DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 12 de maio do 2017

Docentes, egresadas e alumnado da facultade participa na exposición do Marco ‘Alén dos xéneros’

Unha panorámica da arte feminista galega na que BBAA é protagonista

A mostra reúne as creacións de Yolanda Herranz, Mar Caldas, Xoán Anleo ou Chelo Matesanz


ImageDar visibilidade ás prácticas artísticas feministas que se veñen desenvolvendo en Galicia desde a década de 1990 ata a actualidade é o propósito central de Alén dos xéneros, a exposición comisiariada por Ánxela Caramés que nestes meses pode visitarse no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco). Unha selección de obras de 50 artistas integra unha mostra que indaga na pluralidade de temáticas abordadas desde a arte feminista, reunindo proxectos tanto de artistas xa consolidadas cos das novas xeracións de creadores e creadoras, boa parte delas formadas na Facultade de Belas Artes.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Dar visibilidade ás prácticas artísticas feministas que se veñen desenvolvendo en Galicia desde a década de 1990 ata a actualidade é o propósito central de Alén dos xéneros, a exposición comisiariada por Ánxela Caramés que nestes meses pode visitarse no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco). Unha selección de obras de 50 artistas integra unha mostra que indaga na pluralidade de temáticas abordadas desde a arte feminista, reunindo proxectos tanto de artistas xa consolidadas cos das novas xeracións de creadores e creadoras, boa parte delas formadas na Facultade de Belas Artes, como amosa o feito de que máis da metade dos participantes nesta exposición sexan estudantes ou egresadas dun centro tamén representado na mostra por docentes como Yolanda Herranz, Mar Caldas, Chelo Matesanz ou Xoán Anleo.

Ata o 11 de xuño poderá visitarse no Marco unha exposición estruturada en tres bloques temáticos, a relación entre o feminino e o feminista, a revisión do concepto de masculinidade e os corpos e as sexualidades queer, co propósito trazar unha panorámica das diferentes tendencias e achegas do feminismo á arte contemporánea. Preto de 30 artistas formados ou que cursan actualmente estudos de posgrao na facultade forman parte tamén dunha exposición que permite, entre outros, ver os traballos Sonia Tourón, Basilisa Fiestras, Mónica Cabo, David Catá, Julio Álvarez Bautista, Colectivo LAG, Xisela Franco ou Mar Ramón.

Da violencia machista aos roles de xénero

Temáticas como a sexualidade, os roles de xénero, a maternidade ou a violencia machista forman parte dunha mostra na que, por exemplo, Herranz propón unha reflexión sobre esta última temática e sobre a "insostible distancia" entre a igualdade nos planos legal e real cunha obras que emprega a palabra como "arma para a loita". A esta proposta a catedrática de Escultura suma ademais unha instalación, Desterros, realizada especificamente para Alén dos xéneros, así como as fotografías que documentan o seu proxecto Caídas, unha “alegoría reivindicativa ás heroínas anónimas de todas as batallas”, que realizou en 1997 no monumento aos caídos de Ponte Sampaio.

Reflexionar “sobre as relacións de poder que existen nas relacións íntimas” e denunciar a como se inculca a “pasividade” ás mulleres constitúen por o eixo das series fotográficas de “carácter performático” realizadas na década de 1990, Guarda-roupa e Cautiverio, que Mar Caldas, amosa nesta exposición., Mostra á que tamén achega El mundo patas arriba, unha intervención realizada para o proxecto Inéditos do profesor Manuel Sendón, que a levou a redeseñar portadas de revistas intercambiando personaxes masculinas por femininas, “de tal forma que se invertían os roldes socialmente asignados en función do xénero e se desnaturalizaba a división sexual”.

Prácticas feministas de mulleres e homes

Ofrecer unha revisión das prácticas feministas realizadas tanto por mulleres como por homes é outro un dos obxectivos dunha mostra que se traslada ás propias escaleiras do Marco con dúas pancartas que Anleo realizou nunha residencia artística na cidade de México. “O valor diferencial da exposición radica non só na súa achega á visibilización do traballo das mulleres senón tamén na participación de homes como suxeitos activos na produción de subxectividade e na deconstrución de identidades”, que permite descburir “unha realidade moi rica e diversa, descoñecida na arte galega”, engade este docente, que tamén presenta unha serie pezas de vídeo e unha instalación integrada por carteis de diferentes exposicións focalizadas en temáticas feministas ou queer.

Tamén forman parte desta mostra cinco obras que Matesanz realizou ao longo dos últimos 15 anos e que abordan “temas moi similares, desde solucións plásticas e conceptuais diferentes”. “As temáticas de xénero sempre foron un eixo fundamental no meu traballo”, recoñece esta artista que incide no valor de “achegar solucións ou estratexias artísticas anovadoras e creativas” como unha forma de “buscar a especifidade do xénero”.

De Vigo a Valencia

Anleo, Hérranz e Caldas están tamén representados noutra exposición que parte da perspectiva de xénero, desta volta para reflexionar sobre a situación laboral, Women at Work, Mujer, Arte y Trabajo en la globalización, que ata finais de mes reúne na sala de exposicións Josep Renau da Universitat Politécnica de Valencia os traballos de máis de 40 artistas e colectivos. “Comparto a opinión de Amelia Jones de que as prácticas feministas revolucionaron totalmente o campo da arte”, sinala nese senso Caldas, que lembra nese senso iniciativas levadas a cabo polo colectivo MAV (Mujeres en las Artes Visuales) ou na propia Sala X da facultade e achega tamén a esta exposición El mundo patas arriba, ao tempo que o ensaio La profesión (sexuada) de artista á publicación impulsada ao abeiro desta exposición.

Herranz, pola súa banda, presenta nesta mostra a instalación sonora En cuerpo y alma, na que incide na “relevancia social da organización dos coidados” partindo da experiencia vivida coa súa propia nai. Esta docente e artista, por outra banda, foi tamén a única representante de Belas Artes no I Simposio Internacional de Arte Contemporánea de Guarda (Portugal), de onde xurdiron unha serie de 46 obras de serigrafía dixital, entre elas as dúas que realizou no marco do seu proxecto Como ganar el cielo, e que, trala exposición inaugural, puideron verse xa en Ribeira e Ciudad Real, para viaxar nos próximos meses a Évora e Lisboa.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós