DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 15 de maio do 2017

Os editores da ACS recoñecen 365 traballos científicos ao ano, entre os máis de 50.000 recibidos

Un artigo do Departamento de Química Orgánica, distinguido polo programa Editor’s Choice da Sociedade Americana de Química

O traballo do equipo vigués está publicado en 'The Journal of Organic Chemistry'


Image“Cando estudamos unha reacción química normalmente non podemos obter datos máis aló duns poucos lugares por onde pasan as moléculas que están a reaccionar, é como si todo ocorrese mediante túneles aos que non podemos acceder e só puidésemos saber que fan e onde van as moléculas a través de curtos espazos abertos entre dous túneles”, explica Carlos Silva, docente e investigador do Departamento de Química Orgánica da Universidade de Vigo, que xunto a Olalla Nieto e Roberto Villar é o autor do artigo Efectos dinámicos responsables dunha alta selectividade nunha sigmatrópica [3,3] que presenta un estado de transición bispericlíclico, que vén de ser distinguido polo programa Editor’s Choice da Sociedade Americana de Química, ACS. O artigo recibiu o recoñecemento das e dos editores das máis de 50 revistas da Sociedade, que publica uns 50.000 artigos anuais.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
“Cando estudamos unha reacción química normalmente non podemos obter datos máis aló duns poucos lugares por onde pasan as moléculas que están a reaccionar, é como si todo ocorrese mediante túneles aos que non podemos acceder e só puidésemos saber que fan e onde van as moléculas a través de curtos espazos abertos entre dous túneles”, explica Carlos Silva, docente e investigador do Departamento de Química Orgánica da Universidade de Vigo, que xunto a Olalla Nieto e Roberto Villar é o autor do artigo Efectos dinámicos responsables dunha alta selectividade nunha sigmatrópica [3,3] que presenta un estado de transición bispericlíclico, que vén de ser distinguido polo programa Editor’s Choice da Sociedade Americana de Química, ACS. No traballo recoñecido polos editores das máis de 50 revistas da Sociedade, que no seu conxunto publican uns 50.000 artigos anuais, dos que só 365 son seleccionados ao ano dentro do programa, o equipo do departamento da Universidade de Vigo estuda un tipo de reacción bastante especial “onde unha molécula entra nun deses túneles pero non sae por onde se espera. Ademais de describir este curioso efecto fomos capaces de identificar que partes da molécula son as responsables de que isto ocorra y de dirixir preferentemente a molécula cara unha outra saída”, explica Silva.

O artigo de Villar, Nieto e Silva, “no que empregamos os modelos da mecánica cuántica aplicados ás reaccións químicas para entender como ocorren a un nivel microscópico”, sinala un dos autores, está publicado no número desta quincena de The Journal of Organic Chemistry, unha das revistas máis importantes da área da química orgánica, que no último ano só distinguiu sete artigos dentro do programa Editor’s Choice, entre eles o do premio Nobel Ben Feringa. “Este recoñecemento en primeiro lugar é un sinal de que se valora o noso traballo de investigación. Ademais faise nun foro moi competitivo, onde chegan decenas de artigos diariamente e os filtros son bastante severos. Logo, ten tamén implicacións na difusión que vai disfrutar este traballo, de xeito que calquera persoa pode descargarse o artigo e lelo, estea nun centro académico ou de investigación que pague a subscrición ás revistas da ACS ou non”, explica Carlos Silva, que tamén destaca que o artigo aparecerá anunciado ata o día 20 de maio na páxina principal da revista, que recibe 10 millóns de visitas diarias.

O programa Editor’s Choice comezou o ano 2015 co obxectivo de, por unha banda, dar a coñecer a alternativa Open Access e, pola outra, premiar artigos particularmente relevantes publicándoos en Open Access, sen cargo para o autor. “Cada día os editores de todas as revistas da ACS, máis de 50 na actualidade, escolle un único artigo entre todos e o declaran Editor’s Choice. Os autores non propoñemos os nosos traballos para este recoñecemento é algo que fan os editores da ACS de oficio, por iso para nós cando recibimos a notificación do recoñecemento foi unha enorme sorpresa”, explica o docente e investigador da Universidade de Vigo.

Dous anos de traballo previo

Aínda que o traballo recollido no artigo distinguido polos editores da ACS desenvolveuse ao longo duns cinco meses, Silva aclara que estes resultados non serían posibles sen a investigación levada a cabo os dos dous anos precedentes, nos que xa estaban a afondar nesta cuestión. “A temática deste artigo é algo que sempre afectou en certa medida ao noso traballo, pero non tanto porque estudásemos estes efectos, senón sobre todo porque sabiamos que non estudalos limitaba a nosa capacidade de simular correctamente certos procesos químicos”, explica o investigador, que engade que unha vez enfrontados a unha reacción química que invitaba a pensar que estes efectos ían ter unha forte manifestación deixáronse levar pola tentación de caracterizalos. “Logo tivemos a fortuna de que as nosas sospeitas no só se confirmaron, senón que puidemos manipular en certo modo estes efectos para dirixir as moléculas cara a un ou outro produto”, detalla Silva, que lembra que xa recibiran algún outro recoñecemento por contribucións de especial relevancia en congresos internacionais, aínda que non comparables con esta dos editores da ACS.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós