DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 16 de maio do 2017

Alumnado de Belas Artes impulsou no presente curso un club dedicado á banda deseñada

Cita semanal co mundo das viñetas

Tras participar en varios mercadiños no centro, traballan na elaboración dun fanzine


Image“Dar a coñecer o cómic dentro da facultade, reivindicando a súa importancia, e amosar todas as posibilidades que nos da para contar historias” é, como sinala a estudante de Belas Artes Noemí Comesaña, o propósito co que, a comezos de curso, un grupo de estudantes puxo en marcha un club de cómic que cada semana leva a un grupo de 14 alumnos e alumnas a afondar no mundo da banda deseñada. Nacido ao abeiro de A Franxa, o espazo semanal que a facultade reserva para actividades extraacadémicas, esta “actividade de achegamento” ao mundo das viñetas levou a este grupo a traballar nun fanzine que reúna unha serie de historias creadas en grupo.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
“Dar a coñecer o cómic dentro da facultade, reivindicando a súa importancia, e amosar todas as posibilidades que este nos da para contar historias” é, como sinala a estudante de Belas Artes Noemí Comesaña, o propósito co que, a comezos de curso, un grupo de estudantes do centro puxo en marcha un club de cómic, que cada semana leva a un grupo de 14 alumnos e alumnas a afondar no mundo da banda deseñada. Nacido ao abeiro de A Franxa, o espazo semanal que, a proposta da Delegación de Alumnos, a facultade reserva para actividades extraacadémicas, esta “actividade de achegamento” ao mundo das viñetas levou a este grupo de estudantes a desenvolver proxectos conxuntamente, participar nos mercadiños que se desenvolvían no centro coas súas creacións e a traballar na súa primeira publicación, un fanzine que reúna unha serie de historias creadas en grupo.

Antón Yañéz, Luna Vicente e Noemí Comesaña son os coordinadores dunha actividade cun funcionamento “moi sinxelo”, como sinalan, unha reunión semanal no espazo da Franxa para traballar nun proxecto común. Os inicios, recoñecen, “foron moi caóticos, xa que os tres organizadores somos de primeiro curso” e chegaron a contar con preto de 40 participantes, aínda finalmente son de 14 os alumnos e alumnas que conformaron o núcleo estable destas citas semanais. “En principio, sempre é complicado conseguir que o traballo en equipo estea equilibrado, pero vendo as virtudes de cada un, intentamos achegar o que mellor sabemos facer ao proxecto e ao mesmo tempo, aprender do resto para poder mellorar”, salienta Comesaña dunha iniciativa que, como indica, estalles permitindo tanto aprender a desenvolver story boards como a mellorar as súas habilidades no debuxo ou nos guións.

Resultados dispares partindo dun mundo común

Co propósito de promover unha primeira “actividade de achegamento ao cómic”, a proposta coa que este club botou a andar no primeiro cuadrimestre pasaba por idear “un mundo e e dous personaxes, a partires dunha especie de bingo, para que todos puideran participar”, para a partires de aí, crear por grupos unha serie de historias que partisen dos mesmos elementos comúns. “Pareceunos moi interesante polo diferentes que podían ser os resultados”, salienta Comesaña.

Esta mesma dinámica de traballo en grupo, explican, foi posteriormente a adoptada para o desenvolvemento de varios cómics curtos de diferentes estilos, que proxectan reunir no fanzine no que amosarán por primeira vez algúns dos resultados desas citas semanais. Mais, de xeito paralelo, este grupo de estudantes tamén achegou as súas creacións a algúns dos mercadiños celebrados no propio centro, como o que tivo lugar recentemente no marco da celebración do San Ero. Deste xeito, engade Yañez, proxectábase “dar a coñecer o club e o trabalo dos seus integrantes”, propósito que os levará tamén a participar como expositores en Expotaku, a feira dedicada á banda deseñada ou a animación xaponesa que se desenvolverá entre o 26 e o 28 de maio na Coruña.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós