DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 03 de maio do 2017

CCSS e da Comunicación acolleu un congreso internacional sobre esta disciplina

O mundo dixital achega novos retos ás relacións públicas

Preto de 40 investigadores de seis países presentan as súas comunicacións nestas xornadas


ImageNa sociedade da comunicación dixital, calquera erro na comunicación dunha organización ou empresa é algo que en breve “todo o mundo vai saber”, sostén o investigador da Universidad de Málaga Antonio Castillo, presidente da Asociación Española de Investigadores en RRPP (AIRP), que desde este mércores desenvolve en Ciencias Sociais e da Comunicación a décimo segunda edición do congreso internacional que busca poñer en valor o labor docente e investigador nunha disciplina “un pouco oculta dentro do mundo da comunicación”. Retos e oportunidades para a estratexia é o título desta edición, organizada polas universidades de Vigo e Minho.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Na sociedade da comunicación dixital, calquera erro na comunicación dunha organización ou empresa é algo que en breve “todo o mundo vai saber”, sostén o investigador da Universidad de Málaga Antonio Castillo, presidente da Asociación Española de Investigadores en RRPP (AIRP), que desde este mércores desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a décimo segunda edición do congreso internacional que busca poñer en valor o labor docente e investigador nunha disciplina “un pouco oculta dentro do mundo da comunicación”. Retos e oportunidades para a estratexia é o título desta edición, organizada conxuntamente polas universidades de Vigo e Minho, e que pon o acento na importancia da estratexia como un elemento fundamental para unha axeitada comunicación na sociedade 2.0.

Preto de 70 expertos, profesionais e estudantes participan ata este venres nun “congreso moi específico, que por primeira vez coorganizan dúas universidades e que se desenvolve por segunda vez en Pontevedra”, como sinala a súa directora, a profesora de CCSS e da Comunicación Ana Belén Fernández Souto. “Deste xeito, a asociación o que pretende é abrir máis o congreso internacionalmente”, salienta a responsable dunhas xornadas nas que investigadoras e investigadores procedentes tanto de España e Portugal como de Arxentina, Venezuela, Colombia e México defenderán as súas investigacións nas súas diferentes mesas temáticas.

“As relacións públicas dedícanse a xestionar estratexicamente a comunicación das organizacións con cada un dos seus diferentes públicos, é unha comunicación de ida e volta que busca un feedback en termos de reputación”, engade Fernández Souto, que estivo acompañada na inauguración do congreso polo presidente da AIRP e o decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Baamonde. “Esta é unha profesión que está máis de actualidade que nunca, porque máis que nunca as empresas e institucións precisan visibilidade, precisan captar a atención do público e para iso son fundamentais as relacións públicas”, salientou Baamonde, que incidiu en que se ben “os tempos están mudando e as ferramentas tamén, o esencial” neste eido, que é a “visión estratéxica”, permanece.

Nese mesmo senso, incidiu tamén Castillo, que contrapuxo nese senso as ideas de táctica e estratexia. “A táctica é a parte operativa, mentres que a estratexia é que queremos facer para chegar a algún sitio, que no ámbito da comunicación é fundamental, sobre todo nunha contorna dixital que achega moita incerteza”, salientou este investigador, que incide en que un dos propósitos centrais deste congreso é precisamente dar a coñecer “o que achegan as relacións públicas ao ámbito da comunicación”.

Un momento de eclosión e transformación

A conferencia inaugural correu a cargo do consultor portugués Renato Póvoas, autor do primeiro blog especializado nesta disciplina de Portugal, Relações Públicas Sem Croquete, no que incide no “carácter técnico” dunha disciplina que vai máis alo, como sinala, dos eventos. Afondar na situación no que se atopan as RRPP en Portugal desde unha “perspectiva práctica”, foi o eixo central dun relatorio no que este profesional salientou tamén as “grandes transformacións” que se están a vivir nun ámbito “en auxe por forza da dixitalización da comunicación e das redes sociais”.

Nese senso, Póvoas salientou que o principal desafío para os e as profesionais do ramo pasa por “percibir cal é o noso espazo. Penso que as RRPP deben cada vez máis gañar coñecemento sobre outras áreas complementarias, xa que deben estar no centro de todo o proceso de comunicación”. Nese senso, salientou que nos atopamos “na era dos contidos e a era dos contidos é a era das relacións públicas”, motivo polo que incidiu na importancia da investigación este eido, como paso previo para que “unindo forzas a comunidade científica e empresarial poidamos todos camiñar no mesmo sentido” e que esta disciplina dea "un salto adiante".

Punto de encontro entre liñas de investigación

“O que pretende este congreso é poñer en contacto aos distintos investigadores e investigadoras, de forma que un vexa o que están facendo os demais e que a partir de aí poidan tender liñas de investigación conxuntas”, salienta Fernández Souto dunha xornadas que teñen como eixo central as cinco mesas temáticas nas que se presentarán un total de 34 comunicacións. Relacións públicas, medios de comunicación e áreas especializadas; sector profesional; xestión de comunidade e públicos emerxentes e formación e investigación en RRPP son os eixos destas mesas que se ven á súa vez complementadas co foro para persoal docente e investigador que se desenvolve na tarde deste mércores co propósito de afondar en diferentes aspectos vinculados á docencia e a investigación.

A celebración da asemblea xeral da AIRP e a entrega dos premios á Excelencia Universitaria de Relacións Públicas completan o programa dun congreso que clausurará o xornalista e responsable de Punto Ga Comunicación, Manuel Vázquez Sola.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós