DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 16 de maio do 2017

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 30 de xuño

O concurso Galileo Masters busca as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite

Organizado pola ESA, en Galicia conta coa colaboración de Universidade e Zona Franca


ImageAxencia Espacial Europea, ESA, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais puxeron en marcha en 2004 a European Satellite Navigation Competition (ESNC) ou Galileo Masters. Este concurso promóvese en diferentes rexións europeas en colaboración con socios locais e, dende 2015, tamén en Galicia, coa participación da Universidade de Vigo e Zona Franca. A edición deste ano ten xa aberto o prazo de presentación de candidaturas na procura das mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite. O premio ao gañador rexional de Galicia obterá un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

M. Del Río | Vigo
Axencia Espacial Europea, ESA, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais puxeron en marcha en 2004 a European Satellite Navigation Competition (ESNC) ou Galileo Masters. Este concurso promóvese en diferentes rexións europeas en colaboración con socios locais e, dende 2015, tamén en Galicia, coa participación da Universidade de Vigo e Zona Franca. A edición deste ano ten xa aberto o prazo de presentación de candidaturas na procura das mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite.

O premio ao gañador rexional de Galicia obterá un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo, incluíndo a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, servizos administrativos e xerais, coaching de negocios, consultoría, avaliación e formación, estudos de mercado e orientación económica. Ademais do premio rexional, os participantes poden optar a seis galardóns internacionais e repartiranse máis de 1 millón de euros en premios e o gañador viaxará de balde á cerimonia internacional de entrega de galardóns, que terá lugar en outubro.

Un ano de incubación para o gañador da fase galega

Na fase galega do ESNC, a Axencia Espacial Europea conta como socios co Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Universidade de Vigo, Campus do Mar e o centro de investigación AtlantTIC. O obxectivo é buscar os mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por satélite na vida cotiá. Nas dúas primeiras edicións galegas do concurso os gañadores foron estudantes e investigadores da EE de Telecomunicación. Francisco Javier Díaz-Otero, docente e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e coordinador rexional do concurso lembra que poden presentarse ideas de negocio independentemente do estado de desenvolvemento no que se atope o proxecto ou servizo, xa que algún dos premios están orientados a favorecer e facer agromar ideas embrionarias para convertelas en realidades empresariais. Os premios inclúen acceso a incubadoras de empresas, formación para emprendedores, consultoría de patentes, apoio á realización de estudos de mercado, apoio técnico, apoio á comercialización e acceso a expertos e financiación pública, entre outros.

O 30 de xuño péchase o prazo de presentación de candidaturas. A xuntanza internacional de avaliación terá lugar en setembro e a cerimonia de entrega de premios no mes de outubro.

Galicia, sexta rexión do mundo que máis proxectos presenta

En 2016 Galicia confirmouse como a sexta rexión do mundo con máis proxectos presentados ao certame, un total de 26, xestados nas universidades, centros tecnolóxicos e empresas, resultando gañador un proxecto da EE de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Tras os bos resultados das dúas edicións anteriores, o profesor Francisco Javier Díaz-Otero agarda que este ano se incremente a participación universitaria. En 2016 houbo case a mesma participación da comunidade universitaria ca do tecido empresarial, “polo que a competición cada ano está máis axustada e este ano agardamos que os estudantes do novo grao de Enxeñaría Aeroespacial e os de Enxeñaría Informática do campus de Ourense se animen a achegar ideas en ámbitos distintos”.

O docente anima a estudantes e investigadores a participar e subliña que ademais do millón de euros en premios, arredor do concurso existe unha rede europea de 250 socios académicos e empresariais e máis de 10.000 comunicacións enviadas a medios de comunicación, empresas e axentes relacionados coa navegación vía satélite en toda Europa. “A visibilidade e promoción dos gañadores fai que o 60% das ideas rexionais gañadoras acaben incubando con éxito a súa idea e converténdose nunha pequena ou mediana empresa de éxito”. De feito, o catedrático de Teoría da Sinal e das Comunicacións Manuel García e o investigador do Grupo Sistemas de Radio Daniel Gómez, gañadores da edición de 2016, xa están en contacto con empresas interesadas no desenvolvemento e comercialización da súa idea, un radar pasivo biestático que axuda a aterrar drones en circunstancias desfavorables, con néboa ou fume, durante a noite ou en casos nos que a plataforma para aterrar se atope en movemento, como un barco.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós