DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 03 de maio do 2017

A EE de Telecomunicación acolle o Atlantic Geospatial Day coa presenza das firmas galegas do sector

Drones que serven para todo o que se poida imaxinar

Salustiano Mato reivindica a aposta da Universidade de Vigo polo sector aeroespacial


Image Cando no ano 2010 o volcán islandés Eyjafjallajökull entrou en erupción, provocou un caos aéreo que afectou a máis de 100.000 vós e 1.200.000 pasaxeiros. Daquela, a ausencia en toda Europea dun vehículo non tripulado que puidese avaliar “in situ” os efectos da cinza nas aeronaves provocou importantes retrasos na apertura do espazo aéreo europeo. Un ano máis tarde, o accidente ocorrido na central nuclear de Fukushima en Xapón volveu poñer en evidencia a importancia de contar con vehículos non tripulados capaces de operar, neste caso, na zona afectada pola radiación, que finalmente puido ser sobrevoada por drones chegados de EEUU. Episodios coma estes poñen de manifesto o que o director do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, INTA, Ignacio Azqueta, considera evidente “o dron é o futuro da aeronáutica”.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Cando no ano 2010 o volcán islandés Eyjafjallajökull entrou en erupción, provocou un caos aéreo que afectou a máis de 100.000 vós e 1.200.000 pasaxeiros. Daquela, a ausencia en toda Europea dun vehículo non tripulado que puidese avaliar “in situ” os efectos da cinza nas aeronaves provocou importantes retrasos na apertura do espazo aéreo europeo. Un ano máis tarde, o accidente ocorrido na central nuclear de Fukushima en Xapón volveu poñer en evidencia a importancia de contar con vehículos non tripulados capaces de operar, neste caso, na zona afectada pola radiación, que finalmente puido ser sobrevoada por drones chegados de EEUU. Episodios coma estes poñen de manifesto o que o director do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, INTA, Ignacio Azqueta, considera evidente “o dron é o futuro da aeronáutica”. Azqueta foi, xunto a reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e os directores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas; de Minas e Enerxía, Natalia Caparrini e de Aeronáutica de co Espazo, Arno Formella, o encargado de inaugurar o Atlantic Geospatial Day, no que ao longo de toda a xornada tomarán parte na Escola de Enxeñería de Telecomunicación representantes de empresas dos sector dos drones de Galicia ou que teñen algún tipo de vinculación coa zona.

“Os drones teñen moita importancia na industria xeoespacial e polo tanto no noso mestrado”, explica Higino González, docente e investigador e coordinador do Mestrado en Xeoinformática da Universidade de Vigo, que organiza a xornada. “Antes era necesario contratar un voo tripulado con avión ou helicóptero para facer un levantamento fotogramétrico dunha estrada ou empregar un LiDAR aéreo para monitorizar unha masa forestal. Outras aplicacións, como a inspección de grandes estruturas, precisaban operacións baseadas en grúas ou arneses, caras e arriscadas, pero actualmente os drones democratizaron estes procesos e fixéronos moito máis sinxelos, económicos e seguros”, explica González, que lembra que hoxe, só en España, hai máis de 2000 operadores de drones.

Unha Universidade que achega o músculo que precisa o sector

Os directores da escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Aeronáutica do Espazo e a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, foron os primeiros en tomar a palabra no acto inaugural do Atlantic Geospatial Day para poñer de manifesto o traballo que cada un dos centros está a desenvolver no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados, así como a colaboración existen entre eles á hora de desenvolver accións conxuntas. Un aspecto este no que tamén incidiu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que defendeu o traballo que desde hai anos desenvolve a institución académica viguesa nos ámbitos aeronáutico e aeroespacial, que comezou coa Agrupación Aeroespacial, que foi quen de enviar a espazo tres picosatélites, e continuou coa creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no campus de Ourense e máis recentemente, coa declaración de interese para a posta en marcha de mestrados relacionados con este ámbito. Mato, que tamén se referiu á creación do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, Cinae, considera que “con estas iniciativas estamos a achegar o músculo que precisa o sector e tamén servindo á aposta da Xunta de Galicia, materializada no cento de investigación de As Rozas”.

Pola súa banda, o director do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, Ignacio Azqueta, tras lembrar que o INTA é con máis de 2300 empregados o maior centro tecnolóxico de España, asegurou que neste intre o sector aeronáutico “está a demandar drones que sirvan para todo aquilo que poidamos imaxinar”, ao tempo que felicitou á Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia por apostar por este sector.

A tecnoloxía que foi quen de chegar ao gran público

Javier Barcala, xerente comercial da división de vehículos non tripulados aéreos de Indra, foi o primeiro poñente en intervir cun relatorio titulado Targus, a evolución dun avión tripulado a OPV (Optional Piloted Vehicle), no que lembrou que Indra, xunto a Inaer, gañou o concurso civil UVA,s Initiative da Xunta por un importe de 40 millóns de euros, co obxectivo de poñer en marcha o primeiro polo industrial e tecnolóxico de desenvolvemento de aeronaves non tripuladas creado en España.

Representantes de GMV, Babcock, Marine Instruments, Ingenería Insitu, Aereialworks e UAV Instruments, completan a relación de poñentes do Atlantic Geospatial Day, que ten o obxectivo, entre outros, destaca Higinio González, “de visibilizar á Universidade de Vigo como a universidade líder no sector aeroespacial en Galicia a través das súas titulacións. Os drones son unha tecnoloxía que foi quen de chegar ao gran público, mesmo hai moitos nenos que xogan con eles, o que facilita a difusión de calquera aplicación relacionada con eles”. González amósase ademais convencido de que os vehículos non tripulados están chamados a ter un papel fundamental na industria xeoespacial, “de feito, xa desde hai uns cinco anos as aplicacións con drones son moi importantes no sector: fotogrametría aérea, inspección de grandes estruturas, xestión de espazos naturais, aplicacións ao campo de patrimonio cultural, inspeccións catastrais, etc.”, detalla o coordinador do Mestrado en Xeoinformática.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós