DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 05 de maio do 2017

A decana de Belas Artes, Silvia García, afonda nos estereotipos que transmiten os manuais do franquismo

Unha reflexión sobre a desconexión rural-urbano a partires de vellos libros de texto

A súa investigación centrou unha sesión de traballo do proxecto Peman no Medialab-Prado de Madrid


ImageIdeas como que “aquelas persoas que estudan marchan para a cidade e o resto quedan no campo” ou a vinculación da muller coa terra "que acaba por transmitir que o seu destino é coidar” son algúns dos estereotipos que a decana de Belas Artes, Silvia García, extrae de libros de texto publicados durante o franquismo e sobre os que vén de promover unha reflexión sobre a desconexión rural-urbano no Medialab-Prado de Madrid. Fíxoo despois de que a súa proposta fose seleccionada para centrar unha das sesións de traballo do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Ideas como que “aquelas persoas que estudan marchan para a cidade e o resto quedan no campo” ou a vinculación da muller “coa terra que nutre e que acaba por transmitir que o seu destino é coidar” son algúns dos estereotipos que a profesora e decana de Belas Artes, Silvia García, extrae de libros de texto publicados durante o franquismo e sobre os que a pasada fin de semana promoveu unha reflexión sobre a desconexión rural-urbano no Medialab-Prado de Madrid. Fíxoo despois de que a súa proposta fose seleccionada para centrar unha das sesións de traballo do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns (Peman), que promoven a USC e o colectivo Montenoso, e que se converteu, como relata, na primeira actividade de difusión pública da compilación e análise que realiza sobre os estereotipos vinculados á muller en fotografías domésticas e manuais educativos.

No marco dunha liña de investigación dirixida “á organización de exposicións e á difusión da problemática”, García vén articulando desde hai varios anos un arquivo de materiais gráficos relacionados cos estereotipos que afectan ás mulleres, creando un arquivo de fotografías domésticas de diferentes partes do mundo, que máis recentemente levouna tamén reunir libros de texto “principalmente das décadas de 1950 e 1960”, pero tamén dos anos 20 e 30. “Comezas a analizar materiais que che resulta familiar con outra mirada”, sinala esta investigadora, que centrou nesta liña de traballo a proposta pola que foi seleccionada para dinamizar unha das sesións dun proxecto financiado pola Fundación Daniel e Nina Carasso e que ten entre os seus obxectivos xerar novas narrativas respecto do papel da muller en territorios rurais ou das relacións urbano-rural. “A verdade é que a sesión foi moi interesante”, recoñece da iniciativa na que estes materiais gráficos lle permitiron afondar “en como se foron construíndo imaxinarios populares en torno á vida na aldea desde os recursos escolares e os contidos audiovisuais”.

Imaxinarios que por unha banda amosan “unha separación entre o traballo físico e o intelectual”, que divide nese senso a cidade e o campo, reflectido este último como un espazo “no que a xente traballa moito”, e imaxinarios que ao mesmo tempo condicionan as nenas “para que sexan señoritas e manteñan as composturas”, facendo énfase, como sinala, na obediencia e en “estereotipos vinculados ao sacrificio”. “Traballando nestes temas desde o ámbito artístico, daste conta de que o rural é algo invisibilizado”, sinala respecto da temática coa que afondou cun grupo de traballo interdisciplinar co propósito de “non quedarnos neses estereotipos, senón propoñer accións, ver de que modo podemos crear espazos de diálogo e de convivencia entre o rural e o urbano”, nun “espazo de bastante prestixio como é o Medialab-Prado", un laboratorio de produción e investigación sobre proxectos culturais pertencente ao Ayuntamiento de Madrid.

De Madrid ás bibliotecas da Universidade

Os silencios que comeu Alicia é o título do proxecto expositivo que García realizou en 2009 no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e que serviu como xerme desta liña de traballo. Unha reflexión sobre por que nas fotografías que Lewis Carroll, o autor de Alicia no país das marabillas, realizou á nena Alice Lidell, esta “sempre aparece desgustada”, levárona a afondar na idea da pose. “Fun analizando como era a relación da muller coa persoa que a retrata, que evidentemente é moi distinta nunha foto de estudo a unha foto doméstica”, explica do que foi o inicio dunha compilación de imaxes “de todas as partes do mundo”, que lle permitiron constatar, por exemplo, “que a pose familiar foi sempre máis ríxida, máis seria, en Europa, que en Norteamérica, onde as fotografías son máis espontáneas”. Fotografías que serven como punto de partida para o proxecto expositivo que, coa colaboración da Unidade de Igualdade, García proxecta desenvolver nos próximos meses en diferentes bibliotecas da Universidade. “A idea é realizar unha serie de intervencións partindo de que lemos as imaxes ao igual que lemos os libros”, sinala.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós