DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 18 de maio do 2017

Alumnado de Turismo participará do 10 ao 17 de xuño nun seminario na universidade HTW Saar

Próximo destino, Saarbrücken

Será a primeira edición dunha iniciativa que os seus promotores queren converter en anual


ImageO pasado mes de outubro a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu un seminario que permitiu ao seu alumnado do grao de Turismo compartir unha semana de actividades académicas e investigadoras cunha vintena de estudantes da universidade alemá HTW Saar, da cidade de Saarbrücken. No marco da colaboración establecida entre as dúas institucións académicas, en xuño 15 estudantes do centro ourensán desprazaranse á HTW Saar para participar durante unha semana na continuación dese seminario.

Rosa Tedín | Ourense
O pasado mes de outubro a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu un seminario que permitiu ao seu alumnado do grao de Turismo compartir unha semana de actividades académicas e investigadoras cunha vintena de estudantes da universidade alemá HTW Saar, da cidade de Saarbrücken. No marco da colaboración establecida entre as dúas institucións académicas, en xuño 15 estudantes do centro ourensán desprazaranse á HTW Saar para participar durante unha semana na continuación dese seminario.

Segundo explica Elena de Prada, vicedecana de Relacións Internacionais da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, esta relación naceu no marco da International Week, que cada curso trae a este centro a estudantes da Universidade de Bremerhaven e a docentes de diferentes países para compartir co alumnado ourensán unha semana de actividades académicas e de ocio. No seu panel de docentes internacionais, sinala, está desde 2008 Kerstin Heuwinkel, profesora da HTW Saar que puxo en marcha o curso pasado a visita de estudantes desa universidade a Ourense. "Do que se trata agora é de pór nós en marcha a contraparte, de sermos nós os que vaiamos a Alemaña para que o noso alumnado coñeza de primeira man non só outro modelo académico de estudos de Turismo senón outra forma de traballar no sector turístimo, no que eles se desenvolverán no futuro”, explica a vicedecana de Relacións Internacionais.

Proxectos conxuntos

O seminario que se levará a cabo en Saarbrücken terá lugar do 10 ao 17 de xuño, acudindo 15 estudantes do grao de Turismo acompañados pola docente Beatriz González e a propia Elena de Prada. Durante a súa estadía, universitarios dun e doutro país traballarán aspectos relacionados co turismo e a xestión cultural, co valor engadido de facelo desde dúas perspectivas e formacións diferentes, e desenvolverán de forma conxunta proxectos de turismo que presten especial atención aos aspectos culturais. A realización de traballos en equipos formados por participantes de diferentes nacionalidades permitiralle ao alumnado, subliñan os promotores da iniciativa, coñecer diferentes formas de organizar, abordar e desenvolver as tarefas, sendo o inglés o idioma de comunicación.

Os estudantes do campus que participarán na iniciativa, cuxos gastos de aloxamento e parte dos desprazamentos serán sufragados pola HTW Saar, foron seleccionados principalmente atendendo ao seu nivel de inglés, lingua de traballo do seminario. “Están moi ilusionados coa viaxe e con moitas ganas de vivir xa esta experiencia”, explica Elena de Prada. Do mesmo xeito que para o alumnado alemán a viaxe a Ourense supón unha experiencia nova na que teñen a oportunidade de ver un país que non se corresponde coa España de sol e praia que imaxinan, os responsables desta iniciativa salientan que agardan que a viaxe a Saarbrücken sorprenda aos estudantes ourensáns. A cidade, sinala a docente, “é moi interesante desde o punto de vista turístico, pois é un punto estratéxico e fronteirizo con algunha que outra similitude con Ourense”.

No marco do proxecto de internacionalización da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, no que se intenta que o alumnado estea cada vez máis exposto ao traballo noutras linguas e con outras realidades, Elena de Prada salienta que a intención do centro é que esta iniciativa que se pon este ano en marcha por primeira vez teña continuidade os vindeiros cursos. “O que queremos é que sexa un proxecto de futuro, que o noso alumnado saiba que cada ano ten a oportunidade de ir a este seminario en Saarbrücken se cumpre os requisitos”, comenta a docente.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós