DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 18 de maio do 2017

O cuarteto 1045 ofrecerá un concerto, con entrada libre, o vindeiro martes 23

O jazz retorna á Casa das Campás para fusionarse coas músicas do mundo e o funk

A formación ofrecerá un repertorio integrado por composicións propias e improvisacións


ImageA música jazz é desde hai tempo un elemento fixo na programación cultural da Vicerreitoría do campus, que se o pasado mes de abril achegaba á Casa das Campás a homenaxe da Django Reinhardt de David Regueiro Trío, o vindeiro martes 23 dará pé á súa combinación coas músicas do mundo e o funk que promove 1045. O cuarteto que integra o batería Miguel Lamas, xunto con Iago Mouriño, Octavio Vargase Pablo Añón, presentará nunha actuación con entrada libre ata completar aforo unha serie de composicións propias que combinan estas tres influencias é que dan pé, como sinala Lamas, a unha ampla marxe para a improvisación.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
A música jazz é desde hai tempo un elemento fixo na programación cultural da Vicerreitoría do campus, que se o pasado mes de abril achegaba á Casa das Campás a homenaxe da Django Reinhardt de David Regueiro Trío, o vindeiro martes 23 dará pé á súa combinación coas músicas do mundo e o funk que promove 1045. O cuarteto que integra o batería Miguel Lamas, xunto con Iago Mouriño ao teclado, Octavio Vargas ao baixo e Pablo Añón ao saxofón, presentará nunha actuación con entrada libre ata completar aforo unha serie de composicións propias que combinan estas tres influencias é que dan pé, como sinala Lamas, a unha ampla marxe para a improvisación.

“Dámoslle moito espazo á capacidade de crear no momento, o que fai tamén que ningún concerto sexa igual ao anterior”, sinala este batería ferrolán, considerado unha das novas promesas do jazz español. Non en van, ademais de ter conseguido, con só 16 anos de idade, catro bolsas consecutivas da AIE (Sociedad de Artistas Intérpretes y Ejecutantes), ten traballado xa, tanto en directos como en estudio, con artistas como Raimundo Amador, Tomatito, Miguel Rios, Pepe Bao, Dean Bowman, Roy Hargrove, Ludovico Vagnone ou Julie Guravich & Telespoting. Colaboracións que combina coa traxectoria da súa formación Miguel Lamas Quartet, coa que abrirá en xullo o XXV Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, así como con outros proxectos persoais como o cuarteto de jazz fussion co que chega á Casa das Campás.

Un repertorio que só é un punto de partida

“Aínda que os músicos somos os mesmos, trátase doutro repertorio, digamos que é unha fusión entre o jazz, as músicas do mundo e o funk dos 70”, explica Lamas do repertorio de 1045. Non obstante, aínda que o punto de partida sexan unha serie de composicións propias, a base das súas actuacións “é o aquí e o agora, ir creando o que xurde no momentoaínda que partamos duns temas predeterminados”. Nese senso, o momento e o lugar resultan, como recoñece, determinantes do transcurso duns concertos que "sempre son únicos" e nos que, como explica inflúen o escenario no que se enmarcan e a interacción co público, de aí que recoñeza que en lugares cun aforo limitado, como é a Casa das Campás, onde a súa actuación foi programada para as 20.30 horas, “atopámonos felices”.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós