DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 21 de abril do 2017

Desde este venres e ata o 9 de xuño a creadora amosa a súa obra no campus

María Prada 'pecha aspas »' na Sala Alterarte

Nunha mostra curada pola docente da Universidade de Vigo Anne Heyvaert


ImagePecha aspas » é o resultado de varios anos de complicidade e indagacións arredor da natureza da imaxe sobre papel e o valor do pregue. Nesta mostra, con pequenos ensaios visuais realizados en paralelo á súa investigación doutoral, María Prada interrógase sobre a literalidade e a representación, experimentando con efectos de superficie”. Con estas palabras Anne Heyvaert, docente da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, presenta a exposición Pecha aspas » da creadora María Prada que desde este venres ocupa os muros da Sala Alterarte do campus de Ourense e da que é comisaria.

Rosa Tedín | Ourense
Pecha aspas » é o resultado de varios anos de complicidade e indagacións arredor da natureza da imaxe sobre papel e o valor do pregue. Nesta mostra, con pequenos ensaios visuais realizados en paralelo á súa investigación doutoral, María Prada interrógase sobre a literalidade e a representación, experimentando con efectos de superficie”. Con estas palabras Anne Heyvaert, docente da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, presenta a exposición Pecha aspas » da creadora María Prada que desde este venres ocupa os muros da Sala Alterarte do campus de Ourense e da que é comisaria.

A mostra dá continuidade ao proxecto expositivo da Sala Alterarte Estado Crítico 3. 10 curadores 10 artistas, que liga a docentes da Universidade de Vigo como curadores e a artistas emerxentes por eles elixidos para dar vida ao espazo de arte contemporánea do campus de Ourense ao longo do curso. Cada nova proposta, explicou durante a inauguración Xosé Manuel Buxán, director de Alterarte, muda o espazo desta sala ofrecendo unha proposta artística diferente, da que neste caso salientou “o protagonismo do papel e o xogo con el”. Pola súa banda, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, fixo fincapé na ponte que tende esta sala entre os campus da Universidade de Vigo de Ourense e Pontevedra e como “permite rescatar xente valiosísima que temos nesta casa”.

Cortar, pegar, pregar e superpoñer

Agradecendo o convite para expor en Alterarte, María Prada explicou como lle quedou da súa formación como arquitecta a paixón polo papel, co que xoga en formas e volumes ao longo das diferentes pezas expostas. Sobre o nome da mostra sinalou como cando un espectador ve unha obra penetra na imaxe pero tamén se poden miran desde a materialidade, “pechando aspas” para saírse ao plano da realidade.

Pola súa banda, Anne Heyvaert recalcou como na súa mostra Prada “desafía o plano da imaxe, a súa percepción e comprensión, mediante accións radicais como cortar, pegar, pregar e superpoñer diferentes papeis, materiais impresos e arquivos persoais”. Do traballo presentado nos muros de Alterarte tamén salientou a súa aposta “polas cousas pequenas” e as “a forma discreta”. Polo que respecta ás aspas, indicou, “marcan os límites entre os diferentes niveis de realidade, actuando como pregues que dobran, desdobran ou despregan os significados, como nestes xogos visuais de acopramentos, reflexividades, bifurcacións e diversións”. O signo da aspa latina, detallou, “baixa, angular, evoca visualmente ao pregue e tamén indica unha dirección de avance e movemento [» cara a fóra]. María Prada posiciónase e posiciónanos fóra da cita. Nun esvarar cara outros niveis diexéticos latentes, María «pecha as aspas» para desfacer a evidencia do mundo”.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós