DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 10 de maio do 2017

O director de Prevención de Perdas de Abanca revelouno nun relatorio a EE de Telecomunicación

O sector da ciberseguridade precisa de profesionais cualificados e formados especificamente

Roberto Baratta inaugurou un ciclo de conferencias da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade


Image As razóns polas que o sector específico da seguridade é unha opción interesante para o alumnado das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e Informática; as diferentes liñas profesionais polas que poden optar; cales son as habilidades e perfís para cada caso e cal é a situación do mercado en xeral e en Galicia en particular. Estes son os temas que o director de Prevención de Perdas, Continuidade de Negocio e Seguridade de Abanca, Roberto Baratta, abordou este mediodía no relatorio Ciberseguridade, unha carreira profesional que ofreceu na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. A conferencia insírese no ciclo Líderes que inspiran seguridade da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
As razóns polas que o sector específico da seguridade é unha opción interesante para o alumnado das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e Informática; as diferentes liñas profesionais polas que poden optar; cales son as habilidades e perfís para cada caso e cal é a situación do mercado en xeral e en Galicia en particular. Estes son os temas que o director de Prevención de Perdas, Continuidade de Negocio e Seguridade de Abanca, Roberto Baratta, abordou este mediodía no relatorio Ciberseguridade, unha carreira profesional que ofreceu na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. A conferencia de Baratta insírese no ciclo Líderes que inspiran seguridade da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade da Universidade de Vigo, que ten o obxectivo, segundo explica o director da Escola, Íñigo Cuiñas “de pór en valor a ciberseguridade para que a xente teña en conta a importancia deste ámbito, que non só afecta a persoas vinculadas co mundo das telecomunicacións ou da informática, senón a calquera persoa que manexe información dixital”.

Baratta que no seu día a día é a persoa encargada en Abanca de, entre outras funcións, xestionar os riscos non tecnolóxicos inherentes ao sector, asegura que o mercado español da ciberseguridade é moi maduro, “dos mellores do mundo”, pero existe un déficit moi grande de profesionais cualificados e formados especificamente. “É un mercado moi atractivo, cun dinamismo tremendo e oportunidades profesionais excelentes, incluso en Galicia, onde existen empresas especializadas, que necesitan perfís profesionais, así como departamentos de ciberseguridade de grandes compañías que están a buscar persoal”, explica o director de Prevención de Perdas, Continuidade de Negocio e Seguridade de Abanca.

Profesionais formados para enfrontar os novos retos

A variedade de técnicas, destrezas e especialidades é unha das características da ciberseguridade, de xeito, que as e os futuros profesionais deste ámbito poden optar por diferentes liñas de traballo, que van desde a cualificación técnica en redes, ás aplicacións e sistemas, pasando pola organización empresarial e xestión de procesos. “Obviamente a ciberseguridade é una condición inherente ao modelo dixital e imprescindible para o correcto funcionamento e desempeño da sociedade nel, e responde así mesmo ao traslado e auxe da delincuencia nestes novos escenarios”, explica Baratta, que sinala que a regulación en sectores moi relevantes como a administración, o financeiro e as telecomunicacións, esixe altos niveis de ciberseguridade para dar resposta a estes novos retos.

Co relatorio deste mediodía do director de Prevención de Perdas, Continuidade de Negocio e Seguridade de Abanca inaugurouse o ciclo Lideres que inspiran seguridade da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade, “que terá continuidade o vindeiro mes de setembro con novas conferencias, nas que se abordarán diferentes temáticas relacionadas co ámbito da ciberseguridade”, avanza Íñigo Cuiñas. A Universidade de Vigo e Deloitte crearon en decembro do ano pasado unha cátedra co obxectivo de promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado universitario e doutros profesionais, mellorando a capacitación e ampliando ou actualizando os seus coñecementos, técnicas e habilidades no ámbito da ciberseguridade. Neste ámbito, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación está a traballar na posta en marcha dun mestrado en Ciberseguridade, cuxa declaración de interese xa foi aprobada no Consello de Goberno celebrado o pasado mes de marzo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós