DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 16 de maio do 2017

O campus sumouse este martes á conmemoración do día grande da lingua

Música, teatro e as laranxas máis laranxas de todas as laranxas para celebrar as Letras Galegas

A biblioteca acolleu varias actuacións inspiradas na obra de Carlos Casares


ImageO campus de Ourense sumouse este mércores á celebración do Día das Letras Galegas 2017 o 17 de maio cunha programación dedicada ao escritor homenaxeado nesta edición, o ourensán Carlos Casares. Membros da comunidade universitaria de diferentes xeracións e colectivos participaron nunha actividade que tivo lugar na Biblioteca Rosalía de Castro do campus e que consistiu nunha actuación musical e outra teatral inspiradas nalgunhas das obras máis populares do autor homenaxeado como son As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e A galiña azul.

Rosa Tedín | Ourense
O campus de Ourense sumouse este mércores á celebración do Día das Letras Galegas 2017 o 17 de maio cunha programación dedicada ao escritor homenaxeado nesta edición, o ourensán Carlos Casares. Membros da comunidade universitaria de diferentes xeracións e colectivos participaron nunha actividade que tivo lugar na Biblioteca Rosalía de Castro do campus e que consistiu nunha actuación musical e outra teatral inspiradas nalgunhas das obras máis populares do autor homenaxeado como son As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e A galiña azul.

Rachando por sorpresa o tempo de estudo e lectura dos usuarios do centro, a actividade que se desenvolveu na sala principal da biblioteca universitaria consistiu na representación dunha adaptación teatral da peza de Carlos Casares As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, dirixida pola docente da Facultade de Ciencias da Educación do campus Isabel Mociño e interpretada por alumnado de cuarto curso do grao de Educación Primaria. A súa actuación estivo intercalada coa interpretación a cargo de Susa Herrera, contacontos e docente do mesmo centro, e estudantes de segundo curso de Primaria e de terceiro de Infantil de tres cancións, tituladas O peixe da fonte do xardín, A bomba da felicidade e A galiña azul. Estas pezas, creadas por Herrera, están inspiradas nos textos que conforman a obra A galiña azul. O acto, aberto a todas as persoas interesadas, contou coa asistencia do alumnado da Escola Infantil do campus de Ourense e coa organización de, ademais das docentes implicadas, de persoal da Área de Cultura e da propia Biblioteca Rosalía de Castro.

Un referente

Trala representación, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, quixo precisamente destacar a importancia da mestura de colectivos, como estudantes, profesorado e persoal de administración e servizos, e de xeracións, desde os nenos e nenas da escola infantil ata o profesorado, que confluíu nesta celebración do Día das Letras Galegas. “Este acto representa moi ben a vitalidade e a forza da universidade e amosa os froitos do traballo colaborativo que nela se realiza”, subliñou Virxilio Rodríguez. O vicerreitor do campus fixo fincapé na importancia do Día das Letras Galegas como “a celebración do pobo” e como “a reivindicación dunha nación”. Tamén destacou a figura de Carlos Casares, da que lembrou que “era unha persoa implicada co país en diferentes facianas”, sinalando a súa traxectoria política, literaria e editorial. “Era unha persoa referente, un galego referente”, dixo o vicerreitor do campus.

Agradecendo a asistencia do público presente e o esforzo feito polo alumnado para preparar as pezas representadas, Isabel Mociño desexou, ao igual que o fixo o vicerreitor do campus, “un feliz Día das Letras Galegas” a todos os presentes. Collendo as palabras de Castelao, a docente da Facultade de Ciencias da Educación fixo fincapé aos asistentes en como “se somos galegos é por obra e graza do idioma”. Trala súa intervención, Mociño entregou entre o aplauso dos asistentes un ramo de flores a Susa Herrera dada a súa inminente prexubilación este curso académico.

Acorde coa temática elixida para o acto, ao longo de todo o día, e especialmente trala actuación, repartiuse entre os usuarios da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense laranxas proporcionadas por Gadis coas que, facendo unha chiscadela ao título da obra de Casares, se quixo deixar un bo sabor de boca nos presentes ao mesmo tempo que se fomentaban os bos hábitos de saúde. A programación dedicada ao escritor ourensán continuará en xuño no campus de Ourense coa exposición As caras dos libros.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós