DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 18 de maio do 2017

Co apoio do Concello, alumnado de CCSS e da Comunicación e BBAA desenvolveu intervencións na rúa

A homenaxe misteriosa a Carlos Casares xestouse no campus

A través de “trampantollos” que xogan coa perspectiva, representaron dúas obras e un retrato do escritor


ImageDesde comezos de mes, pode verse no chan de Montero Ríos e contra a parede do IES Vallé-Inclán unha galiña azul de grandes dimensións sen que ata o de agora se soubese do seu autor ou autora. O mesmo que aconteceu logo coa representación dun Vento Ferido aparecida a carón do Pazo de Mugartegui ou co retrato de Casares co que este mércores amencía a praza de Barcelos. Tres “trampantollos” que foron ideados por un grupo de seis estudantes das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes como unha homenaxe ao escritor recoñecido neste 2017 no Día das Letras Galegas.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Desde comezos de mes, pode verse no chan de Montero Ríos e contra a parede do IES Vallé-Inclán unha galiña azul de grandes dimensións sen que ata o de agora se soubese do seu autor ou autora. O mesmo que aconteceu logo coa representación dun Vento Ferido aparecida a carón do Pazo de Mugartegui ou co retrato de Casares co que este mércores amencía a praza de Barcelos. Tres “trampantollos” que foron ideados por un grupo de seis estudantes das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes como unha homenaxe ao escritor recoñecido neste 2017 no Día das Letras Galegas, como nesta xornada deu a coñecer o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.

Daniel Alonso, Andrea Vizcaíno, Óliver Alonso, Alejandra Iannone, Adrián Abilleira e Sabela Argibay son os seis estudantes, dos graos de Comunicación Audiovisual, Publicidade e RRPP e Belas Artes, que levaron a cabo esta “acción alternativa para recoñecer a figura de Casares”, como a presentou Oubiña. O edil agradeceu a colaboración do vicerreitor de campus, Juan Manuel Corbacho, cunha iniciativa na que os gastos de material foron sufragados pola Concellería de Normalización Lingüística e na que mantela en segredo ata a súa finalización era “parte do xogo” dun proxecto que buscaba causar sorpresa “e xerar un ruxe ruxe” entre a cidadanía.

Un proxecto levado a cabo con nocturnidade

Andrea Vizcaíno, Alejandra Iannone e Daniel Alonso acompañaron a Oubiña na presentación dun proxecto que, como explica este último, tiña como “obxectivo principal realizar unha homenaxe” a autor que vén de ser recoñecido neste 17 de maio, “facendo referencia a algunha das súas obras principais”. A obra de narrativa infantil A Galiña Azul e o libro de relatos Vento Ferido foron finalmente os dous textos seleccionados para unha representación gráfica na que, como explicou este estudante, “en lugar de facer un murar vertical, preferimos xogar coa perspectiva”. Deste xeito, crearon con cinta unha serie de figuras que ían do chan ás paredes, que realizaron empregando unha cámara e un láser, nun labor no que traballaron conxuntamente estudantes de tres titulacións, dada esa dificultade de “ver e facer en perspectiva” á que aludía Alonso.

Foi ademais un proxecto realizado ao longo de tres noites para manter ese factor sorpresa, que comezou na noite do 4 de maio coa galiña azul de Montero Ríos e continuou, na noite do 7 ao 8, coa “representación do vento” que centraba a segunda intervención para pecharse, na noite previa ao propio Día das Letras Galegas co retrato de Casares realizado en Barcelos. “Conseguimos o que queríamos, que se coñecese e se comentase”, salientou Alonso dunha iniciativa que buscaba provocar “unha reacción na xente”.

Ianonne pola súa banda salientou que se tratou de tres accións realizadas con “materiais non invasivos”, co propósito de que non deixen ningunha pegada no momento da súa retirada, e que ao mesmo tempo fosen resistentes para que puidesen permanecer nestes espazos ata o remate do Mes das Letras.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós