DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 12 de maio do 2017

Este venres clausurouse o II Taller de Simulación de Xuízos

Alumnado de Dereito ponse na pel de xuíces e letrados na Audiencia Provincial de Ourense

A sentencia do caso representado foi condenatoria para un dos acusados e de absolución para outro


ImageA sala da Audiencia Provincial de Ourense acolleu este venres o acto de clausura do II Taller de Simulación de Xuízos, organizado pola Delegación de Alumnos da Facultade de Dereito do campus. Durante a sesión deuse lectura á sentencia da simulación de xuízo desenvolvida a 'porta pechada' o pasado 5 de maio na mesma sala e que consistiu na vista dun procedemento sumario sobre abusos sexuais, tráfico de drogas e corrupción de menores. Nun contexto real, o alumnado púxose na pel de xuíces e letrados para experimentar en primeira persoa algo co que soñan facer moitos deles no seu futuro profesional.

Duvi | Ourense
A sala da Audiencia Provincial de Ourense acolleu este venres o acto de clausura do II Taller de Simulación de Xuízos, organizado pola Delegación de Alumnos da Facultade de Dereito do campus. Durante a sesión deuse lectura á sentencia da simulación de xuízo desenvolvida a 'porta pechada' o pasado 5 de maio na mesma sala e que consistiu na vista dun procedemento sumario sobre abusos sexuais, tráfico de drogas e corrupción de menores. Nun contexto real, o alumnado púxose na pel de xuíces e letrados para experimentar en primeira persoa algo co que soñan facer moitos deles no seu futuro profesional.

As partes do caso, desde os xuíces ás testemuñas, estiveron representadas na simulación por alumnado de terceiro e cuarto curso do grao de Dereito e do programa de simultaneidade ADE-Dereito, tutelados por Antonio Piña, presidente da Audiencia Provincial, e Míriam Martínez, docente da Facultade de Dereito. O obxectivo desta iniciativa foi achegar por segundo ano consecutivo a realidade da práctica xudicial aos futuros xuristas que se forman na Universidade de Vigo. “Estamos moi contentos co resultado, foi unha experiencia moi positiva para nós. Durante case dous meses, 15 estudantes traballamos o caso na facultade, simulando todo o proceso desde a presentación da denuncia, ata chegar hoxe á lectura da sentencia”, explica a estudante Beatriz Pardo en nome da organización.

Aprender practicando nun escenario real

Na simulación celebrada este venres os letrados da defensa foron Beatriz Pardo e Iván Fariñas; o ministerio fiscal estivo representado por Laura Ruíz; a acusación particular por Raquel Pateiro e os xuíces foron Diego Coimbra, Elena Álvarez e Sarai Vila. Con algo de nervios pola saída a escena pero ao mesmo tempo coa forza que dá verse vestidos coa toga, os participantes desenvolveron os seus papeis intentado axustarse ao que sería un caso real. “Creo que o fixemos moi ben. O máis importante aquí é aprender, practicar a oratoria, a exposición en público, a argumentación. E esta actividade axúdanos a perder o medo e a achegarnos ao que pode ser o noso futuro profesional”, destaca Beatriz Pardo.

Antonio Piña, presidente da Audiencia Provincial de Ourense, e Miguel Ángel Michinel, vicedecano da Facultade de Dereito, acompañaron aos estudantes na simulación, destacando por ambas partes o interese desta iniciativa levada a cabo polo alumnado e felicitando aos participantes nela. Para rematar a iniciativa, leuse a sentencia, que foi para un dos acusados do caso de dez anos e un día de prisión polos delitos xulgados e de absolución para o outro dos acusados, que si foi condenado por un delito de omisión de socorro cunha multa económica de seis meses, a razón de dous euros día. A defensa xa amosou a súa intención de recorrer a sentencia.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós