DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 11 de maio do 2017

Relacionados con enerxías renovables, saúde, nanotecnoloxía, hidroloxía, biotecnoloxía ou envellecemento

A convocatoria europea Poctep financia con 3 millóns de euros dez proxectos da Universidade de Vigo

O programa de axudas interrexionais achega o 75% do orzamento total destas iniciativas, que é de 4 millóns


ImageO Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 seleccionou dez proxectos de investigación da Universidade de Vigo aos que achegará 3 millóns de euros de cofinanciamento. Deste xeito, a convocatoria interrexional representa o 75% do orzamento total destas iniciativas, que ascende a 4 millóns de euros. O obxectivo deste programa europeo é xerar sinerxías entre institucións de España e Portugal, a través de proxectos que fomenten o intercambio de experiencias entre axentes locais, rexionais e nacionais e axuden a deseñar solucións comúns a problemas compartidos. A Universidade de Vigo participa nestes dez proxectos xunto con institucións de Galicia e o norte de Portugal, en eidos como nanotecnoloxía, enerxías renovables, saúde, biotecnoloxía mariña, cambio climático, turismo, envellecemento ou hidroloxía.

M. Del Río | Vigo
O Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 seleccionou dez proxectos de investigación da Universidade de Vigo aos que achegará 3 millóns de euros de cofinanciamento. Deste xeito, a convocatoria interrexional representa o 75% do orzamento total destas iniciativas, que ascende a 4 millóns de euros. O obxectivo deste programa europeo é xerar sinerxías entre institucións de España e Portugal, a través de proxectos que fomenten o intercambio de experiencias entre axentes locais, rexionais e nacionais e axuden a deseñar solucións comúns a problemas compartidos.

A Universidade de Vigo participa nestes dez proxectos xunto con institucións de Galicia e o norte de Portugal, en eidos como nanotecnoloxía, enerxías renovables, saúde, biotecnoloxía mariña, cambio climático, turismo, envellecemento ou hidroloxía. A vicerreitora de Investigación, Asunción Logo, cualifica o resultado desta convocatoria, á que a Universidade de Vigo presentou máis de 50 propostas, como “moi bo” e destaca o grande esforzo tanto da institución como do tecido científico e investigador da mesma para deseñar estes proxectos transfronteirizos. “Fíxose unha promoción institucional moi importante, porquen a Universidade valórase moi particularmente esta convocatoria xa que encaixa plenamente coa estratexia transfronteiriza que xa temos co norte de Portugal”, e lembra que a través destes dez proxectos se poderá “seguir afondando nesta colaboración”.

Longo subliña tamén que os dez proxectos aprobados sitúan á Universidade de Vigo xusto por detrás da Universidade do Algarve, á que lle aprobaron once proxectos, e ao mesmo nivel que a Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Porto e Instituto Politécnico de Bragança, todos con dez. En total, a esta convocatoria presentáronse 456 candidaturas, das que se aprobaron 132 proxectos, que representan unha axuda FEDER de 178,28 millóns de euros.

Vigo, coordinadora dun dos proxectos

Os 3 millóns de euros captados pola Universidade de Vigo corresponden integramente á institución viguesa, que ademais achegará o 25% restante ata cubrir os 4 millóns de euros de orzamento total destas iniciativas. Delas, Vigo é a entidade coordinadora dun dos proxectos, Iberos, liderado polo catedrático Pío González, do Grupo de Novos Materiais, e cun orzamento total de 466.000 euros, dos que a convocatoria Poctep achega a través dos fondos Feder preto de 350.000 €. Iberos propón a creación dun instituto de bioenxeñaría en rede para o envellecemento saudable que aposta polo traballo de I+D+i colaborativo e orientado á diagnose e tratamento de doenzas relacionadas coa idade.

Nanoeaters, o proxecto con máis orzamento

O proxecto que acadou maior financiamento, 555.000 euros dun total de 740.000, é Nanoeater, unha iniciativa impulsada pola vicerreitoría da que forman parte o Grupo de Inmunoloxía, que dirixe a catedrática África González; o Grupo de Química Coloidal, que coordina o profesor Jorge Pérez Juste; o Grupo de Óptica Física do catedrático Humberto Michinel, o Grupo de Procesado do Sinal en Comunicacións a través do catedrático Carlos Mosquera e o Centro de Investigacións Agroambientais e Alimentarias CIA co catedrático Jesús Simal. Este proxecto céntrase na transferencia e valorización de nanotecnoloxías a pequenas e medianas empresas innovadoras da Eurorrexión.

Tres proxectos do campus de Ourense

A convocatoria Poctep seleccionou tres proxectos do campus de Ourense, aos que hai que engadir a participación do grupo de Óptica Física e do Centro de Investigacións Agroambientais e Alimentarias CIA, no proxecto Nanoeater. O catedrático Ramón Gómez Gesteira, do Grupo EPhysLab, é o coordinador na Universidade de Vigo de dúas destas iniciativas. A primeira delas é MarRisk, un proxecto cun orzamento total de 636.000 euros, dos que 477.000 corresponden á convocatoria POCTEP, que estudará a adaptación costeira ante o cambio climático co obxectivo de coñecer os riscos e aumentar a resiliencia. Por parte da Universidade de Vigo participan ademais de EPHyslab, os grupos REDE, Divulgare e Geoma.

O segundo proxecto coordinado por Gómez Gesteira é RISC_ML, que acadou nesta convocatoria 449.000 euros dun total de orzamento de 599.000 euros, para a prevención de riscos de inundacións e secas na conca internacional Miño-Limia. Nesta iniciativa están implicados tamén o grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias e o GEOMA.

Unha terceira iniciativa con selo ourensán é Iberphenol, coordinada na Universidade de Vigo polo catedrático Jesús Simal do Centro de Investigacións Agroambientais e Alimentarias CIA e cun orzamento de 369.000 euros, dos que 277.000 corresponden á convocatoria interrexional. O proxecto ten como obxectivo a posta en marcha dunha rede ibérica de investigación en polifenoles con aplicación na industria.

Cinco proxectos con selo vigués

Biomasa-AP é outros dos proxectos do campus de Vigo, co profesor José Luis Míguez Tabarés como coordinador na Universidade. Con 347.000 euros de orzamento total, 260.000 deles da convocatoria Poctep, centrarase na mellora das capacidades de investigación en biomasa para o uso enerxético optimizado de biomasa non valorizada pero de alto potencial na eurorrexión. O profesor Xosé Henrique Vázquez, do grupo REDE, é o responsable na Universidade do proxecto Código-Mais, unha iniciativa para a creación dun ecosistema transfronteirizo de innovación en saúde que ten un orzamento total de 273.000 euros, dos cales 260.000 corresponden aos fondos interrexionais. CVMAR+i é outro dos proxectos aprobados, desta volta para a valorización de biotecnoloxía mariña, que na Universidade de Vigo coordina a profesora Julia Serra do Grupo de Novos Materiais cun orzamento de 260.000 euros, correspondendo 195.000 á convocatoria Poctep.

Outro dos proxectos aprobados, RED_MAY, está relacionado co envellecemento e a valorización da contorna rural. O profesor Luis Anido é o coordinador en Vigo dunha iniciativa que conta cun orzamento de 219.000 euros (164.000 deles dos fondos europeos) para crear unha rede de apoio e mantemento comunitario de persoas maiores no medio rural mediante a tecnoloxía e a innovación para conseguir o empoderamento das persoas maiores e apostar polo fogar dixital. Finalmente, a Universidade de Vigo tamén participa no proxecto Visit Río Minho, para o cal obtivo 65.000 euros dun orzamento total de 86.000. Dentro desta iniciativa, a institución académica, baixo a coordinación da profesora Josefina Garrido, do Grupo de Entomoloxía Acuática, avanzará na preservación e valorización do río Miño.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós