DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 18 de maio do 2017

O catedrático emérito de Dereito Romano suma un novo recoñecemento á súa traxectoria

Luis Rodríguez Ennes, distinguido coa medalla de ouro do Foro Europeo Cum Laude

A gala de entrega celebrarase en Oviedo o día 3 de xuño


ImageDesde que o pasado ano Luis Rodríguez Ennes cumpriu 70 anos e se converteu en catedrático emérito de Dereito Romano da Universidade de Vigo os recoñecementos á súa traxectoria profesional sucédense. Cando aínda está recente na memoria a súa investidura o pasado 27 de abril como doutor honoris causa pola Universidad Nacional del Comahue, en Arxentina, o docente vén de recibir unha nova distinción, a medalla de ouro do Foro Europeo Cum Laude, que recibirá na gala de entrega que terá lugar o día 3 de xuño no Hotel da Reconquista, en Asturias.

Duvi | Ourense
Desde que o pasado ano Luis Rodríguez Ennes cumpriu 70 anos e se converteu posteriormente en catedrático emérito de Dereito Romano da Universidade de Vigo os recoñecementos á súa traxectoria profesional sucédense. Cando aínda está na memoria a súa investidura o pasado 27 de abril como doutor honoris causa pola Universidad Nacional del Comahue, en Arxentina, o docente vén de recibir agora unha nova distinción. Trátase nesta ocasión da medalla de ouro do Foro Europeo Cum Laude, que recibirá cos demais galardoados nesta edición na gala de entrega que terá lugar o día 3 de xuño no Hotel da Reconquista, en Asturias.

O Foro Europeo Cum Laude, explican os seus promotores, “é unha iniciativa compartida por destacadas personalidades da sociedade civil e os seus obxectivos son crear ámbitos adecuados para o intercambio e a divulgación de ideas entre distintos líderes da vida empresarial, cultural e política”. No marco das súas actividades atópase a entrega anual da medalla de ouro do Foro Europeo Cum Laude, que se concede a “presidentes de institucións, profesionais liberais e personalidades da sociedade civil que destacaron pola súa profesionalidade, europeísmo, humanidade ou pola súa capacidade de emprendemento e liderado”.

Alimentando a idea de Europa

“Síntome moi honrado de recibir este galardón, que trata de recoñecer os vencellos que ao longo da miña vida académica e investigadora sempre tiven con Europa”, sinala o catedrático emérito da Universidade de Vigo sobre o recoñecemento agora recibido. Estes vínculos, apunta, non se limitaron á relación investigadora e docente con institucións académicas de diferentes países europeos senón que, recalca, “na miña investigación sempre dediquei atención aos sistemas xurídicos comparados”. Deste xeito, apunta, recibe esta distinción como unha forma de “recoñecemento aos vencellos que sempre tratei de establecer entre o dereito romano, a docencia e a idea de Europa”.

Cunha traxectoria de 46 anos dedicados ao ensino e á investigación, Luís Rodríguez Ennes ten no seu haber máis de 200 publicacións científicas, 17 libros e outras tantas teses de doutoramento dirixidas, ademais dunha longa traxectoria como profesor visitante de máis dunha vintena de universidades europeas e americanas, entre outros méritos. Nesta traxectoria, ocupa un lugar destacado a Facultade de Dereito do campus de Ourense, da que foi promotor e primeiro decano, sendo na actualidade o seu decano honorífico.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós