder negociador na relación comercial e contractual e poñer así fin a esas condicións abusivas. Para coñecer diversas experiencias de integración e as súas vantaxes, a xornada contou coa presenza e as achegas de Higinio Mougán, director-xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA); Ramón C. Rodríguez Padín, director de proxectos de Espazo coop e Deolinda Aparicio Meira, profesora do Instituto Superior de Contabilidade e Administração do Porto.

Integrarase para sobrevivir

Higinio Mougán centrouse nos procesos de integración e as vantaxes no sector agroalimentario galego. Sinalou na súa intervención que a integración é unha estratexia de competitivade, como o pode ser a especialización ou a innovación. Nun sector como o agroalimentario, destacou, integrar as cooperativas "é o mellor xeito de sobrevivir", porque as cooperativas adquiren unha maior dimensión que é imprescindible nun “mercado completamente desregularizado, altamente volátil con variacións de prezos que poden acadar o 70% como sucedeu cos derivados lácteos entre 2013 e 2016”.

Fronte a outros países do norte de Europa como Dinamarca, onde a saúde, o tamaño e o nivel de facturación das cooperativas agroalimentarias é destacado, en España a situación é a inversa. Grandes distribuidoras como Mercadona, Día-Eroski ou Carrefour teñen un control total do mercado de xeito que “os que marcan os prezos son os que están ao final da cadea”. Na actualidade en España hai 3400 cooperativas agroalimentarias cunha facturación media de 6,6 millóns de euros. O sector está caracterizado pola súa atomización, o que se traducen en escasa capacidade negociadora e ningunha cooperativa española está entre as 25 máis importantes de Europa. Mentres a principal cooperativa da UE (Friesland –Campina) ten un volume de negocio de 9481 millóns de euros, a principal española (Coren) ten un volume de 980 millóns.

Para Mougán o único xeito de acadar certo peso neses procesos de negociación da compra do produto en orixe é que as cooperativas se organicen e colaboren. Pero este proceso, sinala, non é sinxelo, pola falta de costume e de tradición e polas reticencias e medos dos cooperativistas “que tenden a defender cada un o seu e non queren afrontar os custes que supón unha integración”. Pero as vantaxes son relevantes e determinantes: “se cooperamos podemos acadar máis peso estratéxico no mercado e mesmo ser líderes, pasando de que nos compren a vender nós, sendo proactivos”, remarcaba. Trátase de aprender uns dos outros, de xerar sinerxías e de buscar o mellor modelo de negocio e de integración mercantil posible. Pero tras anos de experiencia asesorando en procesos de integración, Mougán identifica varios perigos nestas negociacións, como os protagonismos, a falta de responsables, a dependencia das axudas e das institucións, un proxecto mal definido, discrepancias nas formas xurídicas da integración, etc. A súa receita para un proceso exitoso fai fincapé no proxecto, en definilo ben, en concretar obxectivos, enfoque de mercado, orzamentos, viabilidade, etc. e despois buscar a mellor forma xurídica para a integración, concluía.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós