DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 15 de maio do 2017

A Universidade desvela o nome dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2017

Unha pequena recompensa á creatividade literaria máis enxebre na semana das letras

A entrega dos galardóns será o día 23 de maio nun acto institucional que se celebrará no edificio Miralles


ImageNa semana na que Galicia celebra con actos espallados por todo o país as Letras Galegas, centrados nesta ocasión na figura de Carlos Casares, a Universidade súmase tamén a estas celebracións, entre outras accións, dando a coñecer o nome dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2017, galardóns que este ano recaeron en Genaro Da Silva, na categoría Poesía; Lidia Dosil, en Relato curto; e Manuel Arca, en Tradución literaria, tres estudantes da Universidade de Vigo, cada un do seu ámbito de saber, cada un coas súas propias inquietudes, pero os tres coa inquedanza común de empregar as letras como ferramenta de creación en galego.

D. Besadío | Vigo
Na semana na que Galicia celebra con actos espallados por todo o país as Letras Galegas, centrados nesta ocasión na figura de Carlos Casares, a Universidade súmase tamén a estas celebracións, entre outras accións, dando a coñecer o nome dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2017, galardóns que este ano recaeron en Genaro Da Silva, na categoría Poesía; Lidia Dosil, en Relato curto; e Manuel Arca, en Tradución literaria, tres estudantes da Universidade de Vigo, cada un do seu ámbito de saber, cada un coas súas propias inquietudes, pero os tres coa inquedanza común de empregar as letras como ferramenta de creación no idioma galego.

Presentáronse preto de 40 traballos, todos procedentes de membros de comunidade universitaria, “unha excelente colleita”, a xuízo do xurado, quen, dada a calidade dos traballos presentados, decidiu recomendar a publicación de varios traballos “de gran valía” que non forman parte da selección final. A entrega dos galardóns será o vindeiro martes día 23 nun acto institucional que nesta ocasión se celebrará no edificio Miralles.

Da Silva: “Aínda que soe feo, o premio supón diñeiro”

Na categoría de Poesía, na que se presentaron un total de 12 traballos “de moi elevada calidade”, segundo recalcou o xurado, o primeiro premio foi para Hadewijch, de Genero da Silva, quen xa quedara finalista noutras convocatorias. Biólogo, enxeñeiro forestal e a piques de presentar unha tese de doutoramento sobre ecoloxía e conservación de libélulas, Da Silva explica que Hadewijch é o título dun filme de Bruno Dummont “sobre unha rapariga mística e a súa relación con Deus, a igrexa, a fe e o desexo, e que acaba dunha forma bastante violenta”, explica o autor, ao tempo que fai fincapé en que “os poemas fan diferentes lecturas dunha posible escena descartada da película”. Gañador en dúas ocasións de accésits deste mesmo premio e do premio de poesía da Universidade de Zaragoza en 2006, Da Silva considera que os premios non teñen para el moita importancia e “aínda que soe feo, o premio supón diñeiro”.

Xunto a Hadewijch publicaranse tamén Recuperar as mans de Tamara Andrés, como 1º accésit; e Nas ribeiras dos finisterraes de Paulo Vilar, como 2º accésit, ademais de Un outono en Berlín, de Martín Iglesias e Capítulo de Anxo Mena.

Dosil: “Este premio é un recoñecemento á creatividade”

En Relato curto presentáronse 16 traballos e o xurado elixiu como gañador Misións da estudante de Publicidade e Relacións Públicas Lidia Dosil. “Este relato conta a historia dunha parella que decide embarcarse nunha aventura, nun programa de misións especiais, aínda sen saber a ciencia certa de que vai a cousa. Tras un largo proceso de selección son escollidos para formar parte do programa, pero tan pronto chegan ao campo onde se incorporan ao resto de integrantes, todo comeza a torcerse”, explica Dosil, para quen esta é a primeira vez que recibe un premio literario. “Gañar este tipo de premios sempre supón unha alegría e un recoñecemento, pero cando estudas unha carreira tan relacionada coa creatividade como é a publicidade, a importancia magnifícase. Porque a creatividade está en todo, desde a cousa máis simple do día a día ata a mellor campaña publicitaria”, explica a estudante, ao tempo que recalca a idea de que para ela “este premio é un recoñecemento á creatividade”.

Contacontos cotiáns, de Xosé Sobral, como 1º accésit, e Cortiza Blanca, de Antía Iglesias, como 2º accésit, completan a listaxe de traballos que se publicarán en Relato curto.

Arca: “Facer a miña achega ao sistema cultural galego”

No caso da Tradución literaria, o xurado decidiu entregar o primeiro premio á tradución dun texto de Raymond Carver realizada por Manuel Arca, estudante de Tradución e Interpretación, na modalidade de galego-inglés. “Nunca antes me presentara a un premio de tradución, así que recibo este recoñecemento con máis ilusión se cabe”, explica o alumno, que apunta tamén que esta tradución supón para el “facer a miña achega, por pequena que sexa, ao sistema cultural galego, que resiste ás boquexadas os ataques de cantos desexan velo esmorecer”. Carver parecíalle un escritor que cumpría introducir na literatura galega. “Alén de estar a súa obra publicada en catalán, vasco e español, consideraba que tiñamos que facer xustiza a persoeiros que, como Haruki Murakami ou Lois Pereiro, viron en Carver unha parte fundamental da literatura norteamericana”, recalca Arca, quen explica que lle levou moito tempo dar cun resultado definitivo que o convencese. “Algunhas das miñas amizades fixeron lecturas do texto e achegaron certas suxestións no plano lingüístico, algo que agradezo publicamente de corazón”, recalcou.

Ademais do traballo de Arca publicarase tamen a tradución dun texto de Azhar Abidi, realizada por Moncho Iglesias , como 1º accésit; e doutro de Chimamanda Ngozi Adichie, feita por Hadrián Pérez, como segundo; así como un de Randa Jarrar, realizado tamén por Moncho Iglesias.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós